Cambio de paradigma nos procesos de avaliación do profesorado
Nos últimos anos producíronse unha serie de cambios que é importante coñecer, xa que implican unha nova filosofía (avaliación, ciencia aberta) que ven para quedarse.
- Increméntase a tipoloxía das achegas (conxuntos de datos, metodoloxías, programas de ordenador, e modelos de aprendizaxe automática) que se poden presentar ao Sexenio, esvaecéndose en certa medida a diferenza entre achegas ordinarias e extraordinarias.
- Requerimento de depósito nun repositorio. Tanto as 5 achegas principais como as 2 substitutivas deben estar depositadas nun repositorio (institucional, temático ou xeneralista). Tedes aquí toda a información sobre este requerimento.
- Sistema de publicación. As achegas deben ter sido rexistradas ou publicadas, segundo a súa tipoloxía, nos anos que se van avaliar. Como novidade admítense, para o caso das revistas científicas, artigos publicados en novos sistemas coñecidos como publicación contínua (forthcoming, online first, in press, etc.), coa obrigatoriedade de presentar o identificador persistente da dita publicación.
- Cambios nos criterios de avaliación. Se os criterios tradicionais para a avaliación da contribución foron fundamentalmente criterios cuantitativos como o número de citas recibidas, o factor de impacto e cuartís do medio de difusión, ou a presenza en certas bases de datos ou repertorios bibliográficos; agora a ANECA quere darlle máis peso a criterios cualitativos e á achega fronte ao medio de difusión seguindo os preceptos do manifesto de Leiden, a Declaración de San Francisco (DORA) e a Coalition for Advancing Research Assessment (CoARA), e solicita unha fotografía máis complexa e rica, no que se valorarán as seguintes dimensións (ver Apéndice dos criterios da CNEAI):
- Dimensión a nivel achega (métricas de citación, de uso e lectura, de influencia, utilización ou adopción social)
- Dimensión a nivel medio de difusión (métricas de impacto do medio de difusión (revista, monografía, congreso…) e sobre a calidade na súa xestión)
- Dimensión relacionada coa contribución á ciencia aberta (depósito en repositorios de acceso aberto institucionais, temáticos ou xeneralistas; compartición de datos, metodoloxías, programas e modelos de aprendizaxe; e ciencia aberta á sociedade)
- Presenza en bases de datos e repertorios bibliográficos. Os novos criterios establecen que a presenza neste tipo de ferramentas pode sumar na valoración ou servir como argumento complementario, pero en ningún momento servir para obter valoración positiva automática sen ter en conta a calidade intrínseca do contido.
- Unificación de criterios de avaliación. A tendencia é, respectando a idiosincrasia da produción científica de cada campo, establecer uns criterios máis homoxéneos da avaliación da calidade. En base a isto:
- Elimínase da resolución o apartado de mínimos orientativos que aparecía en cada campo.
- Publícase un baremo único para a aplicación dos mesmos criterios en todos os comités asesores, eliminando así os baremos específicos de cada campo.
- Penalizacións. Este novo baremo penaliza gravemente (en moitos casos é motivo de exclusión) malas prácticas do ámbito editorial, entre elas:
- Reiteración de publicacións (nas mesmas revistas ou editoriais científicas, particularmente en números especiais)
- Conflito de interese editorial (relación dos autores co comité editorial que comprometan a obxectividade e a calidade da avaliación)
- Malas prácticas de publicación (duplicación de contidos, tradución de obra propia, plaxio, alteración de datos, sofrer retractación…)
- Procesos de revisión non contrastables (publicación en medios que practican unha revisión por pares deficiente, periodos de aceptación moi breves de maneira inxustificada, etc.)
- Bibliometría narrativa. A ANECA non só está a pedir que simplemente incorporemos estas métricas, senón que se contextualicen a través dun relato, dunha "narración xustificativa dos indicios de relevancia e impacto de cada achega, apoiados por un uso responsable de indicadores cuantitativos". Isto coñécese coma bibliometría narrativa. Tedes aquí máis información sobre que é a bibliometría narrativa.
- Autoría. O solicitante debe xustificar unha participación activa na obra que postula e especificar o seu rol na súa elaboración. Esta información deberá presentarse, como mínimo dentro da narrativa, seguindo a taxonomía CRediT. Segundo o baremo publicado, unha autoría insuficientemente xustificada restaría un 15% na puntuación da aportación.
- Campo 0: Interdisciplinar e multidisciplinar. Ideal para aquelas persoas que consideren que as súas achegas "no seu conxunto son de difícil encaixe no resto dos campos por incluir achegas a diversas disciplinas". Para saber con máis detalle cando solicitar a avaliación por este campo ou non podedes consultar as FAQs da ANECA.