Regulamento de estudos propios de posgrao

logotipoPREÁMBULO
A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU) nos artigos 2.g e 34.3 recoñécelle ás universidades, no uso da súa autonomía, a posibilidade de impartir estudos conducentes á obtención de diplomas e títulos propios, os cales carecerán dos efectos que as disposicións legais concedan aos títulos oficiais.


Os artigos 2 e 3 do Real decreto 55/2005, respectivamente, definen os títulos propios das universidades e regulan a súa expedición, o seu desenvolvendo e o artigo 34.3 da LOU. Tamén o Convenio interuniversitario español sobre estudos propios de posgrao conducentes a títulos propios das universidades persegue unha homoxeneización destes entre as diversas universidades do Estado e establece normas relativas ao seu alcance académico, á súa obtención e á súa expedición.

Os Estatutos da Universidade da Coruña determinan, no seu artigo 49, que a nosa institución “ademais de impartir estudos conducentes á obtención de títulos oficiais, poderá establecer outros para a obtención de diferentes títulos propios, así como programas de especialización profesional e de formación permanente”.

A Xunta de Goberno da Universidade da Coruña, na súa sesión do día 21 de decembro de 2000, aprobou o Regulamento de estudos de posgrao co obxecto de consolidar e de regular a súa oferta de estudos de posgrao. A modificación do marco regulador xeral, a adaptación do sistema universitario ao Espazo Europeo de Educación Superior, a recente implantación de programas oficiais de posgrao na Universidade da Coruña e a propia experiencia de traballo no desenvolvemento na práctica do regulamento de estudos propios de posgrao aconsellan unha actualización e unha revisión deste que afecta mesmo a súa denominación.

En definitiva, o presente Regulamento de estudos propios de posgrao da Universidade da Coruña ten como obxectivo establecer as normas xerais que regulen a organización e a aprobación dos estudos propios de posgrao da UDC e respecta o establecido no Real decreto 56/2005 polo que se regulan os estudos universitarios oficiais de posgrao. Así, a presente norma será de aplicación aos estudos propios de posgrao da UDC, en que se consideran como tales aqueles estudos de posgrao non establecidos con carácter oficial, que foren aprobados pola UDC.

 

TÍTULO PRELIMINAR: Natureza dos estudos propios de posgrao da UDC
Artigo 1
A UDC, no uso da súa autonomía e de conformidade coa lexislación vixente, poderá impartir estudos encamiñados á obtención de diplomas e títulos propios. Estes diplomas e títulos propios carecerán dos efectos que as disposicións legais lle concederen aos títulos universitarios de carácter oficial.
Artigo 2
Os estudos propios de posgrao da UDC rexeranse polas disposicións legais vixentes que foren de aplicación así como polo presente regulamento.
Artigo 3
A implantación dos estudos propios de posgrao responderá a criterios de interese científico, profesional, social, económico ou artístico, sen pretender substituír ou competir con aqueles estudos conducentes a obtención de títulos oficiais.
Artigo 4
A carga lectiva global e os contidos dos planos de estudo (módulos temáticos, materias específicas e demais actividades formativas que se consideraren pertinentes) dos estudos propios de posgrao da UDC estableceranse en créditos. Para tales efectos, entenderase como crédito o regulado no RD 1125/2003 (crédito ECTS) que, ademais dos ensinos teóricos e prácticos, inclúe outras actividades académicas dirixidas e as horas de estudo e de traballo dedicadas polo estudante para acadar os obxectivos propios de cada materia.

O número mínimo de horas por crédito será de 25 e o número máximo será de 30 horas. Tenderase a estimar en 25 horas o traballo do alumno por cada crédito ECTS.
Artigo 5
Entre os estudos propios de posgrao da UDC distinguiranse aqueles conducentes á obtención dun título universitario propio, que será expedido polo reitor e con constancia rexistral no Rexistro de títulos propios de posgrao establecido pola UDC, daqueles cuxa superación sexa acreditada mediante un diploma ou unha certificación universitaria.

TÍTULO PRIMEIRO: Estudos propios de posgrao da UDC: descrición, características e acceso
Capítulo I. Estudos conducentes a títulos propios de posgrao da UDC

Artigo 6
A oferta de estudos de posgrao conducentes á obtención dun título universitario propio da UDC concrétase en dúas categorías de cursos de posgrao: mestrado e cursos de especialización.
Artigo 7
1. Os mestrados ou másteres corresponderán os estudos de posgrao de maior duración e nivel, de xeito que un mestrado desenvolverá formación de posgrao, de carácter especializado ou multidisciplinario e dirixido a proporcionar unha alta especialización académica ou profesional. Comprenderán un mínimo de 60 créditos ECTS.
2. A superación dos estudos dun mestrado dará dereito á obtención dun título propio de posgrao da UDC denominado mestrado.
3. Para accederen aos estudos propios de mestrado, o estudantado deberán reunir, cando menos, un dos seguintes requisitos:

a) Ser licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou equivalente, ou posuír unha titulación de ciclo curto.
b) Posuír un título de grao.
c) Ter superados os créditos do primeiro ciclo das actuais titulacións de dous ciclos.
d) Acreditar ter superados cento oitenta créditos dos estudos de grao cando nestes créditos estiver comprendida a totalidade dos contidos formativos comúns do título de grao. Neste caso, a admisión deberá ser aprobada por resolución reitoral, logo da solicitude individual e razoada da persoa interesada e do informe vinculante do Consello de Goberno, que poderá delegar esta competencia de informe noutro órgano.
e) Posuír un título propio da UDC de primeiro ciclo ou de segundo ciclo.
4. Nos mestrados poderán definirse especialidades, en que se entenden como tales as que xorden da intensificación dos contidos docentes vinculados a unha área temática específica. Esta intensificación deberá xustificarse na solicitude do estudo e, para ser considerada, non deberá ser inferior aos 15 créditos ECTS.
Artigo 8
1. Os cursos de especialización constitúen outra categoría de estudos de posgrao conducentes a un título universitario propio da UDC, cunha menor carga lectiva e cunha maior flexibilidade nos requisitos de acceso que os mestrados. En particular, un curso de especialización comprenderá un mínimo de 25 créditos ECTS.
2. A superación dos estudos dun curso de especialización dará dereito á obtención dun título propio de posgrao da UDC denominado experto universitario ou especialista universitario.
3. Os requisitos previos para acceder a un curso de especialización serán os mesmos que para a realización dun mestrado. Excepcionalmente, poderán ser admitidos nun curso de especialización:

a) O estudantado das actuais titulacións universitarias de primeiro ciclo ao que non lle faltar máis de 30 créditos LRU (300 horas lectivas) para obter a titulación. Neste caso, para poder obter o título de experto ou especialista universitario, o/a estudante deberá posuír a condición de titulado/a antes de rematar o curso de especialización.
b) Se a especificidade do curso de especialización así o aconsellar, aqueles profesionais sen titulación universitaria mais que reúnan os requisitos legais para poder cursar estudos universitarios.


Capítulo II. Outros estudos de posgrao non conducentes a títulos propios

Artigo 9
Ademais dos estudos de posgrao conducentes a un título universitario propio, a UDC poderá promover e organizar outros estudos propios de posgrao de menor duración, que estarán orientados á formación continua ou a temas de especialización moi específicos e que se articularán en cursos baixo a denominación xenérica de cursos de formación específica de posgrao.
Artigo 10
1. Os cursos de formación específica de posgrao constitúen estudos de posgrao cunha duración igual ou superior a 6 créditos ECTS e están dirixidas a persoas que reúnan os requisitos esixidos para a realización dun curso de especialización. Porén, de acordo cos fins e cos obxectivos de cada curso e xa que a finalidade destes cursos é a de contribuíren a especialización, á actualización e á mellora da cualificación profesional, o Consello de Goberno poderá informar favorablemente sobre a flexibilización das condicións de acceso atendendo á xustificación presentada polas persoas solicitantes.
2. A superación dun curso de formación específica de posgrao dará dereito á obtención dun diploma de aptitude.

Capítulo III. Normas xerais

Artigo 11
Os estudantes que estiveren en posesión dun título de ensino superior estranxeiro poderán acceder aos estudos de posgrao considerados no presente regulamento sen necesidade de homologación previa do dito título.
Tamén, no caso dos cursos de especialización e de formación específica de posgrao, poderán acceder cando non lles faltar máis de 30 créditos para obter a devandita titulación estranxeira. En tal caso, sen embargo, deberá acreditar a condición de titulado/a antes de rematar o curso propio de posgrao.
En ambos os dous supostos, para a súa admisión será necesaria unha autorización do reitor que se expedirá logo da comprobación de que a formación que se acreditar é equiparable á que proporciona algunha das titulacións españolas que habiliten para o acceso ao curso de posgrao correspondente.
Para os efectos de realizar esta comprobación, os alumnos con titulación non homologada deberán acompañar a súa solicitude de autorización ao reitor cun informe do director do curso de posgrao sobre a adecuación da titulación presentada e a súa equiparación cunha titulación superior española, así como coa documentación que a UDC estableza.
Artigo 12
O estudantado que se matricular en cursos propios de posgrao da UDC terá dereito ao uso das instalacións e dos servizos universitarios nas mesmas condicións que o alumnado de estudos oficiais durante o período de impartición do curso.
Artigo 13
As tarefas administrativas e de xestión específicas dos cursos propios de posgrao serán realizadas voluntariamente por persoal de administración e servizos da UDC. Estas tarefas desenvolveránse fóra da xornada habitual e serán retribuídas a marxe da sua retribución ordinaria de acordo coa normativa vixente.
Artigo 14
1. Con independencia da modalidade de impartición, os estudos propios de posgrao da UDC incorporarán, necesariamente, unhas probas de avaliación complementarias ao desenvolvemento das aulas e das demais actividades académicas. A superación por parte do alumnado destas probas será unha condición necesaria para a expedición dos títulos propios ou dos diplomas de aptitude aos que fan referencia os artigos 7.2, 8.2 e 10.2 do presente regulamento. En ningún caso a simple asistencia dará lugar á obtención do título propio ou do diploma de aptitude.
2. A avaliación final de coñecementos de cada alumno concederalle unha cualificación, que se referirá á totalidade de créditos asignados para obter o título ou o diploma, e que será recollida nunha acta académica colectiva que estará asinada polo director do curso de posgrao.
3. A convocatoria para superar os créditos que se estableceren para a obtención de cada título propio ou diploma de aptitude será única.
Artigo 15
1. Nos mestrados e nos cursos de especialización, poderá validarse ata o 50% do total de créditos esixidos para a obtención do correspondente título propio por outros estudos de posgrao que se realizasen con anterioridade na UDC.
2. As propostas de creación de novos estudos de posgrao poderán establecer, debidamente xustificadas, validacións automáticas con outros estudos de posgrao xa existentes na UDC. Noutro caso, as validacións serán propostas pola dirección dos estudos e serán resoltas pola comisión competente en materia de posgraos propios (véxase o artigo 18). De acordo coa cláusula duodécima do convenio interuniversitario, os criterios de validación seguirán as pautas sobre directrices xerais comúns de planos de estudo.
3. En ningún caso as validacións eximirán do pago dos prezos académicos.
Artigo 16
A publicidade de todo tipo que se emita, no ámbito de Galicia, en relación cos estudos propios de posgrao realizarase en galego.

TÍTULO SEGUNDO: Organización dos estudos propios de posgrao da UDC
Capítulo I. Da Unidade de Estudos Propios de Posgrao de da Comisión de Estudos Propios de Posgrao

Artigo 17
A Unidade de Estudos Propios de Posgrao (en adiante UEPP) ten como finalidade a xestión global dos estudos propios de posgrao. Entre outros, son cometidos da UEPP:
a) desenvolver aqueles procesos de xestión administrativa, académica e económica que estiveren relacionados cos estudos propios de posgrao que lle foren asignados no presente regulamento.
b) elaborar normativas e procedementos para articular e regular a xestión dos cursos propios de posgrao.
c) coordinar, promocionar e difundir institucionalmente a oferta de cursos propios de posgrao, así como aprobar as propostas publicitarias dos cursos que se queren levar a cabo desde a dirección dos estudos.
d) realizar un informe preliminar sobre a idoneidade de novas propostas de estudos propios de posgrao e/ou solicitudes de modificacións de cursos xa implantados.
e) proporcionar asesoramento ás persoas responsables dos cursos.
f) facilitar ao estudantado información relativa aos estudos propios de posgrao.
g) custodiar as actas da cualificación e os expedientes do estudantado de cursos propios de posgrao.
h) xestionar as solicitudes de expedición dos títulos propios de posgrao e a súa entrega ás persoas interesadas, así como levar a cabo o correspondente rexistro de entrega de títulos.
Artigo 18
1. Para o seu funcionamento ordinario, a UEPP estará asistida por unha comisión con competencias en materia de posgraos propios denominada Comisión de Estudos Propios de Posgrao (en adiante CEPP).
2. A CEPP estará integrada polo/a vicerreitor/a correspondente, en calidade de presidente/a, o/a director/a da UEPP, en calidade de secretario/a, un representante dos directores dos estudos propios de posgrao e cinco membros máis, profesores doctores, de xeito que estiveren representados os seguintes ámbitos: Ciencias Experimentais, Ciencias da Saúde, Humanidades, Tecnolóxico e Xurídico-social. Estes últimos seis membros serán profesores dos corpos docentes da UDC, nomeados polo reitor por proposta do Consello de Goberno por un período de catro anos.
3. O secretario redactará a acta e dará fe dos acordos da CEPP, que se adoptarán por asentimento ou por maioría simple.
4. A CEPP ten, entre outras, as seguintes competencias:
a) informar as propostas de nova implantación e as solicitudes de prórroga de cursos propios de posgrao e enviar os informados favorablemente ao Consello de Goberno para a súa aprobación.
b) levar a cabo o seguimento e a avaliación de calidade dos cursos propios de posgrao.
c) aprobar as memorias remitidas polos directores dos cursos propios de posgrao e as solicitudes de modificacións puntuais.
d) resolver calquera conflito xurdido na xestión ou desenvolvemento dun curso propio de posgrao,
e) resolver, co informe previo do/a director/a dos estudos, as solicitudes de validación de créditos que se superaren noutros programas de posgrao.
f) tratar calquera outro tema por proposta do/a presidente/a da CEPP no ámbito dos estudos propios de posgrao.
Capítulo II. Da elaboración, da aprobación e da prórroga dos cursos propios de posgrao

Artigo 19
Os departamentos, os centros docentes, os institutos universitarios e a CEPP poderán propor, no prazo que se establecer, a posta en marcha de cursos propios de posgrao. En calquera caso, cando foren máis de un os departamentos, os centros ou os institutos propoñentes, designarase un deles como unidade académica responsable, aínda que todos os implicados deberán ser informados. A proposta estará autorizada polo consello de departamento, pola xunta de centro ou polo consello científico do instituto universitario que figurar como unidade académica responsable.
Artigo 20
As propostas de novos cursos de posgrao irán acompañadas dun proxecto de implantación, cuxos contidos mínimos se describen no anexo do presente regulamento, e pola información complementaria que se estimar oportuna. A proposta irá asinada polo profesorado proposto para dirixir o curso.
Artigo 21
1. Para a súa tramitación, as propostas de novos cursos propios de posgrao serán remitidas á UEPP nos prazos (ata dúas veces en cada curso académico) que, para tales efectos, se estableceren e que a propia UEPP difundirá coa suficiente antelación.
2. As propostas deberán recibir un informe da CEPP. A Comisión poderá requirir a información complementaria que estimar conveniente para unha mellor análise da proposta. As propostas informadas favorablemente serán sometidas á consideración do Consello de Goberno, e no seu caso do Consello Social, quen decidirá se procede ou non a súa aprobación no uso das atribucións que lle confire os Estatutos da UDC. Caso de o informe ser desfavorable, as propostas serán devoltas aos propoñentes xunto cunha copia do informe razoado da comisión que xustifique a súa devolución.
3. A UEPP informará á Comisión de Estudos Oficiais de Posgrao, para o seu coñecemento, das propostas de implantación de novos estudos propios de posgrao.
4. Tras a aprobación ou a denegación do curso propio de posgrao por parte do Consello de Goberno, comunicarase ao solicitante da implantación do estudo, a través da UEPP, de forma oficial e razoada, a decisión que se tomar. O propoñente asumirá o desenvolvemento do curso ou presentará, se o estimar oportuno, unha proposta modificada que será novamente analizada.
5. A UEPP comunicará ao Servicio de Organización Académica (Sección de Títulos e Planos de Estudo) os cursos aprobados polo Consello de Goberno, así como as suas modificacións.
Artigo 22
1. Non poderán ser aprobados dous ou máis cursos propios de posgrao con obxectivos e contidos substancialmente coincidentes.
2. Non poderá ser aprobado un curso propio de posgrao con denominación, con obxectivos ou con contidos coincidentes cos de algún curso oficial de posgrao da UDC.
Artigo 23
1. Logo de o Consello de Goberno aprobar a creación dun novo curso propio de posgrao, calquera modificación deberá ser informada á UEPP.
2. Cando as modificacións alteren substancialmente o proxecto de implantación inicial, a CEPP deberá autorizalas expresamente e poderá decidir sometelas a consideración do Consello de Goberno, o que realizará, en calquera caso, cando as modificacións afectaren aos seguintes puntos:
a) a denominación do curso de posgrao e/ou do título propio ou diploma
b) a unidade académica responsable do curso e/ou director/es do curso
c) a modalidade de impartición
d) o plano académico e/ou distribución dos créditos
e) o importe da matrícula
f) as condicións de acceso requiridas para os estudantes
g) as entidades colaboradoras e/ou entidade encargada da xestión económica do curso de posgrao (véxase o artigo 41).
3. As solicitudes de modificación presentaranse, debidamente xustificadas, na UEPP cunha antelación mínima de tres meses sobre o comezo da edición do curso onde se pretenden introducir as modificacións que se solicitaren.
Artigo 24
1. No prazo máximo de tres meses despois da data de finalización dun curso propio de posgrao, o seu director presentará na UEPP unha memoria segundo o modelo normalizado que facilitará a UEPP. Esta memoria final do curso deberá levar o visto e prace do director da unidade académica responsable e conterá, como mínimo, os seguintes puntos:
a) a relación de estudantes con dereito a título
b) os resultados da enquisa sobre o curso feita polo estudantado
c) o balance económico detallado e certificado pola entidade xestora cando esta sexa allea á UDC
d) as incidencias ocorridas no desenvolvemento do estudos
e) a relación de modificacións solicitadas para introducir na seguinte edición
2. A memoria será supervisada pola CEPP quen revisará o cumprimento dos fins previstos e emitirá o correspondente informe.
Artigo 25
1. A UEPP establecerá e difundirá coa debida antelación os prazos (ata dúas veces en cada ano académico) en que os directores dos cursos deben solicitar a prórroga para realizar unha nova edición. A solicitude realizarase segundo o modelo normalizado facilitado pola UEPP. A solicitude de renovación será acompañada da memoria referida no artigo 24 correspondente á última edición do curso xa rematada.
2. As solicitudes deberán recibir un informe da CEPP. A Comisión terá en conta a información achegada e a memoria sinalada no epígrafe anterior, podendo asemade requirir a información complementaria que estimar conveniente. As solicitudes informadas favorablemente serán sometidas a consideración do Consello de Goberno, quén decidirá se procede ou non a renovación do curso. Caso de o informe ser desfavorable as solicitudes de renovación serán devoltas aos solicitantes xunto cunha copia do informe razoado da comisión que xustifique a súa devolución.
Artigo 26
Ó inicio de cada curso académico, a UDC dará a coñecer a súa oferta de estudos propios de posgrao.


Capítulo III. Dos programas interuniversitarios e das entidades colaboradoras.

Artigo 27
1. A UDC poderá organizar estudos de posgrao conducentes a títulos propios conxuntamente con outras universidades, para o que será preceptivo a sinatura dun convenio coas universidades participantes. En calquera caso, a participación da UDC deberá ser, cando menos, similar á das outras universidades organizadoras.
2. A elaboración, os requisitos e a aprobación do estudo deberá axustarse ao establecido no presente regulamento. Excepcionalmente, cando o interese social e a relevancia académica e profesional do proxecto así o xustificar, o Consello de Goberno, logo do informe da CEPP, poderá flexibilizar a normativa propia co fin de acadar o establecemento dun programa conxunto. Para isto será necesario que o convenio correspondente estableza as particularidades do proxecto en relación co presente regulamento.
3. O convenio subscrito para os efectos da organización conxunta dun curso de posgrao non oficial deberá especificar en particular o seguinte:
a) a/as universidade/s responsable/s da tramitación dos expedientes
b) a/as entidade/s que asumirán a xestión económica
c) se cada universidade expedirá o título propio ou ben se expedirá e rexistrará un único título conxunto de posgrao recoñecido pola totalidade de universidades participantes
Artigo 28
A participación de institucións, de entidades ou de organismos públicos ou privados alleos á UDC nos estudos propios de posgrao realizarase mediante a sinatura dun convenio específico de colaboración. Este recollerá a constitución dunha comisión de seguimento que estará integrada por representantes de todas as partes signatarias do convenio na proporción que o convenio establecer.

TÍTULO TERCEIRO: Da dirección e do profesorado nos estudos propios de posgrao da UDC
Artigo 29
1. Na dirección de cada curso propio de posgrao deberá haber, cando menos, unha persoa pertencente ao profesorado permanente da UDC. Para os mestrados, ademais, esta persoa deberá estar en posesión do título de doutor.
2. Cando un curso propio de posgrao se organizar en colaboración con algunha entidade allea á UDC, será posible a incorporación de ata un máximo de dúas persoas alleas á UDC á súa dirección.
Artigo 30
Entre outras, serán funcións do director do curso as que seguen: a) Presentar a solicitude e o proxecto de implantación.
b) Dar cumprimento aos obxectivos do curso e garantir a súa realización consonte ao previsto.
c) Atender o correcto desenvolvemento das actividades académicas planificadas.
d) Xestionar o orzamento.
e) Asinar as actas académicas.
f) Solicitar as modificacións e as validacións que se estimaren oportunas.
g) Certificar a docencia do persoal que interveña na impartición do curso.
h) Presentar a memoria reflectida no artigo 24 da presente normativa, que deberá ser previamente aprobada pola correspondente unidade académica responsable.
i) Solicitar, se for o caso, a prórroga do curso.
j) Aquelas outras funcións atribuídas polo presente regulamento.
Artigo 31
1. O profesorado da UDC poderá dirixir, como máximo, un curso de posgrao conducente a un ou varios títulos propios (véxase os cursos de posgrao matriz e outros derivados no apartado 7 do anexo).
2. As tarefas de dirección dun curso propio de posgrao poderán ser retribuídas. Na dirección dun mestrado, a devandita retribución non poderá superar en cada curso o complemento anual que establece a UDC para as tarefas de coordinación dun curso oficial de posgrao. Nas direccións de cursos de especialización e de cursos de formación específica de posgrao as retribucións non superarán en cada curso a metade e a sexta parte respectivamente do devandito complemento.
Artigo 32
1. Procurarase que, cando menos, a cuarta parte dos créditos programados para un curso propio de posgrao sexa impartida por profesorado da UDC. Porén, cando o contido do curso ou a relevancia do profesorado así o xustificar, o Consello de Goberno, logo do informe da CEPP, poderá flexibilizar esta proporción.
2. Para os mestrado procurarase que, cando menos, o sesenta por cento da docencia sexa impartida por doutores.
3. Para evitar que redunde negativamente na calidade da docencia, un profesor da UDC poderá impartir como máximo 75 horas lectivas por curso académico neste tipo de estudos.

TÍTULO CUARTO: Da matrícula nos estudos propios de posgrao da UDC
Artigo 33
1. As persoas aspirantes a cursar estudos propios de posgrao na UDC deberán reunir os requisitos que se sinalan con carácter xeral no capítulo I do título primeiro do presente regulamento e os específicos que se establezan para cada curso no correspondente proxecto de implantación.
2. A responsabilidade sobre a inscrición e a selección do estudantado así como sobre os criterios de asignación das bolsas que se oferten corresponderá á dirección dos estudos, que deberá axustarse en todo momento a lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
3. A dirección dos estudos deberá facer público o seguinte:
a) a relación de estudantes admitidos e o lugar e prazos para formalizaren a matrícula, de acordo co proxecto de implantación (curso de nova creación) ou coa solicitude autorizada de prórroga (curso renovado).
b) O número e a contía de bolsas que se ofertaren e o procedemento que deben seguir aqueles estudantes que desexen solicitalas.
c) Os criterios que se seguirán para a concesión das becas.
Artigo 34
1. A matrícula deberá realizarse segundo o procedemento que a UDC considerar máis axeitado, de acordo co establecido no proxecto de implantación do curso propio de posgrao, axustándose en todo momento a lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal. O custo individual de matrícula será único para cada curso e non poderá ser reducido. A efectividade da matrícula queda condicionada ao pagamento dos prezos establecidos e ao resultado favorable da comprobación pola Universidade.
Artigo 35
1. A anulación da matrícula, antes do comezo das aulas, poderá solicitarse mediante un escrito razoado dirixido ao director do curso no plazo máximo de 15 días despois de finalizado o prazo de matrícula.
2. A anulación da matrícula, logo de comezar o curso, non dará dereito á devolución dos prezos aboados, agás casos excepcionais e debidamente xustificados.
3. A matrícula quedará sen efectos cando se produza o non pagamento dela ou cando a UEPP, no proceso de revisión que establece o artigo 34.3, emita un informe negativo.
Artigo 36
Ningunha persoa con implicación nas tarefas docentes dun curso propio de posgrao poderá matricularse no devandito curso.

TÍTULO QUINTO: Do réxime económico dos estudos propios de posgrao da UDC
Artigo 37
Os estudos propios de posgrao funcionarán en réxime de autofinanciamento e deberán axustarse a súa memoria económica ás disposicións legais vixentes e ó que se establece nos Estatutos da UDC. O seu financiamento realizarase mediante os prezos de matrícula, subvencións (públicas ou privadas) así como a través doutros medios económicos que se prevexan no correspondente convenio coas entidades públicas e privadas colaboradoras, se for o caso.
Artigo 38
A autorización dos estudos propios de posgrao por parte do Consello de Goberno implicará a concesión automática para o profesorado da UDC da compatibilidade á que se refire o RD 1930/1984 e os Estatutos da UDC, tanto para as actividades docentes como para a percepción das retribucións que por iso lles correspondan, segundo a normativa vixente.
Artigo 39
Os prezos de matrícula dos estudos propios de posgrao serán aprobados, por instancia do Consello de Goberno, polo Consello Social da UDC.
Artigo 40
A dirección do estudo responderá da adecuada execución do orzamento aprobado e de calquera obrigación ou prexuízo que se derivaren da súa actuación, de acordo co que para o efecto dispoña a lexislación vixente; a Universidade da Coruña poderá resarcirse dos danos que lle foren causados como consecuencia da actuación daquela.
Artigo 41
A xestión económica poderá delegarse na Fundación Universidade da Coruña (FUAC) se iso queda recollido no correspondente convenio de colaboración subscrito coa UDC. O devandito convenio deberá recoller de forma explícita nalgunha das súas cláusulas a porcentaxe retida pola FUAC a respecto do orzamento total do estudo. No caso de xestión económica delegada a FUAC será responsable do axeitado cumprimento do orzamento que se aprobar para o estudo.
Artigo 42
O importe correspondente á matrícula dos estudos propios de posgrao cuxa xestión económica sexa asumida pola UDC, será ingresado na entidade financieira que a Xerencia da UDC designar para tal efecto, e corresponderalle a esta a xestión dos pagamentos incorridos, por instancia da dirección dos estudos e conforme á regulamentación vixente na UDC.
Artigo 43
1. A UDC percibirá unha porcentaxe do total dos ingresos de acordo co estipulado no cadro 1.

Cadro 1:porcentaxes retidas pola UDC sobre os ingresos totais segundo o tipo de curso e da entidade a quen competa a xestión económica.


 

Xestión UDC Xestión FUAC
Mestrados e Cursos de Especialización 12% 7%
Cursos de formación específica de posgrao 10% 5%

2. Para o cómputo das porcentaxes que se recollen no cadro 1, o custo individual da matrícula será o que se recolle no proxecto de implantación ou en ulteriores modificacións aprobadas polo Consello de Goberno.
3. Con independencia da entidade que realizar a xestión e do tipo do curso, a porcentaxe retida segundo o cadro 1 distribuirase como segue: a unidade académica responsable recibirá o 1,25% de IB, o centro onde se imparte o curso recibirá o 1,25% de IB e o resto destinarase para o financiamento de gastos xerais da UDC. Nos casos en que o curso se imparta en instalacións alleas á universidade, a porcentaxe que se destinar ao centro de impartición pasará a incrementar a porcentaxe da unidade académica responsable, de xeito que a esta lle corresponderá un 2,5% de IB.
Artigo 44
Os orzamentos dos cursos conducentes a títulos propios (mestrados e cursos de especialización) deberán financiar, en maior ou menor contía, unhas bolsas de matrícula para un determinado número de estudantes admitidos. A porcentaxe de prazas para bolseiros non será inferior ao 10% do número de estudantes matriculados e a contía das bolsas será como mínimo o 50% do prezo da matrícula.

Artigo 45
A Xerencia e a vicerreitoría correspondente, a través da UEPP, poderán ditar as instrucións económicas e administrativas que estimaren oportunas co obxecto de instrumentar o réxime económico dos estudos propios de posgrao.

TÍTULO SEXTO: Da expedición de títulos, de diplomas e de certificacións
Artigo 46
1. Os títulos propios de posgrao aos que se refiren os artigos 7.2 e 8.2 do presente regulamento serán expedidos polo reitor e irán asinados polo reitor, pola persoa responsable da sección de títulos e planes de estudos e pola persoa interesada. A sinatura do reitor poderá figurar impresa. O seu formato e os seus contidos serán determinados pola UDC e causarán constancia rexistral no Rexistro de Títulos Propios de Posgrao establecido pola UDC, con carácter centralizado e en análogas condicións de identificación, de custodia, de certificación e de carácter público que o rexistro de títulos oficiais.
2. Os diplomas de aptitude aos que se refire o artigo 10.2 do presente regulamento serán expedidos pola dirección de cada curso, causarán constancia rexistral nun rexistro habilitado para tal efecto na UEPP e irán asinados polo reitor ou pola persoa en quen delegar, polo director do curso e pola persoa interesada.
Artigo 47
1. En ningún caso a denominación dos diplomas ou dos títulos propios poderá coincidir coa dos oficiais, nin inducirá a confusión con eles.
2. No reverso dos títulos propios e dos diplomas de aptitude figurará a relación de materias e de créditos superados. Se for o caso, nos títulos de mestrado farase constar, acompañando á denominación do título, a especialidade pola que se emite o título.
Artigo 48
A solicitude de expedición dos títulos propios de posgrao presentarase na UEPP acompañada da documentación que se estableza.
Artigo 49
1. Os estudantes que realizasen módulos independentes dalgún curso de posgrao poderán, se así o requirisen, obter un certificado de aptitude logo de superaren as probas de avaliación correspondentes. A expedición do certificado será efectuada polo director do curso e levará a sinatura do vicerreitor correspondente. O certificado recollerá de forma explícita o número total de créditos que se superaren así como a súa división por materias.
2. Os estudantes que realizaren un curso propio de posgrao na súa totalidade e que non obtivesen a cualificación global de “apto” poderán requirir un certificado de asistencia. A expedición do certificado será efectuada polo director do curso e levará a sinatura do vicerreitor correspondente. O certificado recollerá de forma explícita o número de créditos que cursaren e a súa división por materias.
Artigo 50
Para a expedición pola UDC de certificados e de títulos propios de posgrao será necesario realizar o pagamento dos correspondentes prezos que, por instancia do Consello de Goberno, serán aprobados polo Consello Social da UDC.
Artigo 51
Para os efectos da expedición dos títulos propios e dos diplomas, a dirección do estudo deberá depositar a acta académica colectiva a que se refire o artigo 14.2 antes de transcorrer un mes que se contará desde o remate do estudo.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA
Facúltase á UEPP para elaborar as normas complementarias que desenvolvan o presente regulamento.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA
O que a presente normativa regula entenderase sen prexuízo do que establecen en normas ou convenios de superior rango ou os acordos internacionais subscritos pola UDC.


DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Os estudos propios de posgrao aprobados con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento que tiveran a súa xestión económica delegada en entidades alleas á UDC e á FUAC, poderán continuar con esta xestión delegada durante un período transitorio de tres anos académicos. Para as edicións subseguintes a xestión económica deberá ser asumida ben pola UDC ben pola FUAC tal e como establece o presente regulamento.
Neste período transitorio de tres anos, a porcentaxe a percibir pola UDC computarase sobre os ingresos totais do curso (tal e como se recolle no Artigo 43) e as porcentaxes serán o 10% no caso dos mestrados e dos cursos de especialización, e o 8% no caso dos cursos de formación específica de posgrao.

 

DISPOSICIÓN FINAL
Estas modificacións entrarán en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan sen efecto os regulamentos, as circulares, as disposicións e as resolucións anteriores en materia de posgraos propios que se opoñan ao establecido na presente normativa.

 

ANEXO
Descrición dos contidos mínimos do proxecto de implantación dun curso propio de posgrao (artigo 20 do Regulamento de estudos propios de posgrao da UDC). Estes contidos estarán agrupados nos modelos de solicitude facilitados pola UEPP, que incluirán unha ficha resumo obrigatoria para a súa tramitación.

1. Información de carácter xeral
1.1. Denominación do curso propio de posgrao
1.2. Director/directores do curso (nome, categoría, réxime de dedicación e adscrición administrativa)
1.3. Unidade académica responsable do curso (centro, departamento ou instituto universitario) e certificación do acordo que avala a solicitude
1.4. Nome/s da/s entidade/s colaboradora/s
1.5. Denominación do diploma ou do título propio de posgrao a que conduce
1.6. Se for o caso, denominación das especialidades (só en estudos de mestrado)
1.7. Número de créditos necesario para acceder ao título propio ou ao diploma de aptitude en que se especificará, se for o caso nun mestrado, a división por especialidades
1.8. Persoa de contacto na UDC
1.9. Relación de áreas temáticas especializadas en que se impartirá a formación
1.10. Xustificación académica, social e económica do curso propio de posgrao proposto e obxectivos
1.11. Relación de medios materiais dispoñibles para acometer o estudo propio de posgrao que se presentar
2. Información académico-administrativa
2.1. Número total de créditos ofertados
2.2. Método de desenvolvemento (presencial ou non presencial)
2.3. De se tratar dun estudo presencial, lugar onde se impartirán as aulas (tanto teóricas como prácticas) e visto e prace da súa dirección ou da vicerreitoría competente
2.4. Número máximo de prazas ofertadas e número mínimo de alumnos necesario para a súa realización
2.5. Condicións específicas de acceso requiridas para os alumnos
2.6. Criterios específicos de selección de alumnos, debidamente xustificados
2.7. Criterios establecidos para a concesión de becas
2.8. Lugar e períodos previstos de preinscrición e de matriculación
2.9. Periodicidade do curso ofertado
2.10. Se for o caso, cadro de validacións automáticas con outros cursos propios de posgrao
3. Profesorado Relación do persoal responsable da docencia agrupado en tres categorías: profesorado da UDC, profesorado doutras universidades e profesorado procedente de ámbitos profesionais alleos ao ámbito universitario; indicando en cada caso individual:
3.1. Se posúe ou non o título de doutor.
3.2. Caso de profesorado universitario, o réxime de dedicación, a categoría e a adscrición administrativa.
3.3. Caso de persoal alleo á universidade, a categoría e a situación profesional.
3.4. Número de créditos que se van impartir no curso proposto e número de créditos impartidos noutros cursos propios de posgrao da UDC.
4. Información docente
4.1. Plano de estudos e programación docente do curso:

4.1.1. Agrupamento dos contidos en módulos precisando o seu carácter optativo ou obrigatorio.
4.1.2. Enumeración e descrición dos temas que compoñen cada módulo.
4.1.3. Actividades académicas que se empregarán para o desenvolvemento de cada tema e o correspondente número de créditos asignados.
4.1.4. Calendario detallado para o desenvolvemento das actividades académicas propostas.
4.2. Caso de os estudos faceren uso de estudos non presenciais, será preciso presentar unha relación do material que vai ser empregado e unha descrición tanto do método de aprendizaxe que se vai seguir como do sistema e da programación de titorías.
4.3. Relación de profesores responsables dos diferentes bloques temáticos.
4.4. Sistema de avaliación de estudantes.
4.5. Modelo de enquisa do profesorado e do estudo propio de posgrao.
5. Información económica
5.1. Importe da matrícula, formas de pagamento e, eventualmente, bolsas ou formas de financiamento previstas.
5.2. Orzamento detallado de ingresos e gastos (incluíndo as retribucións a profesores e ao director/a do curso así como a porcentaxe retida a favor da UDC e, no seu caso, da entidade coa que se estableza o correspondente convenio, tal e como se recolle nos artigos 41 e 43 do presente regulamento). No orzamento haberá que considerar os seguintes casos:
a) o número de alumnos matriculados é igual ao mínimo establecido;
b) o número de alumnos matriculados é igual ao máximo admisible.
5.3. Inclusión no orzamento dunha póliza de seguros para cubrir, cando menos, os alumnos que non dispoñan de seguro escolar.
5.4. Entidade que realizará a xestión económica do estudo propio de posgrao.
6. Convenios con entidades alleas á UDC
6.1. Convenio proposto entre a/s entidade/s organizadora/s e/ou colaboradora/s e a UDC. Nel detallarase a composición da comisión de seguimento do estudo.
6.2. Se a UDC non asume a xestión económica, convenio tipo coa Fundación Universidade da Coruña ou coa entidade que realizará a xestión económica. No caso dun mestrado ou dun curso de especialización podería ocorrer que a proposta considerase distintos niveis formativos, de xeito que algún deles configurase en si mesmo unha categoría menor de estudos propios de posgrao (cursos de especialización ou cursos de formación específica de posgrao). Neste caso o proxecto de implantación deberá ter en conta esta característica e engadirá un novo apartado que recollerá:
7. Proposta dun curso propio de posgrao matriz e outros derivados
7.1. Denominación de cada un dos cursos derivados do curso matriz e denominación dos correspondentes títulos propios ou diplomas de aptitude,
7.2. Fixaranse os itinerarios que, dentro da relación de unidades temáticas descritas para o curso matriz, conducirían á obtención de cada un dos títulos ou diplomas correspondentes aos cursos derivados.
7.3. Condicións de acceso requiridas para os estudantes para cada curso derivado.
7.4. Datas de inicio e de remate do período docente para cada curso derivado.
7.5. Prezos de matrícula para cada un dos cursos derivados.
7.6. Cadro de validacións automáticas que permitiría a un estudante que superou algún dos cursos derivados acadar algún dos títulos superiores.
7.7. Será preciso presentar unha ficha resumo en modelo normalizado para cada un dos cursos derivados.