A nosa filosofía

Os Homes E Mulleres Con Trastornos De Espectro Autista (TEAs) E Trastornos Xeralizados Do Desenvolvemento (TXDs) Son Ante todo E Por Encima De todo, Persoas.

Os TXDs/TEAs son primeiro persoas e despois TXDs/TEAs polo que os seus dereitos e deberes prevalecen sobre a súa condición de ser algo máis diferentes que os demais.

Antes que TEAs/ TXDs son persoas diferentes entre si que demandan e necesitan un tratamento persoal no que prime a súa autoestima, autonomía e construcción afectiva. Como persoas que son, necesitan que lles escoitemos. Desde este prisma intentamos axudar a construír un proxecto conxunto con eles, a partir deles (dos seus intereses, motivacións, alegrías, praceres, medos, angustias). Todas as persoas nacemos nun mundo no que existen os demais (somos seres sociais); por iso, necesitamos aprender a vivir cos outros, coa axuda dos nosos iguais e maiores. Neste proceso, debido ás grandes dificultades que nos xeran as nosas vivencias esquecémonos de que todas as persoas necesitamos diversas axudas ao longo da nosa vida, en maior ou menor medida. Neste sentido, as persoas con TEAs e TXDs, non deixan de ser persoas por ter eses trastornos, senón que son algo máis diferentes. Como persoas, teñen un papel activo que desempeñar na sociedade., son útiles.

Como todas as persoas, necesitan Relacións Persoais (para iso deben ter acceso a servizos e apoios que posibiliten estas interaccións), Apoios Individualizados acordes ás nosas diferenzas e en función das demandas concretas e específicas, Inclusión: Todas as persoas necesitamos dos demais para aprender a vivir con eles nas súas comunidades naturais como membros delas.

Xeralmente, vese á persoa máis como unha patoloxía, que necesita dos servizos profesionais, por separado, para ser curada ou arranxada, e non tanto como unha persoa íntegra con necesidades, desexos e intereses máis aló do que supón a deficiencia que presente. En definitiva, unha persoa con soños, con desexos, con esperanzas, con sentimentos e, si, con limitacións tamén, pero esencialmente con voz propia e co dereito de todo ser humano a ter poder de decisión sobre o seu proxecto de vida. Na actualidade estase apostando pola idea de ver á persoa con discapacidade como cidadán con dereitos, con poder de participación e cambio social, e con percepción real de pertenza ao grupo social e cultural no que vive.

Por tanto, todos os seres humanos:

  1. SOMOS IGUAIS (exemplo, pola especie animal, temos desexos..)
  2. SOMOS DIFERENTES (exemplo, en canto os nosos gustos, comportamentos...)
  3. SON ALGO MÁIS DIFERENTES (teñen unha alteración xeralizada no desenvolvemento)