Tradutor electrónico

Este tradutor é unha ferramenta para ser utilizada exclusivamente pola comunidade de PDI e PAS do SUG. O resto da comunidade universitaria pode utilizar o mesmo tradutor en versión gratuíta on line para texto plano na URL: http://www.opentrad.com/

Prezado membro da comunidade universitaria,

Dentro dos proxectos levados a cabo desde o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), a Vicerreitoría de Titulacións, Calidade e Novas Tecnoloxías pon ao dispor da comunidade universitaria, vía intranet, un servizo de tradución automática que traballa con até 14 pares de linguas, dos cales nestes momentos presentan un maior desenvolvemento, por razóns obvias, aqueles que nos resultan de maior interese para o noso contorno: castelán-galego, galego-castelán. O tradutor está dispoñible en http://tradutor.udc.es/ e permite a tradución de textos de xeito directo, a posibilidade de traducir ficheiros (formatos TXT, HTML, DOC, ODT, ODS, ODP DOCX, XLSX e PPTX) e mais a tradución de páxinas web.

Esta nova ferramenta hai que enmarcala nun proceso de mellora e modernización dos servizos e pode contribuír a un aumento de uso da lingua definida como propia nos estatutos da Universidade –o galego– e a unha mellor xestión da documentación que se xera na Universidade e da que sexa preciso dispor de versións nas dúas linguas recoñecidas como oficiais.

Desde a Vicerreitoría entendemos o tradutor como unha ferramenta óptima para, por citar algúns exemplos, elaborar a versión castelá daquela documentación que teña que producir efectos fóra de Galicia ou da que, por razóns de materia, sexa aconsellable dispor de versión bilingüe. Tamén pode ser útil para a tradución ao galego de material de aula por parte do persoal docente ou daquel material de apoio empregado en cursos ou congresos como pode ser o caso dunha presentación electrónica.

No entanto, cabe facer algunha precisión a respecto do seu manexo: o texto resultante dunha tradución automática NUNCA debe ser entendido como un texto definitivo, senón que é imprescindible que sexa revisado e cotexado co seu orixinal pola persoa responsable. Ademais, o texto resultante presentará un maior grao de corrección cantos menos erros presente o orixinal. Cómpre ter presente que un tradutor automático non é unha ferramenta pechada cuxa construción se poida dar por rematada, senón que está en constante proceso de mellora e perfeccionamento, proceso no cal a colaboración das persoas usuarias é de extrema utilidade e no que a Vicerreitoría adquiriu o compromiso de participar a través do Servizo de Normalización Lingüística.

É por iso que se creou o enderezo electrónico tradutor@udc.es ao que se poden enviar aqueles erros ou carencias que se detecten, ou preguntar aquelas dúbidas que puideren xurdir acerca da súa utilización e o número de ext. 5775 de CAU específico para o seu soporte técnico.