Que ofrecemos

O Rexistro Xeral presta un servizo fundamental no desenvolvemento da actuación administrativa, tanto no ámbito do funcionamento interno da Universidade da Coruña como na súa relación cos cidadáns e con outros entes públicos e privados.

O rexistro de documentos baséase na necesidade de racionalizar o fluxo documental das solicitudes, das comunicacións e das resolucións recibidas ou tramitadas pola Universidade da Coruña, cun funcionamento inspirado nos principios de economía, de coordinación, de celeridade e de eficacia.

O rexistro ten un papel importante de relación coa cidadanía. En moitas ocasións é a primeira ventá coa que se topan as persoas usuarias na súa relación coa Universidade da Coruña.

O Centro de Documentación e Arquivo (CEDAR) apoia a xestión administrativa da universidade, tanto no funcionamento dos seus órganos o servizos, como nas relacións da universidade con outras institucións ou cos cidadáns en xeral. Cumpre ademais coa obriga que ten a universidade de conservar e facer accesible o seu patrimonio documental de valor histórico e de investigación.

Para alcanzar os seus obxectivos o centro xestiona a documentación administrativa da universidade, de acordo coa normativa vixente e os procedementos de tratamento que facilitan a súa organización e acceso. É o arquivo intermedio e histórico da universidade. Facilita ademais a documentación que poida servir de apoio á actividade administrativa ou que poida ser consultada con fins de investigación.