A pegada ecolóxica na UDC

A UDC no ranking GreenMetric 2016

O GreenMetric Ranking of World Universities compara os esforzos das universidades cara a sustentabilidade ambiental e as políticas de xestión respectuosas co ambiente. Elaborado pola Universidade de Indonesia, o ranking contou cunha de 516 universidades de 75 países na última edición de 2016.

A Universidade da Coruña presentouse por primeira vez en 2016 e acadou a posición 149 a nivel mundial (percentil 71), e o número 13 a nivel estatal, dun total de 27 universidades españolas, sendo a primeira do Sistema Universitario Galego. O ranking está encabezado pola Universidade de California Davis; e en España, pola Autónoma de Barcelona.
A información do ranking organízase en seis categorías: infraestruturas, enerxía e cambio climático, xestión de residuos, uso da auga, transportes e educación. A UDC destaca especialmente en educación (posición 47 a nivel mundial e 71,3% da puntuación máxima), e tamén en xestión de residuos (posición 126 e 73,7%), seguida de enerxía e cambio climático (posición 157 e 44,1%).

En relación coa puntuación máxima posible, a UDC sitúase entre o 37,5% en auga e o 73,7% en residuos, mentres que a posición percentil con respecto ao total de universidades vai do 23,4% en localización e infraestrutura ao 90.9% en educación. A diferenza entre ambos índices pódese considerar indicativa da posición de vantaxe da UDC en cada temática sobre a situación das universidades en xeral. A diferenza é positiva en todas as temáticas agás na de localización e infraestrutura, na que é negativa. A posición da UDC é relativamente máis forte en enerxía e cambio climático (+25,4% na diferenza entre a posición percentil e a porcentaxe do máximo), educación (+19,6%) e auga (+14,1%).

Máis información:


Proxecto Locaw

Proxecto liderado polo Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC que proporciona unha análise teórica e empírica das prácticas habituais nos lugares de traballo e dos factores estruturais e individuais que actúan como motores ou como restricións para a adopción de prácticas sustentables nos lugares de traballo, incluíndo a UDC e outras entidades e empresas europeas como casos de estudo.

Reducindo emisións na UDC


Guía “Compra pública verde de papel”

Para os órganos de contratación e os usuarios e usuarias da UDC

Nesta guía expóñense os principios e procedementos relacionados coa contratación e a compra pública verde, como parte das políticas de sustentabilidade acuñadas en diferentes normativas en vigor. Aprovéitase o caso do papel e material de papelaría e oficina, para ilustrar estes procedementos e poder dármonos conta tanto da importancia como da facilidade de contribuírmos á redución da pegada ecolóxica da nosa actividade.

A prevención, a elección de medios informáticos cando non é imprescindíbel o uso do papel, o uso razoábel e o aproveitamento do papel polas dúas caras, a elección de produtos con certificación ambiental, e nomeadamente a elección de papel reciclado en substitución do papel de fibra virxe, son as principais medidas que podemos tomar para reducir o impacto ambiental no uso do papel.

Os beneficios da redución da cantidade de papel consumida son claros e de fácil cuantificación, tanto desde o punto de vista ambiental como económico. O uso de papel reciclado ten o mesmo custo que o papel de fibra virxe, mais os seus beneficios están fora de toda dúbida e son compartidos polos expertos na estimación da pegada do carbono e da pegada ecolóxica: o papel reciclado presenta unha redución das emisións de CO2 dun 67% en relación ao papel de fibra virse.

Con esta Guía, a UDC dá un paso adiante para incorporar a compra verde dun dos materiais de maior consumo na actividade universitaria. Facer real este obxectivo é decisión colectiva e tamén individual de cada persoa, centro ou departamento administrativo nos que recae a toma de decisión sobre compras.


O perfil ambiental da UDC 2011

Proxecto “Avaliación das políticas universitarias de sustentabilidade como facilitadoras para o desenvolvemento dos campus de excelencia internacional”

O proxecto foi realizado polo grupo de traballo de avaliación da sustentabilidade universitaria da Comisión Sectorial de Calidade Ambiental, Desenvolvemento Sustentábel e a Prevención de Riscos, da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CADEP-CRUE). O proxecto contemplou a definición dun sistema de indicadores de avaliación das políticas universitarias de sustentabilidade, así como establecer modelos de implantación destas políticas e identificar boas prácticas en realización.


Guía para a sustentabilidade na UDC

Esta Guía, elaborada en 2011, analiza a situación ambiental da UDC e fai propostas de actuación organizadas en tres eixes de actuación ambiental:

  • Indicadores sintéticos integrados: caracterización do contorno, campus e ordenamento territorial, pegada ecolóxica da UDC e compromiso ambiental (marco institucional).
  • Xestión ambiental: transporte e mobilidade, enerxía, auga, residuos, atmosfera, biodiversidade e sensibilización e voluntariado.
  • Investigación e aprendizaxe sostíbeis: ambientalización curricular, investigación.

Guía para a sustentabilidade na UDC


Exposición sobre a pegada ecolóxica na UDC

A Universidade da Coruña (UDC) e a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) veñen de elaborar unha exposición sobre a pegada ecolóxica na que se inclúe información sobre o caso da UDC.

A exposición conta con 16 paneis xa montados, de 80 cm de largo por 180 de alto, que a Oficina de Medio Ambiente da UDC (OMA-UDC) pon a disposición de toda a comunidade universitaria. Para a súa exposición, precísase unicamente un espazo axeitado, duns 20-25 m de percorrido.

Os centros, colectivos e calquera outra persoa da UDC poden dirixirse á Oficina de Medio Ambiente (oma@udc.es), para solicitar e reservar esta exposición. A información que deberán enviar é a seguinte:

  • Organismo, entidade ou persoa solicitante:
  • Persoa responsable:
  • Centro onde se expoñerá:
  • Datas preferentes e indicación do período de duración:

Así mesmo, poden indicar se están interesados/as nunha charla explicativa sobre a temática ou temáticas da exposición.

A OMA-UDC porase en contacto coas persoas solicitantes para concretar os detalles da súa realización.

Ver contidos da Exposición A pegada ecolóxica na UDC (pdf)


Estudo da pegada ecolóxica na Universidade da Coruña (UDC) en 2008

Resumo e conclusións

A pegada ecolóxica da UDC no ano 2008 resultou de 3.475 ha de bosque galego. Por orde de magnitude, a pegada ecolóxica da UDC débese ás seguintes compoñentes: mobilidade (43,5% da pegada total), electricidade (25,4%), edificación (14,1%), combustibles fósiles (gasóleo) (12,6%), territorio (2,0%), consumo de papel (1,3%), xeración de residuos (1,0%) e consumo de auga (0,2%). Cunha pegada per capita media de 0,15 ha/persoa, o valor global equivale a 50 veces o territorio ocupado polos campus da UDC. O uso da enerxía e a mobilidade achegan máis do 80% da pegada total (o 95,6% se incluímos a edificación), polo que estes dous eidos son obxecto dunha intervención preferente.

Outras conclusións do estudo son as seguintes:

- A pegada estimouse de forma desagregada para oito subzonas dos campus de A Coruña e Ferrol. Cun valor medio de 0,15 ha/persoa, a pegada per capita variou na faixa de 0,11 ha/persoa a 0,27 ha/persoa dunha a outra zona dos campus. O tipo de actividade predominante en cada unha das zonas é o principal factor que explica esta variación, xunto coa incardinación dos centros na trama urbana, feito que determina os modos de transporte maioritariamente usados.

- A pegada ecolóxica universitaria está dominada polas actividades que xeran emisións de CO2 (98% da pegada total, o restante 2% débese á ocupación do territorio)

- As emisións globais (directas e indirectas) estimadas para a UDC en 2008 foron de 21.348 t CO2.

- Se temos en conta que a edificación constitúe un factor pouco flexible en relación coas posibilidades de reducirmos a súa pegada, as actuacións encamiñadas á reducir a pegada ecolóxica deben centrarse no uso da enerxía nos centros e na mobilidade dos membros da comunidade universitaria desde os seus lugares de residencia ate os lugares de traballo ou estudo. Estas compoñentes explican ademais o 81,5% da pegada total.

- No referido ao uso da enerxía no mantemento e uso dos edificios, a taxa de emisión per capita para a UDC resulta de 350 kg CO2/persoa·ano, o que nos indica que esta universidade se sitúa nunha boa posición de eficiencia no uso da enerxía, en relación cos datos coñecidos doutras universidades españolas, considerados antes da aplicación de plans de redución.

- O consumo de enerxía nos centros responde ás necesidades xerais de calefacción, alumeado e funcionamento de pequenos aparatos de uso xeral, tais como ordenadores, por unha banda, e por outra, a necesidades moi específicas de cada centro, relacionadas co uso de determinados procesos, equipamentos, maquinaria na súa actividade docente ou investigadora. O consumo de enerxía xerou unhas emisións directas totais de 8.259 t CO2 en 2008.

- As emisións de CO2 totais asociadas á mobilidade foron de 9.768,5 t anuais no curso 2008-2009. Co 50-52% da comunidade universitaria e dos percorridos, o automóbil particular é responsable do 89% das emisións asociadas á mobilidade. O outro cincuenta por cento da comunidade universitaria, como usuaria de modos de desprazamento menos impactantes, achega só o 11% das emisións totais neste concepto.

- A taxa media de emisións derivadas da mobilidade foi de 402 kg CO2/persoa·ano para o conxunto da UDC, mais variando entre os 258 de Oza e os 427 de A Zapateira. De acordo cos resultados obtidos para distintas universidades, a boa integración dos campus na trama urbana e a proximidade entre os centros e os lugares de residencia son os principais factores que permiten reducir a pegada da mobilidade. A calidade do transporte público e a sensibilidade ambiental da comunidade universitaria xogan tamén un papel determinante.

- De acordo coa importancia relativa destes factores na pegada ecolóxica, a UDC ten en realización o Plan Sectorial Enerxético e o Plan Sectorial de Mobilidade, que permitirán un maior coñecemento da situación e das posibilidades de actuación co obxectivo de reducir a pegada ecolóxica e mellorar a calidade dos servizos ofertados.

Nas seguintes ligazóns podes consultar os documentos completos do estudo da pegada ecolóxica na UDC, que á súa vez inclúen os resultados da enquisa realizada no marco do do convenio de colaboración entre a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a Universidade da Coruña (2008):

A pegada ecolóxica da UDC 2008
A pegada ecolóxica da mobilidade na UDC (Parte I da enquisa 2008-09)
Impacto ambiental na UDC (Parte II da enquisa 2008-2009)
Formulario da enquisa 2008-2009


Convenio CMADS-UDC  para o análise do impacto ambiental na UDC

Recóllese neste informe os resultados do Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (CMADS) e a Universidade da Coruña (UDC) para a análise do impacto ambiental na UDC (2007-2008).

As actividades do convenio contaron coa participación e a colaboración das seguintes persoas:

- Xosé Lois Martínez Suárez, vicerreitor de Infraestruturas e Xestión Ambiental (UDC)
- Manuel Soto Castiñeira, director da Oficina de Medio Ambiente (UDC)
- Jesús Giz Novo, enxeñeiro, Técnico Superior de Mantementos (UDC)
- Federico Martín Palmero, profesor de Fundamentos da Análise Económica, Facultade de Socioloxía (UDC)
- Pedro Vega Marcote, profesor de Didáctica das Ciencias Experimentais, Facultade de Ciencias da Educación (UDC)
- Alfonso Orro Arcay, profesor de Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes, Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos (UDC)
- Roberto Pardo Barro, Arquitecto
- Asociación MOBI-LIZA, Asociación por unha mobilidade responsable

O traballo constitúe un primeiro avance sobre o estudo da mobilidade, o uso da enerxía e a pegada ecolóxica na UDC, aínda inconcluso, e inclúe diversos elementos relacionados con un plan ambiental para a área de Elviña-A Zapateira.

CONTIDOS:
I. A Pegada Ecolóxica na UDC
I.1- Consumo de auga, gasóleo e electricidade na UDC
I.2- A pegada ecolóxica da UDC

II. A Mobilidade na UDC
II.1- Enquisa sobre o impacto ambiental da UDC

III. Programa de Préstamo de Bicicletas
III.1- Programa de préstamo de bicicletas na UDC curso 08/09

IV. Plan especial de medio ambiente
IV.1- Plan especial de medio ambiente
IV.2- A mobilidade non motorizada no campus de Elviña e A Zapateira da UDC
IV.3- Asentamento e accesibilidade da poboación estudantil na Universidade da Coruña. Unha aproximación ás formas de desprazamento estudantil utilizando as bases de datos universitarias do ano 2007.
IV.4- Transporte e mobilidade na escala territorial
IV.5- Eficiencia enerxética na edificación pública alumeado en dependencias. Adecuación dos niveis de iluminación, uniformidades e mellora da eficiencia lumínica Actuación nas aulas especiais da Escola Universitaria de Arquitectura da Universidade da Coruña
IV.6- Mellora da instalación de calefacción na facultade de Informática

Máis información: Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (CMADS) e a Universidade da Coruña (UDC) para o análise do impacto ambiental na UDC (2007-2008)

 

Convenio CMADS-UDC para a análise do impacto ambiental na UDC


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal