Con este traballo queremos invitar a tomar en serio unha das actividades a que máis tempo e esforzo lle dedicamos na nosa vida, así como o espazo onde se desenvolve.
Cada día temos unha maior necesidade de movernos. O ritmo de vida da sociedade en que vivimos esixe estes desprazamentos e as cidades tratan de evolucionar e adaptarse a eles coa súa forma urbana. Os malos hábitos, en canto a formas de desprazamento se refiren, levounos a unha situación en que a mobilidade pasa a ser un dos principais problemas das cidades.
Este traballo pretende achegar un novo enfoque con que poder abrir un proceso de reflexión sobre os sistemas de desprazamento en ámbitos urbanos. Na nosa mobilidade, temos que elixir entre unha serie de opcións, e decidímonos valorando a información con que contamos. As posibilidades varían segundo a cidade en que vivas, o barrio, o nivel adquisitivo e incluso as túas condicións físicas.
Na toma de decisión tamén entran en xogo aspectos culturais. O individualismo, o civismo, a responsabilidade social ou a solidariedade poden determinar unha decisión ou a contraria. Observando os datos que poñemos sobre o papel poderemos identificar problemas, sinalar debilidades e, finalmente, propoñer un debate que achegue solucións.
O estudo trata de avaliar as características de diferentes percorridos cara ao campus de Elviña, co fin de sacar unhas conclusións sobre o actual trazado da cidade, as facilidades con que contan os diferentes medios de comunicación (bus, moto, coche, bicicleta e peón), os seus problemas e as súas virtudes.
Para a realización do estudo escolléronse cinco puntos de saída diferentes e representativos: Mercado de Monte Alto, Os Rosais, praza das Conchiñas, avenida dos Caídos e Mercado de Santa Lucía.
O traballo foi realizado pola Asociación Mobi-Liza.
Informe completo: Aproximación á mobilidade no campus universitario
Esta exposición móstranos en seis paneis unha versión reducida dun Estudo de Medios “Aproximación á mobilidade no campus universitario” desde diferentes barrios da cidade até o Campus de Elviña, realizado para a UDC pola Asociación Mobi-Liza por unha mobilidade sustentábel.
Dun total de 5 percorridos desde a cidade, elixiuse como exemplo para a exposición o desprazamento desde Santa Lucía á Elviña. Ofrécense os datos de distancias percorridas, tempos e as velocidades en medios alternativos, motorizados (coche, moto, autobús) ou non motorizados (bicicleta, a pé), xunto cos obstáculos que en diferentes áreas da cidade dificultan unha mobilidade máis sustentábel. Os mapas de isócronas, os 10 motivos para utilizar a bicicleta e un avance das liñas do plan de mobilidade da UDC completan os contidos.
Ver contidos da exposición Aproximación á mobilidade universitaria na Coruña
Este Plan foi elaborado polo prestixioso equipo da Agencia d’Ecología Urbana de Barcelona, coa participación do Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos e da Oficina de Medio Ambiente da UDC, entre 2009 e 2010. O plan responde a un modelo integral que pretende mellorar a calidade do ámbito universitario e a calidade de vida da súa comunidade, mellorando á súa vez a funcionalidade e a organización dos campus de Elviña e da Zapateira da UDC.
As propostas debuxan un novo modelo de mobilidade onde o número de viaxes en transporte privado se reducirá a favor de medios de transporte máis sustentables. Tamén se debuxa un novo espazo público cunha repartición de usos e funcións distinta da actual. Nos resultados compróbase que se libera espazo público que hoxe está reservado para os usos do coche, co obxectivo de que a comunidade universitaria poida ocupar o espazo público sen restricións.
Un espazo público de gran calidade, sen ruído, sen contaminación, seguro, atractivo e que potencia o contacto e a convivencia entre persoas de calquera idade e condición social. A comunidade universitaria xa non é peón, a rúa xa non é só un lugar de paso, é un lugar e sobre todo é estadía e convivencia, onde poden desenvolverse a maioría das funcións urbanas.
Co Plan de mobilidade e espazo público, o campus vén cubrir unha das materias pendentes no proceso que a conforma como un dos exemplos que hai que seguir no desenvolvemento de campus universitario sustentable. Co desenvolvemento deste Plan, a UDC converterase, sen dúbida, nun referente cos beneficios que iso comportaría en todas as ordes: económica, social e cultural.
O documento de conclusións do plan resume un total de 34 medidas arredor dos seguintes obxectivos de sustentabilidade e modelo de universidade:
1. Recuperar o concepto de sustentabilidade para o campus de Elviña – A Zapateira, máis alá do medio ambiente
2. Establecer unha nova xerarquía no uso da universidade, en que o peón sexa o protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado.
3. Asegurar a convivencia entre todas as formas de moverse no campus e de acceder a el e a interoperabilidade entre medios, sobre todo nos non motorizados.
4. Incentivar e promocionar o uso do transporte público e desincentivar o vehículo privado.
5. Conseguir que os medios non motorizados se convertan nun medio de transporte habitual.
6. Lograr un transporte eficaz e eficiente no uso da enerxía.
7. Promover a accesibilidade universal aos diversos medios de transporte.
8. Sensibilizar e informar a comunidade universitaria con respecto aos distintos medios de desprazamento e acceso.
9. Apostar por un campus seguro e accesible.
10. Lograr un campus menos ruidoso e contaminante.
11. Buscar solucións á mobilidade que non consuman chan.
12. Integrar a mobilidade nas políticas urbanísticas do campus.
13. Conseguir espazo público amplo para a comunidade universitaria e restrinxido para os vehículos a motor, primando os usuarios do campus fronte ao vehículo particular. Un espazo ben comunicado para peóns e ciclistas e cun servizo de transporte público máis eficiente.
14. Procurar un espazo público que acolla a vida educativa, social e integre servizos universitarios.
Conclusións do plan: Plan de mobilidade e espazo público UDC (CONCLUSIÓNS)
O documento completo podes atopalo na sección de documentos (2010) do Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos. Ligazón:
http://www.udc.es/sobreUDC/vice_planificacion_economica_e_infraestruturas/arquitectura_urbanismo/documentos/
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000