Convocatoria 2017 de acceso ao uso das Hortas Comunitarias da Universidade no Campus de Elviña

A Universidade da Coruña (UDC) conta cun total de 40 parcelas de 20 metros cadrados cada unha, para as que se habilitou un espazo situado enfronte á Facultade de Economía e Empresa e a carón do Edificio de Apoio á Investigación no Campus de Elviña. A presente convocatoria afecta a renovación parcial das persoas usuarias titulares así como á recente ampliación do número de parcelas.

O uso das hortas e a relación entre as persoas usuarias e a Universidade rexerase polas normas en vigor accesíbeis nesta ligazón “Normas de funcionamento das hortas urbanas da UDC”.

De acordo co Artigo 5, son requisitos para ser usuario/a os seguintes:

  1. Ser membro da comunidade universitaria.
  2. Estar ao corrente de pago das súas obrigas coa universidade.
  3. Estar capacitado/a fisicamente para cultivar un pequeno horto sen que supoña un risco para a súa saúde. En todo caso, as persoas usuarias eximen a Universidade de responsabilidade sobre as consecuencias para a saúde que puidesen derivarse da realización de actividades nas hortas.

Toda persoa ligada á Universidade da Coruña ten dereito a unha única solicitude. De ser maior o número de solicitantes que o de parcelas, estas adxudicaranse mediante sorteo.

Tratándose esta convocatoria de renovación de usuarios/as, e de acordo co regulamento das hortas que establece unha distribución do 50% das parcelas para cada un dos colectivos de estudantado e persoal, e tendo en conta a situación actual de uso de cada parcela e as baixas existentes, sométese a concurso a adxudicación de 12 parcelas para o colectivo de estudantado, e 8 parcelas para o colectivo de persoal.

De acordo co Artigo 16 relativo ao réxime económico, as persoas adxudicatarias aboarán a cantidade que se estableza polo uso da parcela, instalacións e servizos inherentes, nunha única cota anual que se aboará nun prazo non superior a 15 días desde a comunicación de adxudicación ou prórroga. Para o primeiro exercicio anual establécese esta taxa en 70 euros para persoas adxudicatarias pertencentes aos colectivos de PAS e PDI, e de 30 euros para aquelas outras pertencentes ao colectivo de estudantes.

As persoas interesadas deberán cubrir o seguinte formulario de solicitude:

Formulario de solicitude para participar no concurso para a autorización dunha das hortas da Universidade

O prazo de solicitude estará aberto desde o 02 de marzo ás 09 h até o 09 de marzo ás 14 h.

As listas provisional e definitiva de persoas admitidas, xunto coa data e lugar de celebración do sorteo, faranse públicas neste mesmo espazo web nos días seguintes ao peche da convocatoria. Igualmente, a resolución da convocatoria tamén se fará pública neste espazo, e comunicarase directamente ás persoas seleccionadas, xunto coas instrucións para a realización do pagamento e a formalización da concesión.

Estímase que tanto o sorteo como o período de pagamento teña lugar antes de finais de marzo do presente ano. Recibido o xustificante de pagamento, a Oficina de Medio Ambiente comunicará persoalmente a parcela asignada.

No caso do decaemento dalgunha das concesións, correrá a lista de suplentes establecida no mesmo sorteo.