Biodiversidade e conservación do solo

Proxecto de Custodia do Monte da Fraga

A Universidade da Coruña restaurou en 2006 o espazo forestal situado entre as facultades de Ciencias e Filoloxía, eliminando a maior parte dos eucaliptos e reforestándoo con especies autóctonas representativas do bosque ou bosques galegos. Desde o inicio desta restauración, a UDC está a aplicar criterios de xestión ecolóxica e sustentábel deste espazo, que condicionan tanto as prácticas de xardinería e usos do espazo, como a realización de actividades formativas e de divulgación ambiental.

Unha década despois, estamos a dar o paso para a incorporación deste espazo á figura de Custodia do Territorio. A Custodia do Territorio é unha estratexia de conservación definida pola Lei 42/2007, de 13 de decembro, de Patrimonio Natural e da Biodiversidade, segundo a cal:

As Administracións Públicas fomentarán a custodia do territorio mediante acordos entre entidades de custodia e propietarios de fincas privadas ou públicas que teñan por obxectivo principal a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade.

Os usos universitarios do espazo, particularmente aqueles relacionados coa docencia, a investigación, a formación e sensibilización ambiental de toda a comunidade universitaria, son un factor a termos en conta, ademais dun activo imprescindible deste proxecto de custodia.

Outro piar da custodia do espazo é a participación da cidadanía local. En particular, están a participar os colectivos ecoloxistas ADEGA e HABITAT, que desde o inicio do curso 2017-2018 están a contribuír coa realización de diferentes actividades de estudo e conservación do espazo, ademais de participar na elaboración do proxecto básico de custodia.
Contamos, ademais, coa participación do Concello da Coruña neste proxecto, a través do “Convenio especifico de colaboracion entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña para a execución do proxecto de custodia e voluntariado ambiental no Monte da Fraga”, asinado en outubro de 2017.

Novas relacionadas

Base de datos de códigos QR do Monte da Fraga

Neste blog asentamos a base de datos dos Códigos QR visibles nas etiquetas do noso prezado Monte da Fraga. Para disfrutar máis da súa visita e coñecer máis a fondo tanto a labor da Oficina de Medio Ambiente coma a labor dos voluntarios que nos axudan, siga os pasos que lle indicamos [ler máis]

Flora exótica invasora no campus de Elviña-A Zapateira

As especies exóticas invasoras (EEI) son o segundo factor de perda de biodiversidade a nivel global despois da destrución do hábitat. Divulgar este feito e o coñecemento das EEI é fundamental para logo deseñar actuacións encamiñadas a previr a súa aparición e eliminalas. Que a sociedade en xeral valore o impacto que producen as EEI no medio natural é un aspecto moi importante para controlar a súa propagación.

Preséntase a memoria dun estudo realizado en 2010, que puxo de manifesto a presenza de dezaseis especies de flora exótica invasora, entre as que salientan pola súa maior presenza a Cortaderia selloana e o Eucaliptus globulus, seguidas pola Conyza canadensis, a Oxalis sp. e a Acacia dealbata.

Restauración forestal

A Universidade da Coruña ten no Campus da Coruña (Elviña-A Zapateira) un dos ámbitos espaciais preferentes para desenvolver as súas funcións de servizo público de educación superior. A súa posición dota os terreos incluídos no ámbito do Plan parcial do Campus da Coruña de características especiais, e convérteo en espazo de confluencia, de contacto e de transición entre formas propias do crecemento urbano e formas específicas de explotación agraria e forestal do territorio.

Atravesado polo río do Castro conta aínda hoxe no interior do seu ámbito con áreas significativas destinadas á explotación agraria dada a potencialidade produtiva do solo que fai posible a creación dun escenario privilexiado de coexistencia entre a actividade agrícola e o espazo urbano nunha das grandes cidades de Galiza. Conta tamén cunha área forestal, o monte da Fraga, que está a ser obxecto de reforestación con especies autóctonas en substitución do eucaliptal que nas últimas décadas invadira toda a área.

A actividade agrícola e forestal con características tradicionais, baseada nos cultivos autóctonos e de tipo ecolóxico, é ademais a mellor garantía para unha xestión sostible da biodiversidade florística e faunística presente no campus. Unha primeira aproximación á análise da diversidade florística no campus de Elviña e A Zapateira permitiu recoñecer a existencia dunhas 200 especies e establecer aquelas áreas que presentan un maior interese para a súa conservación e recuperación.

Nos seguintes documentos descríbense máis polo miúdo algunhas das actuacións da UDC neste eido.