Auga e ríos

A depuradora natural de augas residuais

No Campus da UDC contamos cunha planta piloto de depuración de augas residuais, que é a vez unha infraestrutura de investigación de tecnoloxías de depuración natural ou enxeñaría ecolóxica (Grupo de investigación en Enxeñaría Química Ambiental) e tamén parte do proxecto Sostauga (xestión sustentábel da auga) da UDC.

A depuración con plantas (carrizos, espadanas, lirios, xuncos) permite mellorar a calidade da auga se necesidade de consumo de enerxía e sen o emprego de produtos químicos. Esta modalidade de tratamento está a ser estudada como alternativa para a recuperación das augas usadas con vistas á súa reutilización no Campus. Por outra banda, existen no espazo do Campus moitos mananciais que poden ser obxecto de recuperación e aproveitamento.

Algúns resultados dos estudos realizados aparecen no seguinte resumo dunha tese de doutoramento:
Depuración de augas residuais en humidais construídos (Tese Tania Carballeira Amarelo Resumo e Sostauga)

A empresa Sedaqua, spin off da UDC, utiliza actualmente parte desta planta piloto para o proxecto HighWet (Performance and validation of HIGH-rate constructed WETlands).

Proxecto Sostauga

O uso sustentable da auga e a súa relación co territorio nos campus de Elviña e A Zapateira da Universidade da Coruña

SOSTAUGA é un proxecto estratéxico da Universidade da Coruña (UDC) que persegue pór en valor a auga e os ecosistemas asociados no ámbito dos campus de Elviña e da Zapateira. Trátase, por tanto, de preservar e potenciar un elemento chave do patrimonio sociocultural e ambiental deste territorio mediante o seu estudo técnico e o desenvolvemento posterior dunha serie de accións propostas. Pero, ademais, ao nacer este proxecto desde a universidade, as actuacións derivadas deben ser exemplares, de modo que favorezan a educación ambiental e a sensibilización de toda a comunidade académica e do seu ámbito de influencia.

Velaquí os obxectivos xerais do proxecto:

Conseguir un axeitado estado ecolóxico dos fluxos e masas de auga existentes nos campus a seguir as directrices da Directiva marco da auga da UE.
Avanzar cara a unha xestión sustentable da auga na que se alcance a máxima autosuficiencia posible na demanda do.
No plano cultural, favorecer a potenciación das oportunidades únicas que ofrece a existencia de cursos fluviais, zonas húmidas e mananciais, intentar renaturalizar no posible estes elementos e mellorar os índices de biodiversidade.
Promover a divulgación dos resultados do estudo no ámbito universitario local e galego, así como na sociedade en xeral.
Coordinado por Juan Cagiao Villar (LIS), contou coa colaboración de Jesús Manuel Giz Novo, María José Servia García, Elvira Sahuquillo Balbuena, Flavia Piñeiro Ces, Manuel Soto Castiñeira e Xosé Lois Martínez Suárez.
Máis información: Proxecto Sostauga
SOSTAUGA project. Comunicación presentada no 7th ANQUE's International Congress "Integral Water Cycle: Present and Future". Oviedo (Spain), 13-16 June 2010

Avances no Proxecto Sostauga

Comunicación presentada no II Congreso de Urbanismo y Ordenación del Territorio, Madrid, 24 de marzo de 2011

Auga embotellada?... Mellor da billa!

En 2009, a UDC instalou 20 fontes de auga refrixerada noutros tantos centros universitarios, co obxectivo de ofrecer un subministro de calidade, económico e sustentable de auga para beber á toda a comunidade universitaria, e reducir a xeración de residuos de envases e outros custos ambientais asociados ao consumo de auga embotellada. Prema aquí para saber máis sobre o Custo ambiental da auga embotellada.

Aforro de auga na UDC

Algúns centros da UDC contan con cisternas de descarga interrompida, ou con outros sistemas aforradores de auga. Para informar e concienciar sobre o seu uso correcto, iniciouse unha campaña de sinalización de cada un destes dispositivos mediante adhesivos que se dispuxeron en cada un destes equipamentos.

Máis información sobre sistemas aforradores: Sistemas de aforro de consumo de auga nas instalacións da UDC

En febreiro de 2010 substituíronse as antigas billas dos lavabos da Facultade de Ciencias por billas temporizadas de baixo consumo de auga. Foron en total 44 unidades e estímase unha redución no consumo de auga nos lavabos do 77%.

Satisfacción coas billas de baixo consumo na Facultade de Ciencias

Segundo a enquisa realizada, as persoas usuarias atópanse en xeral (>95%) conformes e de acordo con esta medida de aforro de auga. Esta conclusión obtívose tendo en conta varios factores, como por exemplo a comodidade no uso (axeitada para máis dun 78% das persoas usuarias) e a opinión sobre os beneficios ambientais e o aforro económico que se consegue. Así, para un 92% das persoas que responderon a enquisa, é importante ou moi importante que UDC intente reducir o consumo de auga nos centros.

Enquisa de satisfacción coas billas de baixo consumo na Facultade de Ciencias


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal