
A Oficina de medio ambiente (OMA) da UDC e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organizamos un ano máis o ciclo de conferencias e obradoiros Primavera Ambiental, co obxectivo de achegar á comunidade universitaria diversas problemáticas, propostas e vías de participación na solución das mesmas.
A duración do ciclo será desde o 10 de abril até o 7 de xuño. En oito actividades diferenciadas, abordaremos temáticas tan diversas como os residuos, a agroecoloxía, a biodiversidade, a enerxía, o consumo responsable... Ademais dunha compoñente teórica para a que convidamos a persoas expertas, todas elas inclúen aspectos prácticos e traballos aplicados ao campus e aos centros universitarios. Polo seu contido eminentemente práctico, todas elas están abertas á participación como voluntariado ambiental.
Veremos como converter unha terraza ou balcón nunha horta, poñeremos a punto unha mesa de cultivo e visitaremos a área de compostaxe da UDC. Contaremos coa intervención da Asociación Galega de Horticultura Urbana (AGHU). +INFO
Coñeceremos este programa de voluntariado en ríos e faremos a inspección de primavera do río Lagares. Acompañaranos un educador do Proxecto Ríos. +INFO
Faremos unha exposición-obradoiro de aparellos solares, como fornos solares e outros, e teremos unha visita guiada a unha instalación fotovoltaica da UDC e a un centro con elementos de bioclimatización. Tamén haberá lugar para organizar un mercadiño de troco. +INFO
Reutilización e reciclaxe. Aprenderemos a importancia da reciclaxe de papel e aprenderemos a facer un consumo responsable do mesmo, presentaremos a campaña de aforro e reutilización de papel levada a cabo pola OMA e aprenderemos a elaborar cadernos con papel reutilizado. +INFO
Caixas niño para morcego. Coñeceremos a vida dos morcegos e para fomentar a biodiversidade no campus construiremos caixas niño que penduraremos polo campus. Posteriormente faremos o seguimento destas caixas. Contaremos con persoal experto en morcegos da Asociación Drosera. +INFO
Faremos unha actividade de restauración participativa no monte da Fraga, e construiremos unha pequena charca co obxectivo de incrementar a poboación de anfibios e libeliñas no campus. +INFO
Da man de ADEGA, aprenderemos a identificar a flora exótica invasora e posteriormente sairemos ao monte da Fraga a facer unha eliminación deste tipo de especies. +INFO
Para clausurar o ciclo participaremos na limpeza simultánea de praias. +INFO
Se estás interesado/a nalgunha destas actividades podes reservar xa a túa praza no correo da Oficina de Medio Ambiente oma3@udc.es
Oficina de medio ambiente (OMA-UDC). Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas.
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
Nota: A información de detalle (lugares, horarios...) sobre cada actividade irase cargando nas correspondentes ligazóns a medida que nos acerquemos á data de realización.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000