Convocatoria de acceso uso de las huertas comunitarias en el campus de Elviña

Plazo de solicitudes del 2 al 9 de abril

Uso das hortas comunitarias no campus de Elviña

A convocatoria afecta a un total de 25 parcelas de 20 metros cadrados cada unha, para as que se habilitou un espazo situado enfronte á Facultade de Economía e Empresa e a carón do Edificio de Apoio á Investigación no Campus de Elviña.

O uso das hortas e a relación entre as persoas usuarias e a Universidade rexerase polas Normas de funcionamento das hortas urbanas da UDC accesíbeis nesta ligazón e aprobadas polo Consello de Goberno na súa sesión do 28 de febreiro de 2013.

De acordo co Artigo 5, son requisitos para ser usuario/a os seguintes:

  1. Ser membro da comunidade universitaria.
  2. Estar ao corrente de pago das súas obrigas coa universidade.
  3. Estar capacitado/a fisicamente para cultivar un pequeno horto sen que supoña un risco para a súa saúde. En todo caso, as persoas usuarias eximen a Universidade de responsabilidade sobre as consecuencias para a saúde que puidesen derivarse da realización de actividades nas hortas.

Toda persoa ligada á Universidade da Coruña ten dereito a unha única solicitude. De ser maior o número de solicitantes que o de parcelas, estas adxudicaranse mediante sorteo, co seguinte condicionante: establécese un 50% das parcelas para estudantado e o outro 50% para persoal (PDI e PAS), sempre e cando existan solicitudes suficientes en cada un destes sectores.

De acordo co Artigo 16 relativo ao réxime económico, as persoas adxudicatarias aboarán a cantidade que se estableza polo uso da parcela, instalacións e servizos inherentes, nunha única cota anual que se aboará nun prazo non superior a 15 días desde a comunicación de adxudicación ou prórroga. Para o primeiro exercicio anual establécese esta taxa en 70 euros para persoas adxudicatarias pertencentes aos colectivos de PAS e PDI, e de 30 euros para aquelas outras pertencentes ao colectivo de estudantes.

As persoas interesadas deberán cubrir o seguinte formulario de solicitude:

Formulario de solicitude para participar no concurso para a autorización dunha das hortas da Universidade

O prazo de solicitude estará aberto desde o 2 de abril ás 09 h até o 9 de abril ás 14 h.

As listas provisional e definitiva de persoas admitidas, xunto coa data e lugar de celebración do sorteo, faranse públicas neste mesmo espazo web nos días seguintes ao peche da convocatoria. Igualmente, a resolución da convocatoria tamén se fará pública neste espazo, e comunicarase directamente ás persoas seleccionadas, xunto coas instrucións para a realización do pagamento e a formalización da concesión.

No caso do decaemento dalgunha das concesións, correrase a lista de suplentes establecida no mesmo sorteo.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000