VI Encontro Solar da UDC

Campus de Elviña, espazo exterior enfrente do Xoana Capdevielle

Encontrosolar2018

Xa temos o sol acompañándonos e é por iso que estamos a argallar o VI Encontro Solar da UDC. Será o xoves 26 de abril, se a climatoloxía nos acompaña (se non, adiarase para o seguinte xoves, 3 de maio, e así sucesivamente...: para o encontro solar precisamos que faga sol. Confirmación no blogue da OMA)

Gustaríanos moito contar convosco para esta celebración, que todos os anos festexamos cun xantar colectivo, no que xuntamos preto dun cento de cociñas solares, dándolle visibilidade ao aproveitamento desta enerxía limpa e inesgotábel, e tamén, á degustación de pratos variados, riquísimos!

Como foi nas pasadas edicións?

Bótalle unha ollada ao Timelapse do V Encontro Solar:

Crónica do V Encontro solar, Fotos doutras edicións...

Para participar só tes que anotarte no correo oma2@udc.gal e indicar:

  • se queres participar como persoa individual ou che gustaría traer a un grupo
  • se xa tedes forno, ou se precisariades del (para isto anotádevos canto antes porque os préstamos de fornos voan...!)
  • tamén podedes construír o voso propio forno! cunha caixa de cartón, moi sinxelo e aínda mais barato!

Na xornada tamén se fará unha visita guiada ao CITIC, un edificio da UDC que se alimenta de enerxía solar grazas ás placas fotovoltaicas da súa cuberta. Haberá unha mesa de experimentación e aprendizaxe de distintos aparellos solares e unha exposición itinerante "A Enerxía Solar" da man de ADEGA.

Animádevos a aprender máis sobre a Enerxía e a Cociña Solar nun día de festa, con música de pinchadiscos solar da Escola de Imaxe e Son do CIFP de Someso.

E para quedar convencidas, convidámosvos a partir das 13:30h aos petiscos que vaian saindo dos fornos!!

Calquera cuestión, non dubidedes en contactar con nós.

Un saúdo ao Sol!

Esta actividade forma parte do Proxecto UDC + Fundación Alcoa
Campus, casa, cidade: laboratorios do cambio
 

VI Encontro Solar da UDC

Adíase para o xoves 3 de maio

Adíase o VI Encontro Solar da UDC para o xoves 3 de maio, debido á previsión meteorolóxica inestable.

Ao longo do luns 30 confirmarase a celebración do encontro no blogue da OMA.

Permanecede atentas, lembrade anotarvos en oma2@udc.gal para participar. Tamén poderedes pasar polo aparcamento do Xoana Capdevielle o día do Encontro para probar os petiscos que vaian saindo dos fornos, de balde! Moitas grazas!!

Data de publicación: 24 de abril

VI Encontro Solar da UDC

Adíase para o xoves 10 de maio

Outra semana de previsión meteorolóxica inestábel fainos adiar novamente o Encontro solar.

Ao longo do luns 7 confirmarase a celebración do encontro no blogue da OMA.

Permanecede atentas, lembrade anotarvos en oma2@udc.gal para participar. Pódese pedir préstamo de un forno solar, e tamén poderedes pasar polo aparcamento do Xoana Capdevielle o día do Encontro para probar os petiscos que vaian saindo dos fornos, de balde!

Máis información  

Data de publicación: 30 de abril

VI Encontro Solar da UDC: adíase até previsión meteorolóxica estábel

Outra semana de primavera típica con días de sol, nubes e algún chuvasco, fainos adiar novamente o Encontro solar.

Contamos con todas e todos vos, permanecede atentas/os ao blogue da OMA e ao apartado de Actualidade da OMA  onde anunciaremos a data en canto se dea unha previsión de sol completo.

Estamos moi ilusionadas/os con esta celebración, e para que saia ben é necesario que faga sol.

Lembrade anotarvos en oma2@udc.gal para participar. Pódese pedir préstamo de un forno solar, e tamén poderedes pasar polo aparcamento do Xoana Capdevielle o día do Encontro para probar os petiscos que vaian saindo dos fornos, de balde!

Data de publicación: 8 de maio