Programa Green Campus na UDC

Que é o programa Green Campus?

A Universidade da Coruña (UDC) asinou en febreiro de 2014 un convenio de colaboración coa Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), como membro da internacional Fundation for Environmental Education (FEE) para a implantación dos procedementos de xestión ecolóxica baixo a bandeira verde GreenCampus.

A presentación do programa e primeira reunión de traballo tivo lugar o pasado 13 de marzo, e contou coa participación ds direccións dos cinco centros da UDC que inicialmente se incorporarán ao Green Campus: ETS Arquitectura, EU Arquitectura Técnica, Facultade de Ciencias e Facultade de Ciencias da Educación, situadas no campus central de Elviña e a A Zapateira, xunto coa Facultade de Ciencias da Saúde, en Oza. Na mesma tamén participaron José Ramón Sánchez Moro, presidente de ADEAC, Amalia Blanco Louro, vicerreitora de Planificación Económica e Infraestruturas da UDC e Manuel Soto, director da OMA-UDC.

Obxectivos e metodoloxía do programa Green Campus

A Fundation for Environmental Education (FEE), agrupa como membros a ONG de 65 países, e desde a súa fundación en 1982 ven creando e desenvolvendo programas internacionais como Bandeira Azul (Blue Flag), Xoves Reporteiros para o Medioambiente (YRE), Bosques na Escola (LEAF), Chave Verde (Green Key) ou Ecoescolas (Eco-schools). No caso de Ecoescolas, suma uns 38.000 centros educativos en 52 países, e conta co apoio expreso del PNUMA. GreenCampus é un novo programa que recolle a filosofía, metodoloxía e experiencia de Ecoescolas, adaptada ás necesidades e problemática específica do ámbito universitario. En Europa máis de 40 universidades, entre elas a Universidade de Cork e o Trinity College de Dublín en Irlanda ou a Escola Superior de Tecnoloxía da Saúde de Lisboa, participan desde 2007 no programa.

A creación dun Comité Ambiental, a realización de eco-auditorías, a elaboración dun Plan de Acción e dunha declaración do compromiso ambiental, xunto co asesoramento, información, comunicación e avaliación continua, son os elementos chave da metodoloxía do GreenCampus.

Os obxectivos a acadar xiran arredor de dez áreas de actuación: 1) optimización do consumo de auga e enerxía, 2) redución da xeración de residuos e recollida separada, 3) atención preferente aos RAEE (residuos de aparatos eléctricos e electrónicos), 4) contaminación atmosférica, acústica e lumínica, 5) mobilidade sostíbel, 6) alimentación saudábel, 7) biodiversidade, 8) compra verde, comercio xusto e consumo responsábel, 9) participación, sensibilización e voluntariado ambiental, e 10) ambientalización curricular da docencia e da investigación.

Documentos Green Campus UDC

Bandeira verde 2015 para EUAT e FCS

Bandeira_Verde_FCS
ENTREGA_BANDEIRA_R0010660

Desde o pasado 19 de decembro, estes dous centros da UDC contan coa Bandeira Verde como distintivo

A Escola Universitaria de Arquitectura Técnica (EUAT) e a Facultade de Ciencias da Saúde (FCS) son os dous primeiros centros da Universidade da Coruña en recibiren o pasado mes de novembro o recoñecemento ao seu traballo pola sustentabilidade e a mellora ambiental, acadando a Bandeira Verde do programa Green Campus. Con eles, a UDC e a Uvigo convértense nas primeiras universidades do Estado español en contar con este recoñecemento. O programa Green Campus comezou nestes centros en marzo de 2014, téndose sumado ao mesmo outros tres centros da UDC (ETSA, Ciencias e Ciencias da Educación).

Durante ano e medio de traballo, os centros agora galardoados coa Bandeira Verde analizaron o seu impacto ambiental, seleccionaron, desenvolveron e implantaron diversas melloras encamiñadas tanto a reducir a pegada ecolóxica do centro como a concienciar á comunidade universitaria sobre a necesidade e a viabilidade das melloras ambientais. A xestión de RAEE, a compostaxe, a recollida selectiva, o aforro enerxético, o aforro de auga, a divulgación e o voluntariado ambiental destacan entre as iniciativas levadas a cabo. O traballo realizado nestes centros é un exemplo para toda a universidade, e tamén para a sociedade.

O programa Green Campus, a través da ecoauditoría ambiental nos centros acollidos, a creación dun comité ambiental, a elaboración dun plan ambiental, a súa realización práctica e a súa avaliación permítenos comezar o traballo pola base, dunha forma sólida, e gañando experiencia a medida que avanzamos no traballo. Agardamos acadar novos recoñecementos e incorporar novos centros a este programa ao longo do presente curso.

Nas seguintes ligazóns pódese acceder ao traballo realizado nestes dous centros.

Facultade de Ciencias da Saúde
Green Campus FCS

Memoria Green Campus FCS Bandeira Verde

Escola Universitaria de Arquitectura Técnica
Green Campus EUAT

Memoria Green Campus EUAT Bandeira Verde

 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal