Misión, visión e valores da Universidades da Coruña

(Aprobado polo Claustro da UDC o 31 de marzo do 2005)

A declaración da misión, visión e valores da Universidades da Coruña quere facer explícitos aspectos como o obxecto social, a finalidade que dá razón de ser á universidade, o tipo de organización que quere ser no futuro e os valores éticos compartidos polo conxunto da comunidade universitaria que orientarán as súas actuacións e as dos órganos de goberno. Xa que logo, estase a falar dunha formulación ampla, que teña continuidade no tempo, que permita o desenvolvemento institucional e que estableza prioridades capaces de orientar a organización.

Misión

A Universidade da Coruña é unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, xestión e difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento de investigación e de docencia.

A Universidade da Coruña concibe a súa finalidade esencial como un servizo público de calidade orientado á procura de maiores niveis de benestar para o conxunto da sociedade por medio da busca de avances sociais, científicos e tecnolóxicos nun marco de valores éticos xeralmente aceptados.

Forma parte da misión da Universidade da Coruña a formación dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.

A Universidade da Coruña manifesta explicitamente o seu compromiso co estudo e desenvolvemento integral de Galicia, singularmente da súa identidade social, cultural e lingüística, e asemade promoverá a súa plena integración no espazo europeo de ensino superior e a proxección en América Latina.

Por tanto, consonte o artigo 1 dos Estatutos da UDC, son funcións da universidade ao servizo da sociedade:

  1. A creación, o desenvolvemento, a transmisión e a crítica da ciencia, da técnica e da cultura.
  2. A preparación para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos e para a creación artística.
  3. A difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade da vida e do desenvolvemento económico.
  4. A difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

Visión

A visión ou modelo cara ao que a UDC procura achegarse vén formulado nos seguintes termos:

  1. Unha universidade pública con funcionamento participativo e democrático a través dos seus órganos de goberno tanto colexiados como unipersoais.
  2. Un servizo público que conta cuns medios persoais, materiais, financeiros e de todo tipo xestionados con eficiencia e eficacia cara á consecución da súa misión e dos obxectivos que lle son propios. Xa que logo, e consonte o seu carácter de servizo público, as prestacións achegadas pola UDC tenderán a favorecer:
    a.o acceso máis amplo posible aos seus servizos a todas as persoas interesadas, sen prexuízo dos requirimentos de formación e dos coñecementos que se determinaren nas correspondentes disposicións académicas e legais,
    b. o alto nivel de calidade que deben posuír os servizos e prestacións universitarios nunha sociedade baseada no coñecemento,
    c. un acaído equilibrio entre un financiamento suficiente para a provisión de equipamentos e servizos de calidade e unha estrutura de taxas e presos públicos que sexa equitativa e/ou asumible polas persoas interesados.
  3. Unha institución pública que actúa con independencia de poderes ou grupos de tipo económico, político, ideolóxico, relixioso ou social.
  4. Unha universidade pública que, en colaboración co sector privado, dispón dun sistema de financiamento público suficiente e estable, correctamente axeitado ás súas necesidades e que permita a consecución dos seus obxectivos tanto presentes como futuros.
  5. Universidade que se desenvolve en espazos integrados harmonicamente nos seus contornos urbanos e territoriais e que actúan como polos de cohesión tanto territorial como social e económica. En consecuencia, cómprelle á UDC pór en valor todo o seu potencial humano, científico e tecnolóxico para acadar un maior e mellor desenvolvemento económico e cultural neses contornos.
  6. Unha universidade pública que actúa con transparencia e informa cumpridamente da xestión e dos resultados tanxibles e intanxibles que se derivan da súa actuación á comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade que a financia e a que serve.
  7. Unha universidade que, con espírito libre e crítico, procura a extensión, afondamento e renovación do legado cultural herdado.
  8. Unha universidade que busca a excelencia na investigación e no proceso de ensino-aprendizaxe e que concreta a calidade nas seguintes cuestións:
    a. o deseño dunha oferta de titulacións que sexa de interese para o conxunto da sociedade e, xa que logo, con capacidade de atracción de estudantes procedentes tanto do noso contorno próximo, do sistema universitario galego e español, como do espazo europeo de ensino superior e América Latina;
    b. o deseño e implantación de metodoloxías docentes modernas, innovadoras e eficaces que posibiliten o proceso de adquisición de destrezas e capacidades por parte dos discentes nos diferentes ámbitos do coñecemento;
    c. a procura da formación integral da persoa a través dunha docencia de calidade onde o proceso de ensino se adapte ás necesidades da aprendizaxe individual dos estudantes, facilitando, a través da titoría e dos mecanismos de avaliación mellor acaídos ás características das titulacións, a consecución dos obxectivos formativos formulados de xeito explícito.
    d. a implicación na inserción dos seus titulados no mercado laboral;
    e. o incremento e a cualificación crecente do seu propio capital intelectual por medio da formación permanente do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos (capital humano), da intensificación das relacións cos axentes sociais e económicos (capital relacional) e da innovación e mellora continua dos procesos e estruturas (capital estrutural);
    f. a dotación dunhas infraestruturas e espazos ben acaídos para o traballo nun contorno profesional nos eidos da docencia, da investigación e da xestión, e, singularmente, a dispoñibilidade de sistemas de información e comunicación efectivos;
    g. a creación e o desenvolvemento de grupos de investigación básica e aplicada e o fomento de xeración de redes con vínculos entre investigadores propios da UDC ou alleos á mesma que contribúan activamente ao progreso científico, tecnolóxico, económico e social;
    h. o funcionamento de grupos de investigación capaces de captaren en convocatorias competitivas financiamento público ou privado a través da prestación de servizos por medio de convenios e contratos.
  9. Unha institución que se fai presente na sociedade a través da extensión universitaria que se materializa na oferta tanto de actividades culturais e deportivas como de formación continuada.

Valores

A UDC, no cumprimento das súas finalidades propias, e como institución pública, civil, autónoma e laica, rexerase polos seguintes valores:

  1. A afirmación dos dereitos humanos e a consecuente loita contra calquera discriminación por razóns ideolóxicas, sociais, económicas, relixiosas, de nacemento, de discapacidade, de xénero ou de orientación sexual.
  2. A formación de profesionais, vinculada á formación de cidadáns libres e críticos que contribúan, desde os seus destinos laborais e desde os seus saberes, á extensión e afondamento na sociedade dos principios democráticos de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo.
  3. O principio da liberdade de cátedra, no ámbito dos dereitos académicos; e a transparencia e mais a participación dos diferentes sectores da comunidade universitaria, a través dos órganos colexiados de goberno, no ámbito da xestión universitaria.
  4. O traballo en equipo, que representa en si mesmo un valor social estimable e contribúe á mellor formación dos estudantes e dos novos investigadores e ao fortalecemento da investigación no seu conxunto.
  5. A procura do desenvolvemento sustentable, como compoñente esencial da súa responsabilidade social corporativa, para o cal orientará o labor docente e investigador cara á integración harmónica do progreso económico, da conservación do medio ambiente e do progreso social.
  6. A paz, o fortalecemento do diálogo e da intermediación entre as diferentes culturas, e a cooperación internacional entre os pobos, como medio para erradicar a violencia e a explotación das persoas por seren incompatibles co desenvolvemento das sociedades e co coñecemento libre e desinteresado.
  7. A procura da calidade e da excelencia na docencia, na investigación, na xestión e nos servizos, coa súa conseguinte avaliación, teñen como última meta acadar maiores cotas de benestar social.
  8. O compromiso da UDC coa transformación e o desenvolvemento da sociedade galega responsabilízaa especialmente do cultivo, da protección e da transmisión dos valores patrimoniais e culturais máis inmediatos, tanto no ámbito artístico, como no urbanístico, arquitectónico, documental ou lingüístico.
  9. Á vocación europeísta da UDC súmase natural e indisolublemente a proxección nos países latinoamericanos, aos que nos unen fortes lazos históricos e familiares.

Planificación estratéxica


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000