Órganos colexiados dos centros

A Xunta de Facultade ou Escola é o Órgano Colexiado de Goberno do Centro.
Ten, entre outras, competencia para:

  • Aprobar as liñas xerais da política académica do centro.
  • Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e administración do centro.
  • Propoñer a implantación de novas titulacións e a organización de cursos ou estudos de posgrao.
  • Elaborar e aprobar as propostas de plans de estudo das titulacións que se impartisen no centro.
  • Organizar as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, e coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias impartidas neles polos departamentos, de acordo cos plans de estudo e cos obxectivos establecidos para cada titulación.

A Xunta de Centro estará composta por:

  • O decano ou director, que a presidirá e convocará.
  • Os vicedecanos ou subdirectores e o secretario, que o será tamén da Xunta.
  • Todos os profesores e axudantes. Os que impartisen docencia en máis dun Centro serán membros da Xunta do Centro no que desenvolvan maioritariamente a súa actividade docente.
  • Unha representación dos estudantes nunha proporción do 33 por cento dos membros da Xunta, correspondendo un 31 por cento ao primeiro e segundo ciclo e un 2 por cento a terceiro ciclo.
  • Unha representación do persoal de administración e servizos nunha proporción do 10 por cento dos membros da Xunta.

Órganos unipersoais de centros

Decano/director de centro

O decano ou director representa ao centro, exerce a súa dirección, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os acordos destes.

O decano ou director será elixido pola Xunta de Centro, entre catedráticos ou profesores titulares do centro respectivo, e será nomeado polo reitor.

O seu mandato ten unha duración de tres anos con posibilidade de reelección.

Vicedecano/subdirector de centro

Os vicedecanos ou subdirectores dirixen e coordinan a área de competencia que lles asigna o decano ou director.

Os vicedecanos ou subdirectortes serán nomeados polo reitor, por proposta do decano ou director, de entre os membros da comunidade universitaria do centro.

Secretario/a de centro

O secretario é o fedatario dos actos e acordos dos órganos colexiados de goberno e administración do centro.

O secretario será nomeado polo reitor por proposta do decano ou director do centro.

Órganos colexiados dos departamentos

O Consello de Departamento é o Órgano Colexiado de Goberno do Departamento
Ten, entre outras, competencia para:

  • Planificar as actividades docentes e investigadoras do Departamento e mais elaborar o seu Plan de Organización Docente.
  • Organizar cursos ou estudos de posgrao ou especialización dentro do seu ámbito de competencia.
  • Aprobar a memoria anual sobre as actividades docentes e investigadoras desenvolvidas polo Departamento.
  • Aprobar a distribución do presuposto anual do Departamento e a súa execución.

O Consello de Departamento estará composto por :

  • Os catedráticos e profesores titulares, profesores asociados e profesores eméritos integrados nel.
  • Os axudantes de departamento.
  • Un representante dos bolseiros de investigación e investigadores integrados no departamento.
  • Unha representación dos estudantes do ámbito da docencia do departamento que suporá un 33 por cento do total dos membros do Consello. Deles, dous terzos serán de primeiro e segundo ciclo, e un terzo de terceiro ciclo. Asegurarase, no caso de estudantes de primeiro e segundo ciclos, a presenza de, cando menos, un representante de cada centro no que o departamento impartise docencia.
  • Un representante do persoal de administración e servizos adscrito ao departamento.
  • Un representante dos lectores integrados no departamento.

Órganos unipersoais de departamentos

Director de departamento

O director de departamento é o órgano unipersoal de goberno do departamento e o encargado da súa representación, preside e convoca o Consello de Departamento, executa os seus acordos e vela polo seu cumprimento.
É elixido polo Consello de Departamento entre os seus catedráticos ou profesores titulares e nomeado polo reitor. O seu mandato ten unha duración de tres anos con posibilidade de reelección.

Secretario/a de departamento

Correspóndelle ao secretario do departamento redactar acta das sesións do Consello de Departamento, expedir as certificacións e tramitar as propostas, así como coidar do arquivo e da documentación do departamento.
O secretario do departamento será nomeado polo reitor, por proposta do director de entre os profesores e axudantes do departamento.