Os estudos de Enxeñaría Técnica Naval créanse por orde ministerial de decembro de 1963 e son, por tanto, xerme dos futuros estudos universitarios de Ferrol. Inícianse no Instituto Concepción Arenal ao non contar nese momento con instalacións propias.
O edificio da Escola Universitaria Politécnica xorde en 1972 para acoller os estudos de Enxeñaría Técnica Naval (curso 1972-73), cumprindo así o ordenado polo Excmo. Señor Subsecretario de Educación Nacional, segundo escrito de 8 de xaneiro de 1964.
A construción do edificio orzouse en 35.600.000 pesetas e o arquitecto encargado da redacción do proxecto foi D. F. García-Escudero y Torroba.
Durante os anos oitenta ten lugar a transformación da Escola de Enxeñeiros Técnicos Navais en Escola Universitaria Politécnica (EUP) coa incorporación dos estudos de Enxeñaría Técnica Industrial. A EUP foi creada na Xunta de Goberno de novembro de 1987, recibiu informe favorable do Consello de Universidades en abril de 1988 e a creación da EUP pola Xunta de Galicia foi publicada no DOG do 19 de agosto de 1988. No curso 1988-89 iniciáronse os estudos de 1º curso de Enxeñaría Técnica Industrial en Electricidade, especialidade en Automática e Electrónica. Posteriormente a Xunta de Escola de xuño de 1989 solicitou a especialidade de Centrais e Redes, que foi aprobada pola Xunta de Goberno da Universidade en marzo de 1990.
En xaneiro do ano 1990 a Escola, co total do seu profesorado, foi transferida por Decreto da Xunta de Galicia á Universidade da Coruña, converténdose unha das Escolas máis antigas desta Universidade.
Desde entón e ata estes días realizáronse diversas ampliacións e modificacións do Centro fundamentalmente para dar capacidade ás novas demandas de laboratorios e espazo para o alumnado, como a transformación do ximnasio en aula magna, o establecemento da sede departamental de Enxeñaría Industrial, a ampliación de catro aulas e despachos na zona do corredor entre o edificio central e a zona de obradoiros, o pintado e subdivisión da zona de obradoiros, creación das aulas CAD, aula NET e distintos laboratorios de Electricidade e Electrónica, instalación do servizo contraincendios, etc.
En conformidade co disposto no apartado 2 do artigo 10 do Real decreto 1497/1987 de 27 de novembro, a Escola comezou no ano 96 a renovación dos Planos de Estudo para os adaptar ás novas titulacións e así ao longo do ano 1998 fóronse publicando os acordos do Consello de Universidades homologando os Planos de Estudo conducentes ás titulacións oficiais de Enxeñeiro Técnico Industrial en Electricidade, Enxeñeiro Técnico Industrial en Electrónica, Enxeñeiro Técnico Naval en Estruturas Mariñas e Enxeñeiro Técnico Naval en Propulsión e Servizos.
Vivenda unifamiliar illada, construída na década dos anos 50, segundo os datos que obtivemos. Pertencía á familia Cabido e a denominación Casa do Cura provén de que o sacerdote da parroquia de Serantes, membro desta familia, foi o último en habitala. Após o seu falecemento, os seus herdeiros venderon a propiedade á Universidade da Coruña o 5 de marzo de 2002.
Textos: Dª MERCEDES INSUA CABANAS: Doctor Arquitecto, Catedrática de E.U. de la Universidad de A Coruña. Autora del libro “Arquitectura Hospitalaria Gallega de Pabellones” publicado por la Universidad de A Coruña en 2002.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000