1. Introdución
A consideración da promoción da extensión de usos da lingua galega como un obxectivo estratéxico da Universidade precisa dunha concreción que os órganos de Goberno da UDC asumiron ao decidiren conformar unha comisión para elaborar un plano de normalización lingüística. Este plano pretende ser, nesta liña, a materialización do compromiso da Universidade da Coruña coa normalización da lingua galega en todos os ámbitos da súa competencia.
A necesidade e a oportunidade de a UDC posuír un plano de normalización lingüística deben ir acompañadas dun amplo consenso entre a comunidade universitaria, pois é conveniente que todos os membros desta fagan seu o compromiso coa promoción do uso da lingua propia da institución. O proceso de normalización da nosa lingua, como núcleo central da nosa identidade, debe implicar todas as persoas que traballan ou estudan no ámbito da UDC, pois todas poden contribuír á normalización do idioma galego.
Existe, ademais, unha importante demanda da comunidade universitaria a respecto da acción normalizadora, un feito corroborado nos diferentes estudos existentes e que a UDC debe atender, situando a extensión dos ámbitos de uso do galego, como máis un factor de calidade e de excelencia, nun plano central da política universitaria para os próximos anos.
2. Metodoloxía de traballo
O 29 de abril de 2005 o Consello de Goberno aprobou a creación da Comisión para a Elaboración do Plano de Normalización Lingüística. Nela integráronse os membros que se relacionan a continuación e que comezaron os seus traballos o 10 de maio de 2005:
- D. Luís Caparrós Esperante, vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación
- D.ª Goretti Sanmartín Rei, directora do Servizo de Normalización Lingüística [1]
Profesorado
:- D. Xosé Ramón Freixeiro Mato, ámbito de humanidades
- D. Antón Álvarez Sousa, ámbito de ciencias sociais e xurídicas
- D. Primitivo González López, ámbito de ensino técnico
- D. Eduardo González Gurriarán, ámbito de ciencias experimentais
- D. Ramón Fernández Cervantes, ámbito de ciencias da saúde
Estudantado
- D.ª Avia González Veira
- D. Miguel Ratón Almuíña
- D. Juan Ignacio Doce Díaz
PAS
- D. Salvador Peña Díaz
- D.ª Pilar Comesaña Pérez
- D.ª Susana Carballal Graña
Unha das primeiras medidas que se acordaron foi o fomento da creación de comisións de normalización nas escolas e facultades, coa intención de recoller directamente as propostas dos centros, de iniciar unha colaboración e propiciar a fluidez da comunicación entre a comunidade universitaria e o Servizo de Normalización Lingüística, un servizo con xa unha importante implantación nos servizos centrais mais con escasa presenza práctica e directa na vida diaria nos ámbitos da docencia e da investigación.
A formación destas comisións (que aínda carecen da suficiente solidez e implantación) supuxo un proceso lento mais frutífero e, finalmente, recolléronse importantes propostas para o debate, cuxos contidos foron incorporados ao texto que presentamos como documento de discusión. A redacción, pois, deste documento, para alén de recoller as propostas dos diferentes sectores (profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos), responde aos intereses e ás preocupacións colectivas, incluíndo aquelas cuestións que os propios centros debateron e consideraron prioritarias e factibles, nunha liña de realismo que a Comisión quixo sempre transmitir.
A partir deste momento, a proposta someterase á aprobación, se proceder, dos órganos de goberno da UDC, os encargados, finalmente, de a valorar, de a executar e de a avaliar.
3. Análise da situación sociolingüística
3.1. Situación legal da lingua galegaz
3.1.1. A nivel internacional
O recoñecemento dos dereitos lingüísticos é hoxe un feito incuestionable por parte da comunidade internacional, algo que se traduce en diferentes regulamentos e recomendacións aprobados pola maioría dos gobernos e interiorizados como formantes dun corpus xeral de lexislación que pretende pór en valor a pluralidade lingüística e a diversidade cultural como valores fundamentais das sociedades modernas.
Nesta liña, xa na Declaración universal dos dereitos humanos, aprobada en 1948 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, se establece que ningunha persoa pode ser discriminada, entre outras causas, polo idioma que utiliza, de tal maneira que o uso dunha determinada lingua é considerado un dereito fundamental.
3.1.2. A nivel europeo
O documento máis importante neste espazo é a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, un texto consensuado en Estrasburgo en 1992 e ratificado polo Estado español no ano 2000. A pesar de utilizar unha terminoloxía pouca acaída co caso galego, a importancia da Carta radica no feito de considerar un dereito imprescritible o de practicar unha lingua rexional ou minoritaria na vida privada e pública. Nesta liña, tal documento entende que “a protección e a promoción das linguas rexionais ou minoritarias nos diferentes países e rexións de Europa representan unha contribución importante á construción dunha Europa fundada nos principios da democracia e da diversidade cultural”, unha cuestión que non pode ser obviada polas universidades, cuxo papel na construción dun espazo europeo debe ir acompañado do fomento dos seus específicos valores lingüísticos e culturais.
3.1.3. A nivel do Estado español
A Constitución española de 1978 establece no seu artigo 3 que o castelán é a lingua oficial do Estado (3.1), mais recoñece que o resto de linguas serán oficiais segundo se sinalar nos respectivos estatutos de autonomía (3.2.).
Pola súa banda, o Estatuto de Autonomía de 1981 no seu artigo cinco expón que o galego é a lingua propia de Galicia (5.1), e será oficial en toda a comunidade xunto co castelán (5.2). Así mesmo, establece que os poderes públicos garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos sociais (5.3).
En 1983 o Parlamento galego aprobou a Lei de normalización lingüística coa finalidade de fomentar e difundir o emprego do galego. No artigo 12 establece que o galego será a lingua oficial do ensino en todos os seus niveis. Canto ao ensino universitario, garante o dereito de uso de calquera das linguas oficiais (15.1), así como pondera o emprego da nosa lingua coas medidas oportunas para a súa normalización (15.2).
O 22 de setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega. Nel, despois dunha presentación xeral sobre o camiño avanzado desde a aprobación da Lei de normalización lingüística e da diagnose da situación do galego na actualidade, recolle unha serie de medidas en todos os planos da vida pública.
Neste plano sinálanse os seguintes puntos fortes e débiles do ensino universitario[2]:
| Puntos fortes | Puntos débiles |
|---|---|
| Lexislación favorable para a lingua galega nas tres universidades (nos estatutos respectivos) | - A normalización lingüística nunca foi considerada un obxectivo prioritario ou estratéxico das universidades |
|
- A situación das universidades galegas é potencialmente favorable para a lingua e a súa normalización, dado que a maioría do profesorado e do alumnado é orixinario de Galicia. - O alumnado chega á universidade cun coñecemento do galego cada vez máis alto. |
- O ensino superior foi desde sempre un espazo moi castelanizado e moi refractario á presenza normal da lingua galega |
|
- O galego é a lingua institucional das universidades galegas. - A administración universitaria realízase en galego, así como a grande maioría dos servizos. |
- A presenza do galego na docencia universitaria segue sendo moi inferior á docencia en castelán. - A investigación realízase principalmente en castelán ou en inglés. - Existen áreas de coñecemento cunha moi escasa implantación do galego (áreas tecnolóxicas ou científicas, por exemplo). |
|
- Na USC aprobouse e púxose en marcha un plano de normalización lingüística no ano 2002. - - Na Universidade de Vigo aprobouse en decembro de 2004 e púxose en marcha no ano 2005 un plano de política lingüística. |
- A Universidade da Coruña aínda non aprobou un plano de normalización lingüística |
|
- Existe infraestrutura para a xestión normalizadora (servizos de normalización lingüística). - O Servizo de Normalización Lingüística da USC constitúe un referente de organización e de xestión normalizadora a nivel galego. |
- Precariedade dos servizos lingüísticos da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña, sobre todo a nivel de recursos humanos. |
| - Hai recursos económicos para a extensión da lingua galega nas universidades, tanto propios de cada universidade, como procedentes dos convenios coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. | - Faltan recursos humanos propios para levar a cabo os diferentes programas de asesoramento, formación e dinamización. |
|
- Existe unha escasa coordinación entre a política lingüística das tres universidades. - A formación universitaria dos futuros docentes nos distintos niveis de ensino non os capacita suficientemente para desenvolveren o seu labor en galego e para seren axentes normalizadores. |
3.2. O galego na UDC
3.2.1. Normativas
A Universidade da Coruña establece que a súa lingua propia é o galego, segundo se recolle no artigo 5.2 dos Estatutos, aprobados en 2004. Ademais, subliña que se fomentará o seu uso en todas as actividades.
Por outra banda, existe tamén un regulamento de usos da lingua galega, aprobado en xullo de 2004, onde, para alén de establecer cales deben ser os usos lingüísticos internos e externos da institución, a Universidade asume a responsabilidade, con plena consciencia, de contribuír na normalización da nosa lingua. Alén diso, destaca a necesidade de se dotar dun marco de referencia que indique claramente un modelo que tenda cara a un uso cada vez maior da lingua propia de Galicia, e de propor, asemade, as actuacións que considerar máis axeitadas para contribuír ao proceso de normalización do galego.
3.2.2. Diagnóstico
3.2.2.1. A comunidade universitaria
Partimos, nesta análise sobre a situación da lingua galega na UDC, do traballo coordinado polo profesor Álvarez Sousa[3], cuxos datos foron recollidos a finais de 2003. En grandes liñas, a realidade que reflicte este estudo é a dun uso moi escaso tanto na docencia como na investigación e mesmo a existencia de importantes deficiencias na documentación administrativa e de xestión, un ámbito xa case totalmente galeguizado nas outras universidades galegas. Especialmente preocupantes son os usos orais, cuxa recuperación e potenciación deben ser definidos como factores chave no proceso de normalización de usos do galego na UDC. Como elementos positivos cabería sinalar a alta competencia lingüística do alumnado e, sobre todo, a consciencia da comunidade universitaria sobre a necesidade de fomentar máis o emprego da lingua galega. A todo isto hai que lle acrecentar, como elemento esperanzador, a vontade do equipo de goberno de planificar un proceso de extensión de usos do galego.
Presentamos, a seguir, algún dos datos máis relevantes do estudo que citamos
3.2.2.2. Análise por sectores
3.2.2.2.1. Estudantado
Como é habitual, non existe correspondencia entre unha alta competencia –motivada, fundamentalmente, pola incorporación da lingua galega ao ensino primario e secundario– e un uso real moi baixo
3.2.2.2.2. Profesorado
No caso do persoal docente e investigador, tanto polo factor idade como por existiren persoas de fóra da nosa comunidade autónoma ou que pasaron longas tempadas no exterior, a competencia lingüística en galego é bastante máis baixa que no sector do estudantado. Este feito tradúcese, dada a proximidade entre galego e castelán, nun dominio bastante elevado das competencias pasivas (entender e ler) e nunha diminución moi substancial dese dominio nas competencias activas (falar e escribir).
3.2.2.2.3. Persoal de administración e servizos
Canto ao persoal de administración e servizos, o nivel de competencia é bastante alto, aínda que non chega ao do alumnado. Tamén no uso escrito existe unha importante porcentaxe de persoas que emprega o galego, unha cuestión que se explica por se dedicaren a tarefas administrativas e de xestión, cuxo ámbito é un dos máis galeguizados da vida universitaria.
3.2.3. Usos lingüísticos na UDC
3.2.3.1. Internos
Se atendemos ao que recolle o Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña, os usos lingüísticos internos deben facerse sempre en galego, unha cuestión que está practicamente xeneralizada nos documentos de xestión, académicos ou xurídicos, mais que aínda ten eivas claras nas comunicacións formais (oficios, convocatorias de xuntanzas, citacións etc). Este aspecto, que podería considerarse unha apreciación subxectiva, recóllese perfectamente no dato de existir unha porcentaxe dun 22% do persoal de administración e servizos que emprega sempre o castelán para redactar os documentos internos da Universidade da Coruña. De calquera maneira, desde a aprobación do Regulamento de usos da lingua galega, e tras un proceso de formación e reciclaxe no noso idioma que procurou situar este procedemento como central ao dar a posibilidade de se realizar en horario laboral, estanse a producir certas mudanzas de hábito da escrita que poden supor unha redución desta porcentaxe nun curto prazo de tempo.
3.2.3.2. Externos
Canto aos usos lingüísticos externos, a situación variou moito desde a aprobación do Regulamento de usos da lingua galega, onde se establece que será o galego a lingua empregada con institucións e entidades públicas e privadas da nosa comunidade autónoma e que existirán versións bilingües (galego/lingua oficial da institución ou entidade receptora) no caso de se dirixiren estas comunicacións a lugares exteriores a Galicia. Porén, a rutina nuns hábitos moi consolidados provoca que as modificacións sexan lentas, e constátase, en ocasións, que non se cumpre o Regulamento de usos da lingua galega.
A respecto da publicidade e das páxinas web, a situación é tamén moi desigual, pois o emprego xeral da lingua galega en todo aquilo que sae dos edificios centrais ou que se publica na páxina web oficial da UDC, non vai acompañado do mesmo tratamento se falarmos de publicidade sectorial ou conveniada con outros actores sociais ou institucionais, nin de páxinas web de centros e departamentos.
3.2.3.3. Docencia
Canto aos usos da lingua galega na docencia, cómpre repararmos nos seguintes datos, que fan visible a realidade lingüística maioritaria da vida académica ao situar a porcentaxe de emprego do galego (en exclusiva ou como idioma maioritario) na docencia nun 10%:
3.2.3.4. Investigación
A influencia da avaliación estatal e do feito de se ver como necesario un recoñecemento internacional propician o emprego do inglés e do español como linguas fundamentais da investigación universitaria.
Só un 2,3% do persoal docente e investigador emprega o galego para redactar os traballos científicos e de investigación. Un 9,9% emprega o galego e o castelán. É dicir, en total un 12,2% emprega o galego, quer de xeito exclusivo, quer alternando co castelán.
A grande maioría do PDI da UDC non publicou ningún traballo científico en galego. Só un 26,8% o fixo.
En xeral, o perfil do persoal docente e investigador que utiliza o galego responde aos seguintes trazos: varóns, nados en vilas galegas, fillos de persoas con estudos primarios incompletos ou universitarios e pertencentes ao ámbito científico das humanidades.
3.2.4. Recursos humanos e materiais na UDC
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña tivo en anos precedentes un problema de carencia de recursos humanos e materiais, que o propio Plan xeral de normalización da lingua galega recoñece. A pesar das melloras alcanzadas durante a última etapa, aínda nestes momentos, para alén da persoa que dirixe o Servizo (un docente que non ten ningunha redución da súa carga lectiva), só conta cunha persoa fixa, unha técnica de grao superior.
O traballo que xera o Servizo de Normalización Lingüística esixe (tal e como demostra a propia RPT) un mínimo dun equipo de tres persoas estables, para alén de persoas bolseiras de apoio. Só coa existencia e consolidación dun grupo de traballo poderán irse forxando os perfís máis adecuados para as diferentes tarefas que o servizo debe asumir e que inclúen, para alén do asesoramento lingüístico, a formación e a dinamización.
3.2.4.1. A formación
Nun intento de superar unha situación en que se consideraba que o Servizo de Normalización era o único responsable da calidade lingüística, converténdoo en moitas ocasións nun simple receptor e tradutor de textos, unha política de formación máis acaída (cunha mudanza cuantitativa e cualitativa na oferta) está a potenciar a corresponsabilidade dos textos que cada persoa realiza. A necesidade de actualizar o coñecemento lingüístico, a dispoñibilidade actual de recursos e ferramentas tecnolóxicos e a introdución de contidos máis variados (que van desde a lingua oral e o coñecemento de técnicas de redacción á procura dun estilo adecuado co rexistro e nivel en que nos situamos) foron a liña de traballo fundamental do Servizo nos últimos anos.
3.2.4.2. Asesoramento lingüístico
Un dos labores fundamentais do Servizo de Normalización Lingüística continúa a ser o de corrección e tradución de textos, ao que hai que acrecentar a resolución de dúbidas puntuais ou o asesoramento telefónico e a través do correo electrónico.
A pesar do esforzo que o Servizo realizou para ofrecer un servizo de calidade e rápido, é evidente que o persoal é insuficiente para unha universidade moi deficitaria, con carencias aínda moi grandes na formación dos seus membros e, sobre todo, con inercias moi grandes que levan a ser o español a lingua en que máis segura se sente a comunidade que a conforma.
3.2.4.3. Actividades de dinamización
O espazo que estas dúas actividades (a formación e o asesoramento lingüístico) deixan para as accións de dinamización é cativo. Cómpre, por tanto, reforzar esta liña de actuación, cuxo principal resultado foi a creación das comisións de normalización nos seguintes centros:
- Facultade de Dereito
- Facultade de Ciencias
- Facultade de Informática
- Facultade de Ciencias da Educación
- Escola Técnica Superior de Arquitectura
- Facultade de Económicas
- Facultade de Filoloxía
- Ciencias da Saúde
4. Plano de normalización lingüística
4.1. Obxectivos xerais
- a) Aumentar a sensibilidade da comunidade universitaria sobre o uso do galego.
- b) Velar polo cumprimento das leis e das normativas de que nos dotamos colectivamente (a comunidade universitaria e a sociedade galega) en materia de normalización lingüística.
- c) Garantir a posibilidade de se expresaren en galego, oralmente e por escrito, os membros da comunidade universitaria que o desexaren.
- d) Propiciar que o galego sexa a lingua habitual de comunicación, de expresión e de traballo da comunidade universitaria.
- e) Conseguir para a lingua galega máis espazos de uso e fomentar a súa presenza en sectores estratéxicos.
- f) Promover unha visión de utilidade e de modernidade da lingua galega.
- g) Dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
- h) Impulsar o plurilingüismo na comunidade universitaria.
- i) Difundir a nosa realidade lingüística fóra da comunidade autónoma galega.
4.2. Obxectivos específicos
4.2.1. A comunidade universitaria
- a) Garantir o coñecemento da lexislación lingüística e o respecto polos dereitos lingüísticos.
- b) Promover o aumento da presenza da lingua galega nas diferentes tarefas universitarias, especialmente naquelas en que o seu uso é moi escaso.
- c) Usar as novas tecnoloxías para a normalización lingüística.
- d) Potenciar a actitude de atender o/a cidadán/á ou o/a usuario/a en galego.
- e) Implicar todos os membros da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística e no desenvolvemento do plano da UDC.
- f) Difundir a realidade lingüística entre os membros da comunidade universitaria procedentes de ámbitos xeográficos non galegos.
4.2.2. O persoal docente e investigador
- a) Incrementar o uso da lingua galega como un dos idiomas instrumentais da docencia, procurando os recursos que apoien a reciclaxe do profesorado e que posibiliten a comprensión do galego por parte do alumnado foráneo.
- b) Mellorar a competencia lingüística en galego do persoal docente e investigador.
- c) Aumentar o emprego da lingua galega nas tarefas de investigación e de divulgación dos coñecementos científicos.
- d) Promover entre o profesorado a cultura do respecto á diversidade lingüística e cultural como índice de calidade na docencia.
4.2.3. O estudantado
- a) Incrementar o uso da lingua galega como un dos idiomas instrumentais no proceso de ensino-aprendizaxe.
- b) Consolidar a competencia lingüística en galego do estudantado e favorecer o seu coñecemento por parte daquel que procede doutras áreas lingüísticas.
- c) Promover o emprego da lingua galega nos traballos de investigación, nos traballos de curso e nos exames.
- d) Favorecer o uso da lingua galega por parte do estudantado.
- e) Promover a interacción lingüística en galego como norma habitual.
4.2.4. Persoal de administración e servizos
- a) Consolidar a lingua galega como idioma habitual de uso na xestión universitaria e mais nos servizos, tanto por escrito como oralmente.
- b) Mellorar a competencia lingüística en galego do persoal de administración e servizos.
- c) Garantir un coñecemento da lingua galega por parte do persoal de administración e servizos axustado ás necesidades lingüísticas do posto de traballo que ocupa.
- d) Garantir a corrección lingüística e de estilo de toda a documentación para usos internos e externos que xere a UDC.
4.2.5. Ámbito das relacións da UDC coa sociedade
- a) Dar apoio ás iniciativas que vinculen a UDC co seu contorno sociocultural e socioeconómico
- b) Sensibilizar a sociedade galega sobre o uso do galego.





