Youtubeiros

Youtubeir@s, o concurso que quere encher a Rede de vídeos en galego

LOGO_WEB-011

A Universidade da Coruña, a través do Servizo de Normalización Lingüística participa no Proxecto Youtubeir@s - Concurso de vídeo na Rede, cuxa presentación pública tivo lugar o 29/11/2016 no Salón Reitoral da Universidade de Santiago de Compostela. Ao acto acudiron representantes dos once concellos e das tres Universidades galegas involucradas neste programa para potenciar a presenza do galego na Rede.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Este proxecto xorde no XI Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, Traballando en Lingua que levou por título «Mocidade e Lingua, non todo é Fume», en que se propuxo unha acción para fomentar que haxa máis e mellores vídeos de titoriais ou opinións en galego.

A presentación do concurso estivo precedida por unha reunión de traballo de representantes destas administracións que persegue concretar as liñas de actuación conxuntas para a promoción do galego como servizo á cidadanía e concienciar sobre a importancia das TIC á hora de revalorizar a lingua.

Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

Youtubeir@s - Concurso de vídeos na rede comeza o día 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos hase prolongar ata o 28 de abril. Segundo se recolle nas bases dispoñibles na web do concurso (www.youtubeiras.gal) poden participar todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña. Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. As persoas participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde elaborar unha receita ata como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos en que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, dun videoxogo, opinión sobre un tema de actualidade, crítica dun libro...).

Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

Para ampliar información:

Mónica Fernández Valencia, coordinadora de Youtubeir@s
normalizacionlinguistica@ourense.es
Teléfonos: 988 391290

www.youtubeiras.gal

concurso@youtubeiras.gal
https://www.facebook.com/youtubeiras/
https://www.youtube.com/youtubeiraseyoutubeiros