A Universidade Sénior da Universidade da Coruña organiza a Xornada "Por unha cidadanía activa: Voluntariado Sénior" que terá lugar o vindeiro venres, 25 de maio, a partir das 10 horas, no Salón de Actos do CUR. A solidariedade e o apoio mútuo son valores que están a promover día a día moitos dos alumnos e alumnas da Universidade Sénior que participan en diferentes actividades de voluntariado. Os voluntarios e voluntarias sénior pódense converter en axentes dun moi enriquecedor contacto interxeracional que promova a convivencia en espazos de liberdade e igualdade, superando as barreiras de idade e os estereotipos.
Os alumnos e alumnas da Universidade Sénior son axentes activos nunha sociedade que non pode esquecer o traballo cara a integración e o benestar dos seus cidadáns. Por este motivo, a Universidade Sénior organiza esta xornada co gallo da celebración no presente ano 2012, do Ano Europeo do Envellecemento Activo e a Solidariedade entre xeracións.
A Xornada terá o seguinte Programa:
10:00 Inauguración polo Vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC e a Directora da Universidade Sénior.
10:15 Intervención da Oficina de Voluntariado e Cooperación da UDC, a cargo de Lorena Rilo (Técnica da OVC) e María Calleja (Alumna PCR)
11:00 Intervención a cargo de Felicitas Rodríguez González. Coordinadora do Programa Voluntariado Dixital, impulsado pola Xunta de Galicia no que colabora a Universidade Sénior da Coruña.
11:30 Mesa Redonda de diferentes experiencias de voluntariado sénior por parte de alumnos/as e exalumnos/as da Universidade Sénior da UDC.
Con esta Xornada remata tamén a estancia da Exposición Fotográfica “Achégate ao Sur” nas instalacións da Universidade Sénior, a última etapa no seu percorrido polos diferentes centros da UDC.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000