| Colaboración
cos centros municipais de Servicios Sociais do Concello de A Coruña
en Monte Alto, Elviña e Sagrada Familia
Este proxecto se ven levando a cabo en colaboración cos Centros
Sociais do Concello de A Coruña. A labor dos voluntarios consiste
en apoiar ao educador social ou monitor do centro nas clases de apoio
escolar ós nenos e/ou maiores que asisten ás actividades
programadas.
Os beneficiarios deste servicio son nenos e nenas que teñen familias
con dificultades económicas ou que teñen problemas de
integración, así como maiores con problemas de memoria.
Grupo de teatro PaiasOIAS
Esta actividade foi creada coa finalidade de entreter e facer pasar
un bo rato á xente que, por circunstancias de diversa índole,
non ten a oportunidade de saír do seu entorno. Ao longo do pasado
curso incrementáronse as colaboracións con proxectos xestionados
pola OCV–UDC nos barrios das Rañas, O Portiño, no
Centro de acollida de menores de Bañobre, e tamén con
outras entidades, asociacións, etc,
Colaboración con hospitais
Este servicio xurde como colaboración coas actividades de voluntariado
que organiza neste centro a Asociación contra o Cancro. As tarefas
son principalmente de acompañamento ós pacientes internados
neste centro.
Colaboración cos poboados xitanos de
O Portiño e as Rañas
Estes son dous dos proxectos propios que xestiona a OCV-UDC, e foron
propostos e postos en marcha polos propios voluntarios, motivados pola
detección dunha necesidade nestes barrios. As actividades que
se desenvolven nestes dous servicios están orientadas cara o
apoio nas tarefas escolares para nenos de entre 7 e 16 anos, ademais
de introducir aos máis pequenos no estudio. Tamén se organizan
actividades puntuais de ocio e tempo libre.
PORTIÑO
:O Portiño é un barrio de infravivenda da cidade de A
Coruña. Durante este ano se lles proporcionou roupa e diversos
materiais para levar a cabo as actividades que propoñían
os voluntarios, principalmente de apoio escolar. Realizáronse,
ademais, actividades deportivas no Pavillón Universitario, conxuntamente
co barrio de As Rañas e varias excursións culturais pola
cidade.
AS RAÑAS
Neste poboado xitano os voluntarios da OCV-UDC veñen colaborando
dende o ano 1996. Organizanse diversas saídas culturais e de
ocio, como por exemplo, actividades deportivas no Pavillón Universitario,
cine ou excursións ao Monte de San Pedro.
Colaboración co albergue de acollida
de nenos de Bañobre
Os voluntarios da OCV-UDC desenvolven tarefas de animación e
apoio escolar aos nenos que permanecen no centro durante a fin de semana.
Algúns deles requiren apoio escolar durante a semana. Esta é
unha das novidades que se incorporaron ó servicio; algúns
voluntarios da OCV-UDC participan realizando tarefas de apoio escolar
os mércores. Os voluntarios contemplan entre outros obxectivos
un maior coñecemento do entorno máis próximo dos
nenos, potenciación das relacións cos habitantes do pobo
no que viven, mellora do desenvolvemento cultural dos nenos e organización
de actividades para saír do centro.
Como cada ano, dende o 2000, os voluntarios deste servicio veñen
organizando unha festa para recadar fondos. Este ano celebrouse o día
6 de decembro e os cartos recadados foron destinados a merca-los agasallos
de Nadal dos nenos do centro e financiar parte das actividades planificadas.
PROXECTO DE ACOMPAÑAMENTO DE ESTUDIANTES
DISCAPACITADOS (p.a.e.d)
Este proxecto foi un dos primeiros cos que contou a Oficina de Cooperación
e VOluntariado–UDC. O contido deste proxecto está orientado
a que estudiantes universitarios colaboren cos seus compañeiros
de aula que teñen algunha discapacidade, contribuíndo
así a unha mellora na súa mobilidade pola facultade na
que estudian e, nalgún caso, á recollida de apuntes.
Acompañamento de anciáns
O proxecto de acompañamento de anciáns é un dos
proxectos máis xóvenes da OCV-UDC. Comezou o seu funcionamento
no ano 2001. As tarefas que realizan os voluntarios que están
colaborando nel son de acompañamento a persoas maiores no seu
fogar. Durante o ano 2003 só un ancián residente na cidade
de A Coruña foi beneficiario deste servicio, recibindo dúas
visitas semanais.
Transeúntes e sen teito
Na cidade de A Coruña existen servicios ós que as persoas
sen fogar poden acudir para resolver situacións puntuais que
afectan a necesidades básicas, como pode ser a comida, o aseo,
etc. No ano 1998 púxose en marcha o proxecto de transeúntes
e sen teito na OCV-UDC, co que se pretende aportar a dito colectivo
un pouco de compaña e información nas noites que pasan
na rúa. Para isto un grupo de voluntarios acode tódolos
mércores pola noite a diferentes lugares da cidade nos que estas
persoas dormen.
Colaboración no Fogar de Santa Lucía
de mulleres sen teito
Neste programa estase a colaborar coas actividades diarias do Fogar.
Os voluntarios da OCV-UDC organizan no centro de acollida obradoiros
de adquisición de coñecementos básicos de informática,
manualidades, clases de alfabetización, entre outras actividades.
Ó mesmo tempo desenvolven tarefas de acompañamento ás
persoas que residen nel. Particípase tamén na organización
de actividades lúdicas e de ocio. Este ano realizáronse
dúas excursións dun día de duración, ás
que asistiron persoas do centro acompañadas polos voluntarios.
Vivenda compartida coa Cruz Vermella
Este proxecto nace dunha iniciativa da Cruz Vermella co obxecto de
potenciar a convivencia entre estudiantes universitarios e persoas maiores
que viven soas no Concello da Coruña. Durante o ano 2002 firmouse
o Convenio de colaboración entre Cruz Vermella e a Universidade
da Coruña. Durante o ano 2003 a OCV–UDC, comprometeuse
a realiza-las primeiras entrevistas de estudiantes que foron remitidas
á Cruz Vermella encargada de entrevistar ás persoas maiores
e facer a selección. Finalmente non se conseguiu adecuar ningún
perfil voluntario-persoa maior, polo que este ano non se puido poñer
en práctica este proxecto.
Cooperación Ó DESENVOLVEMENTO
Mantemento e actualización da base de datos de Ongd´s
da provincia de A Coruña creada na OCV-UDC.
Esta base mantense e actualízase coas organizacións non
gobernamentais máis significativas da provincia, a partir de
diferentes fontes consultadas (Concello, Xunta, Coordinadora Galega
de Ongd´s, Plataforma Coruñesa do Voluntariado, Red Coruña
Solidaria), para conseguir difundir adecuadamente as actividades e iniciativas
xurdidas dende a Universidade no ámbito da Cooperación
ó Desenvolvemento.
Convocatoria de Axudas a Programas e Proxectos
de Cooperación ó Desenvolvemento.
Dende o ano 2001, a Universidade da Coruña convoca estas axudas,
que pretenden dar cabida a aqueles proxectos que teñan como obxectivo
o de tratar de resolver situacións de necesidades básicas
da poboación en tódolos ámbitos sociais (sanitario,
educativo, infraestructuras, etc). Este ano tiñan un orzamento
de 12.020 €. En total presentáronse 12 proxectos, o que
supuxo un aumento moi significativo de participación de Ongd´s
con respecto á convocatoria do ano 2002, na que se só
se presentaron cinco organizacións.
Potenciación de actividades
de formación e investigación da Cooperación ó
Desenvolvemento na UDC.
Tras unha labor inicial de investigación para acadar información
sobre aqueles profesores-investigadores da nosa Universidade interesados
nos temas de Cooperación ó Desenvolvemento, fíxose
un seguimento do seu traballo a través do contacto persoal, telefónico
ou por correo electrónico. O seguinte paso neste campo que se
pretende levar a cabo, será a presentación conxunta de
proxectos ás distintas convocatorias ás que se poida optar
con estes grupos de traballo.
Participación na Campaña “Pola
Paz: Non á investigación militar”.
A OCV-UDC constituíuse como o polo de referencia na provincia
de A Coruña para esta campaña promovida dende Barcelona
pola Fundació per la Pau.
Leváronse a cabo distintas asembleas informativas nas que se
deu a coñecer dita campaña na UDC, nas que se fixeron
diferentes propostas. Tamén se recolleron 110 firmas do manifesto
de obxección científica (5% do total a nivel estatal)
e se participou nunha rolda de prensa na Universidade, así como
se concederon varias entrevistas ós distintos medios de comunicación
para difundir dita campaña.
Financiamento de actividades de Ongd´s
e outros colectivos sociais.
A OCV-UDC colaborou no financiamento de distintas actividades no eido
da Cooperación ó Desenvolvemento e a acción social
de distintos colectivos galegos.
Asímesmo, no presente ano 2004 asinouse un Convenio de colaboración
entre a Ongd Labañou Solidaria, Enxeñería sen Fronteriras-Galicia
e a OCV-UDC, para levar a cabo un proxecto de saneamento integral de
augas e educación medioambiental en Vilcabamba (Perú).
Consulta Social Europea.
A OCV-UDC participou na difusión da 1ª etapa de dita consulta
dende finais do ano 2002 (elaboración de propostas para o futuro),
converténdose no promotor para A Coruña desta consulta
organizada por un grande número de colectivos e movementos sociais
de toda Europa. A intención é a de colaborar na 2ª
etapa (consulta física), na que se fará unha invitación
á cidadanía para que de a súa opinión sobre
algúns asuntos de interese común á toda Europa.
Asignatura de libre configuración.
A chamada “Introducción á Cooperación para
o Desenvolvemento” é unha asignatura de Oferta Xeral que
ten un total de 45 horas lectivas, e que se empeza a impartir na ETS
de Camiños no segundo cuadrimestre. Consta dunha sesión
semanal de tres horas os martes, e comprende clases maxistrais de expertos
nos eidos da Cooperación ó Desenvolvemento, proxección
de vídeos e documentais, dinámicas de grupo, etc. Lévase
impartindo dende o curso académico 2000-2001 coa colaboración
de Enxeñería sen Fronteiras-Galicia, cubríndose
a totalidade de prazas ofertadas. Ademais as sesións son abertas
ó público en xeral, publicitándose dita actividade
a través dunha nota de prensa semanal que recollen os diarios
de maior tirada na Coruña.
|