Resumo informativo sobre prácticas académicas externas

Que son as prácticas académicas externas?

As prácticas académicas externas son unha actividade de natureza formativa que ten por obxectivo permitir ao estudantado aplicar e complementar os coñecementos adquiridos na súa formación académica. As prácticas deben favorecer a adquisición de competencias que preparen os estudantes para o exercicio de actividades profesionais e, asemade, favorecer a súa empregabilidade, sempre baixo a supervisión da Universidade.

Que vantaxes teñen as prácticas para a entidade colaboradora?

A materia de prácticas ofrece ás empresas e institucións colaboradoras a oportunidade de colaboraren no proceso de formación dos futuros profesionais e, alén disto, permite facilitar a inserción do estudantado no mercado de traballo. As prácticas permiten que o futuro profesional estea máis preparado e posúa mellores ferramentas para desenvolver as súas funcións no ámbito empresarial en que se insire.

Que vantaxes teñen as prácticas para o estudantado?

O estudante pode completar a súa formación teórica con habilidades e competencias dirixidas a un mellor desenvolvemento da súa futura actividade profesional, alén de adquirir unha experiencia que facilitará, sen dúbida, o seu acceso ao mercado do traballo.

Requisitos

Para poder realizar prácticas académicas externas é necesario formalizar un convenio de cooperación educativa entre a UDC e a entidade colaboradora en que se regulen as condicións en que se desenvolverán as prácticas. O seguimento das prácticas levarase a cabo por un titor académico da universidade e mais por un titor profesional designado pola entidade colaboradora.

Marco xurídico do ámbito académico

  • Real decreto 1393/2007 do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.
  • Real decreto 861/ 2010, do 2 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.
  • Estatuto do Estudante Universitario aprobado polo Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro.
  • Real decreto 592/2014, do 11 de xullo, polo que se regulan as prácticas académicas externas dos estudantes universitarios.

Clases de prácticas académicas externas

1. Prácticas extracurriculares

Poden realizalas todos os estudantes da UDC que superaran o 50% de créditos para títulos de grao (incluíndo toda a formación básica) e o 30% para mestrados. Estas prácticas teñen carácter voluntario durante o período de formación e posúen os mesmos fins que as prácticas, aínda que non estean incluídas nos plans de estudo. O/A estudante pode solicitar a súa inclusión no Suplemento Europeo ao Título.

2. Prácticas curriculares

Poden realizalas os estudantes da UDC que cursen un título en que se inclúa como materia académica a de prácticas.

Modalidades de prácticas

Síntese das novidades en materia de alta e cotización á Seguridade Social relativas ao estudantado de prácticas académicas externas:

1. Prácticas externas curriculares remuneradas

A entidade colaboradora ten a obriga de dar de alta na Seguridade Social e a cotizar, se ben a disposición adicional vixésimo quinta, do Real decreto lei 8/2014, de 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia (BOE do 5 de xullo), establece que as prácticas curriculares terán unha bonificación do 100% na cota da Seguridade Social a partir do 1 de agosto de 2014.

2. Prácticas externas extracurriculares remuneradas

A entidade colaboradora ten a obriga de dar de alta e cotizar á Seguridade Social (sen bonificación).

Marco xurídico básico

  • Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programa de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011 do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.
  • Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. Disposición adicional vixésimo quinta.