Resolución reitoral do 15 de novembro de 2004 pola que se constitúen listas de substitución e se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos de director/a de biblioteca

  1. A presente normativa regulamenta a cobertura temporal dos postos de Director/a de Biblioteca, tanto se a praza se atopa vacante como se, estando ocupada en propiedade, o seu titular non a desempeña como consecuencia de calquera das causas previstas na lexislación da función pública.
  2. Para a cobertura temporal de postos de Director/a de Biblioteca constituiranse dúas listas:
    1. Lista A, formada polos Axudantes de Biblioteca con praza en propiedade na mesma Biblioteca na que se poida producir a vacante. De haberen candidatos, existirá unha Lista A para cadansúa biblioteca.
    2. Lista B, formada polos Axudantes de Biblioteca con praza en propiedade en distinta Biblioteca a aquela na que se poida producir a vacante. Haberá unha Lista B para as bibliotecas situadas na Coruña e outra para as situadas en Ferrol. Os candidatos poderan pertencer a unha ou ás dúas listas B. Unicamente serán utilizadas as listas B no suposto de que a praza non poida ser cuberta a través da lista A.
  3. A prelación, dentro de cada lista, establecerase de acordo cos seguintes criterios, que se aplican por defecto en caso de empate:
    1. O que acreditar maior antigüidade na escala de Axudantes de Biblioteca da Universidade da Coruña.
    2. O que acreditar maior antiguidade total na escala de Axudantes de Biblioteca.
    3. O que acreditar maior antiguidade na Administración Pública.
    4. O de maior idade.
  4. Os aspirantes acreditarán a súa antiguidade mediante certificación expedida polo Servizo de Persoal da Universidade. No suposto de que os servizos prestados noutras administracións non figuren no expediente do interesado, deberán acreditarse mediante certificación expedida pola xefatura de persoal da Administración onde os prestasen.
  5. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación da presente resolución nos taboleiros de anuncios do Reitorado do Vicereitorado de Ferrol e Relacións Universidade-Empresa e na páxina web da Universidade.
  6. Farase publicación das Listas A e B provisionais nos taboleiros de anuncios do Reitorado do Vicereitorado de Ferrol e Relacións Universidade-Empresa e na páxina web da Universidade. Os solicitantes disporán dun prazo de 5 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación nos taboleiros, para requeriren a subsanacións de posibles erros. Unha vez revisadas as listas para a subsanación, publícaránse as listas definitivas nos lugares xa anteriormente indicados.
  7. A vixencia destas listas será indefinida, podéndose introducir as seguintes modificacións:
    1. Cando un Axudante, que forme parte da Lista A de determinada biblioteca, consiga praza en propiedede noutra, decaerá automaticamente na Lista A da súa biblioteca de orixe e poderá solicitar a súa inclusión na Lista A da súa nova biblioteca.
    2. En calquera momento, os Axudantes de Biblioteca que formen parte dalgunha lista poderán renunciar a pertencer á lista A, á lista B de Coruña ou á lista B de Ferrol.
    3. En xaneiro de cada ano, os Axudantes de Bibliotecas que non figurasen nalgunha das listas poderan solicitar a súa inclusión e pasarán a ocupar o posto da lista, que lles corresponda. Para determinar a orde delas seguiranse os criterios establecidos nos pontos 2 e 3 desta resolución.
  8. Cando se produza a necesidade de sustitución dun Director/a de Biblioteca, a Xerencia, por carta, procederá a comunicar ao candidato/a que corresponda a existencia da vacante. O candidato convocado presentarase o seguinte día hábil perante a Xerencia da Universidade que procederá a nomealo en comisión de servizos para o posto de Director/a de Biblioteca. O candidato nomeado comezará a desenvover as súas funcións a partir do seguinte ao do seu nomeamento. A non aceptación dun candidato convocado ou a renuncia dun candidato xa nomeado terán a consideración de renuncia á pertencer á todas e cada unha das listas, salvo que dita renuncia sexa motivada por algunha das seguintes causas: 
    1. Maternidade/paternidade ou adopción legal.
    2. Exercicio de representación sindical.
    3. Matrimonio
    4. Falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata o 2º grao de afinidade ou consanguinidade.
    5. Calquera outra de entidade suficiente que así sexa considerado pola Xerencia, previo informe da Xunta de Persoal de Administración e Servizos.
    Cando a renuncia se produza por algunha das causas indicadas anteriormente, o aspirante será suspendido temporalmente do seu lugar na listas. Cando desapareceren as causas que motivaron a renuncia, o aspirante deberá comunicalo por escrito á Xerencia para ser incluído de novo no posto que lle correspondía.
  9. As listas xestionaranse de acordo co seguinte procedemento:
    1. Se o Axudante realizou substitucións que sumadas supoñan unha duración superior a 3 meses, pasará a ocupar o último posto da lista A e das listas B ás que pertenza. Se a lista A está constituída só por el, manterá o seu lugar nela.
    2. Se o Axudante realizou substitucións que sumadas supoñan unha duración inferior a 3 meses, volverá a ocupar, en todas as listas nas que figure, o posto que lle correspondía.
  10. Os traslado producidos como consecuencia do nomeamento terán o carácter de voluntarios e, en consecuencia, non xerarán dereito a indemnización por ningún concepto. En ningún caso se considerará como indemnización a percepción das retribucións correspondentes ao posto efectivamente ocupado.
  11. Os postos que deixen temporalmente vacantes os Axudantes de Biblioteca por substituiren a Directores/as de Biblioteca, cubriranse de acordo co procedemento establecido na Resolución Reitoral de 4 de febreiro de 2004.

 

 

A Coruña, 15 de novembro de 2004.

O REITOR.

 

Asdo. José María Barja Pérez


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000