Non existe a ciencia sen os científicos. A medida que os esforzos europeos de investigación van aumentando, será necesario non soamente ter máis persoal en Ciencias e Tecnoloxía, senón tamén utilizar os recursos humanos existentes tan eficazmente como sexa posible para sacar o mellor partido dos seus coñecementos e da súa pericia. Isto supón un alto nivel de mobilidade.
Aínda que os investigadores gocen en principio dunha liberdade total de movemento no mercado interior, subsisten aínda na práctica demasiados obstáculos administrativos, culturais e lingüísticos: pensemos nos asuntos relacionados co financiamento, as restricións de inmigración, os problemas de seguridade social e as preocupacións familiares. Para superar estas dificultades, o Sexto Programa Marco de investigación da Unión Europea reservou máis de 1.500 millóns de euros para unha serie de accións específicas destinadas a fomentar a mobilidade dos investigadores: as Human Resources and Mobility Actions, coñecidas baixo o nome de Marie Curie Actions. As Accións Marie Curie concibíronse en 1984 para facilitar a libre circulación dos investigadores nunha Europa sen fronteiras e suprimir os obstáculos invisibles que tenden a retelos. Cada ano, uns 9.000 investigadores traballan no estranxeiro e forman unha nova xeración que "europeizará" a investigación.
Estas accións fan posible que os investigadores cren redes e compartan as súas experiencias con outros do mesmo campo de investigación. Animan ademais aos investigadores europeos que traballan no estranxeiro a regresar ao seu país para proseguir coa súa carreira, para pór fin á "fuga de cerebros" de científicos da Unión Europea a outras partes do mundo, un goteo polo que a ciencia europea perde potencial de investigación e recursos moi valiosos.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000