1º Certame Fotográfico Rosalind Franklin: As mulleres na ciencia e na tecnoloxía

RosalindFranklin


ROSALIND FRANKLIN (1920-1958) foi unha biofísica e cristalógrafa inglesa autora de importantes contribucións á comprensión das estruturas do ADN, os virus, o carbón e o grafito. A Franklin recordámola principalmente pola chamada Fotografía 51, a imaxe do ADN obtida mediante difracción de raios X, que serviu como fundamento para a hipótese da estrutura dobre helicoidal do ADN. En 1962 os seus colegas Watson, Crick e Wilkins foron galardoados co Premio Nobel polo seu traballo no descubrimento do ADN. O nome de Rosalind Franklin non se mencionou nin se recoñeceu a súa contribución no devandito avance científico sen precedentes.

Hoxe en día, a pesar dos avances conseguidos, a presenza feminina nos ámbitos científicos e tecnolóxicos segue sendo minoritaria. Entre outros factores, a invisibilización dos logros das mulleres fai que as rapazas non encontren moitos modelos a seguir e non consideren estas carreiras como unha opción profesional. Por medio deste certame a UDC trata de promover a igualdade de xénero por dous mecanismos:

  • Visibilizar o traballo que desenvolven as mulleres na ciencia e a tecnoloxía
  • Deconstruir na medida do posible os estereotipos de xénero, acerca dos traballos que son propios de mulleres e os que son de homes, e motivar a mulleres e homes a unha elección da súa carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional.

Coa elección de Rosalind Franklin para dar nome a este certame, por un lado recordamos a unha muller que desenvolveu un traballo de grande importancia nun campo tradicionalmente masculino, que ademais non lle foi suficientemente recoñecido, e por outra destacamos a importancia dunha imaxe fotográfica para a o avance de ciencia, a tecnoloxía e a sociedade en xeral.

ORZAMENTO

Para a concesión destes premios destinarase un total de 1000 € con cargo á partida orzamentaria 0900440003-422D-48008

BASES

1. Participantes. Poderán presentarse ao certame de xeito individual todos os membros da comunidade universitaria da UDC, isto é; PAS, PDI, alumnado e persoal contratado con cargo ao CapítuloVI

2. Temática. A temática que se poderá abordar terá unha relación directa coas mulleres e a ciencia e a tecnoloxía desde diversas perspectivas (traballo, visibilización, discriminación, achegas científicas ou técnicas acadadas por mulleres …) premiándose a creatividade, innovación e impacto da imaxe.

3. Requisitos técnicos. As presentacións deben ser en formato JPEG (.jpg ou .jpeg), de 1.024 píxeles polo seu lado maior, e un tamaño de arquivo non superior de 250 kB. Non se admitirá a concurso ningunha foto que sexa considerada obscena, provocativa, ou de contido obxectable. Tampouco se considerarán fotomontaxes nin imaxes retocadas máis alá da mínima edición de brillo, contraste, niveis ou curvas. Permítese a participación de fotografías en branco e negro.

4. Premios. Os premios para as tres mellores fotografías seleccionadas consistirán en unha dotación económica de:

  • 450 € (1º Premio)
  • 350 € (2º Premio)
  • 200 € (3º premio) 

Os premios están suxeitos á normativa que rexe os impostos das persoas físicas. Se o xurado o estimase conveniente poderá deixar algúns ou todos os premios desertos. No primeiro caso a dotación correspondente a estes integrarase nas restantes categorías.

5. Dereitos. As fotografías premiadas pasarán a ser propiedade da Universidade da Coruña, reservándose esta o dereito de editalas en calquera das súas publicacións, así como expoñelas en algunha mostra a través da web ou en calquera dos seus campus, facendo sempre mención ao nome da autora ou autor. Ademais das obras premiadas o xurado poderá escoller un número variable de obras que considere de interese para unha posible exposición virtual na páxina web da universidade. As devanditas obras seleccionadas son propiedade de cada autor/a que só cederán temporalmente os dereitos sobre as imaxes para a exposición que tivese lugar, tralo cal lles serán devoltos os dereitos ás autoras ou autores.

6. Solicitudes. Só se poderá presentar unha solicitude por persoa, achegando como máximo tres fotografías. Cada fotografía deberá levar un breve título. Para a inscrición deberase achegar a seguinte documentación: 

  • A solicitude debidamente cuberta que se inclúe como Anexo I
  • Fotocopia do DNI
  • Un CD coas fotografías presentadas.

A UDC resérvase o dereito de poder esixir ás persoas seleccionadas os documentos que estime convenientes para garantir a súa vinculación coa universidade da Coruña.

No caso de que aparezan persoas recoñecibles na fotografía, deberase acompañar dunha carta asinada polas devanditas persoas autorizando o uso da súa imaxe, ou, en caso de que as devanditas persoas recoñecibles sexan menores de idade, unha carta asinada polo pai e a nai ou os titores do menor.

7. Prazo e lugar de entrega. A documentación entregarase, dirixida á Oficina para a Igualdade de Xénero, nos rexistros da universidade na Coruña e Ferrol

  • Rexistro Xeral: Reitoría, A Maestranza, 15001, A Coruña
  • Rexistro Auxiliar de Elviña: Casa do Lagar, Campus de Elviña, 15192, A Coruña
  • Rexistro Auxiliar de Ferrol: Edificio de Apoio ao Estudo, Campus de Esteiro, 15403, Ferrol

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata as 14h do 30 de setembro de 2013.

8. Xurado. O xurado estará presidido pola Vicerreitora de Ferrol e Responsabilidade Social ou persoa en quen delegue e del formarán parte –con voz e voto- José María Mesías Lema, Adxunto á Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura, Manuel García Torre, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, Antía Pérez Caramés, profesora da Facultade de Socioloxía e a Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero (que actuará como secretaria). O xurado resolverá todas as cuestións non reflectidas nesta convocatoria e que puideran suscitarse. A súa decisión será firme e inapelable.

A participación no 1º Certame Fotográfico Rosalind Franklin comporta a aceptación expresa de estas bases.

logos_oix_sxi_fse 

 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000