Instrucións da xerencia para a realización de gastos que constitúan investimento

Segundo o establecido na Resolución de 18 de xullo de 2001 da “Dirección General de Presupuestos”, por que se establecen os códigos que definen a estrutura económica recollida na Orde do “Ministerio de Hacienda” de 27 de abril de 2001, publicada no BOE nº 178 de 26 de xullo de 2001, os conceptos económicos 640 “Convenios de Colaboración” e 649 “Fondos de Investigación” encádranse dentro do artigo 64 “Gastos de investimentos de carácter inmaterial”, que comprendería:

“Gastos realizados nun exercicio, non materializados en activos, susceptibles de producir os seus efectos en varios exercicios futuros, campañas de promoción de turismo, feiras, exposicións, estudos e traballos técnicos, investigación, etc., así como aqueloutros investimentos en activos inmobilizados intanxibles, tales como concesións administrativas, propiedade industrial, propiedade intelectual, etc. Imputaranse tamén a esta rúbrica os gastos de confección, actualización e revisión do catastro.

Inclúense así mesmo os contratos de “Leasing” cando se vaia exercitar a opción de compra, imputando a este artigo só a parte da cota de arrendamento financeiro que corresponda á recuperación do custo do ben, aplicándolle o resto, é dicir, a carga financeira, ao concepto 359 “Outros gastos financeiros”.

Agora ben, á vista de que, con cargo aos subconceptos que dependen dos mencionados conceptos económicos 640 e 649 se imputan gastos de calquera natureza, esta xerencia, de conformidade coa normativa exposta,

RESOLVE:

Que, cando se realizaren gastos que constitúan investimento deberase facer, coa antelación suficiente, a correspondente modificación de crédito en que se dote o subconcepto económico que soportará o gasto atendendo á súa natureza.

 A Coruña, 18 de maio de 2004

O xerente
Asdo. Rafael Couto Lestao