Resolución reitoral sobre delegación de competencias no xerente da universidade en materia de contratación

A actividade contractual da universidade está conferida, en representación da institución universitaria, ao reitor da universidade. O incremento de asuntos relativos á xestión económica fai aconsellable a delegación de competencias no xerente, co fin de que a actividade administrativa se adecúe aos principios de economía, celeridade e eficacia.

En consecuencia, ESTE REITORADO, en virtude do disposto no art. 13 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, RESOLVE:

Primeiro: Quedan delegadas no xerente as facultades que en materia de contratación administrativa corresponden legalmente ao reitor da universidade, incluíndo a formalización dos contratos de obras, servizos e subministracións que efectúe a Universidade da Coruña.

Segundo: Exceptúanse da delegación outorgada no apartado anterior:

  1. A resolución dos recursos de reposición que se presenten en contra do procedemento de adxudicación.
  2. O acto definitivo da resolución de contratos administrativos, logo do procedemento instruído para ese efecto.
  3. A execución forzosa, logo de apercibimento, dos actos que se deriven da contratación administrativa.

Terceiro: Os actos dictados en virtude da presente delegación de atribucións non poderán exceder dos límites da dita delegación, declarándose en caso contrario nulos de pleno dereito.

Cuarto: Cando se dicten actos e resolucións en uso de delegación de atribucións contidas na presente resolución, farase constar así expresamente e consideraranse dictados pola autoridade reitoral.

Quinto: En ningún caso o órgano delegado poderá delegar as facultades que se lle outorguen.

Sexto: En calquera momento o reitor poderá avocar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos considere oportunos en relación coas atribucións delegadas.

 

A Coruña, 3 de febreiro de 2004

O reitor

Asdo.: José María Barja Pérez