Complemento de produtividade do persoal funcionario de administracion e servizos (PAS) da Universidade da Coruña a partir do 1 de xaneiro de 2006

O artigo 64.3. c) da Lei 4/1988 de maio da Función Pública de Galicia establece que o complemento de produtividade é o destinado a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria, o interese ou a iniciativa con que o/a funcionario/a desempeñe o seu traballo, determinando que as persoas responsables dos centros de gasto fixarán, dentro das correspondentes dotacións orzamentarias, a contía individual que corresponde a cada funcionario/a, e que, en todo caso, a asignación do complemento de produtividade se fará con criterios obxectivos establecidos regulamentariamente coa necesaria información e participación dos membros representantes de persoal.

Por resolución da Xerencia do 20 de novembro de 2005 autorizouse o aboamento dunha única paga ao final do exercicio o complemento de produtividade correspondente ao persoal funcionario de administración e servizos, establecéndose o procedemento para seguir para o seu cómputo, referido este aos días que cada traballador/a estivese en alta durante o período comprendido entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005, e computándose para determinar o importe do complemento que corresponda en cada caso os días efectivamente traballados; isto é, descontando todo tipo de ausencias ao posto de traballo, salvo os días correspondentes por vacacións e días por asuntos particulares retribuídos.

Ao ser preciso arbitrar un sistema de devengo coherente e, por tanto, máis eficaz e fácil de levar á práctica, a Xerencia, oída a Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, e de conformidade co establecido no artigo 40 dos Estatutos da Universidade, aprobados por Decreto da Xunta de Galicia 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26), e Resolución reitoral de 10 de marzo de 2004, que delegou no Xerente a xefatura do persoal de administración e servizos, resolve:

Primeiro.

O complemento de produtividade do persoal funcionario de administración e servizos distribuirase mensualmente para cada un dos grupos de funcionarios/as a partir do 1 de xaneiro de 2006, de acordo cos importes que se sinalan a continuación: 

GRUPOS E POSTOS DE TRABALLO
Intervalos
de nivel
Importe mensual
Grupo 1.
Vicexerentes, xefes/as de servizo, xefes/as de sección e equiparables.
Do nivel 25 ao 29 116,00 euros
Grupo 2.
Administradores/as de centros, directores/as de bibliotecas, axudantes de bibliotecas, xefes/as de negociado, secretarios/as do equipo reitoral e equiparables.
Do nivel 20 ao 24 103,00 euros
Grupo 3.
Secretarios/as de decanos/as e directores/as de escolas, auxiliares de bibliotecas, auxiliares administrativos e equiparables.
Do nivel 12 ao 18 89,00 euros

Segundo.

As cantidades aboadas polo concepto de produtividade de cada exercicio serán incrementadas, como mínimo, no exercicio seguinte na porcentaxe de crecemento que para as retribucións básicas e complementarias do persoal ao servizo do sector público se autoriza anualmente respecto das establecidas para o exercicio precedente, nas correspondentes leis de orzamento da Comunidade Autónoma Galega. O importe do incremento será fixado tras a negociación coa Xunta de Persoal.

Terceiro.

A partir do 1º de xaneiro de 2006 o Servizo de Retribucións, Seguridade Social e Acción Social acreditará a nómina mensual a cantidade que por este concepto corresponde percibir a cada funcionario/a polos días efectivamente traballados no mes anterior ao do devengo en cada un dos postos que se sinalan no punto primeiro da presente norma. Para estes efectos descontaranse os días que o/a funcionario/a non asistise ao traballo por calquera das seguintes causas:

  • Baixa por enfermidade ou accidente.
  • Traslado de domicilio.
  • Cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.
  • Asuntos particulares sen retribución.
  • Asistencia a exames finais e demais probas de avaliación e aptitude.
  • Asistencia a cursos.
  • Estudos sobre materias relacionadas coa Función Pública.
  • Matrimonio ou inscrición como parella de feito.
  • Exames prenatais e técnicas de preparación ao parto.
  • Nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente.
  • Permiso de paternidade.
  • Permiso adicional por parto ou adopción.
  • Desprazamento previo en supostos de adopción internacional.
  • Enfermidade, accidente, hospitalización ou falecemento dun familiar.
  • Permiso por cambio de Corpo/Escala.
  • Redución de xornada.
  • Ausencias por participar na organización da selectividade, participación en tribunais e demais casos similares.
  • Ausencias por enfermidade sen xustificar.

Este procedemento realizarase de acordo coa información mensual que con este obxecto deberá facilitarlle o Servizo de PAS antes do día 6 de cada mes.

Os efectos desta instrución son de 1 de xaneiro de 2006 polo que se fará un único pagamento correspondente á produtividade dos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2006. A partir do 1 de abril os pagamentos serán mensuais.

Para os efectos do control das ausencias é imprescindible que as persoas responsables de cada centro/servizo ou unidade remitan, semanalmente e debidamente cuberto de acordo coas instrucións dadas para a súa cobertura, o parte que figura como ANEXO a esta resolución. Para estes efectos estarase ao disposto no artigo 91.1 dos Estatutos da UDC: “O persoal de administración e servizos dependerá organicamente da xerencia da universidade e funcionalmente da secretaría xeral, vicerreitorías, decanos e directores de centros, de departamentos, de servizos ou de entes aos que estea adscrito”.

Cuarto.

Os/as funcionarios/as que no transcurso do exercicio cambiasen de posto de traballo devengarán a produtividade correspondente ao tempo de servizo que permanecesen en cada un deles.

Quinto.

Así mesmo, o complemento de produtividade aboarase ao persoal que a continuación se indica, nas mesmas condicións e nos termos sinalados para os/as funcionarios/as e nos grupos que correspondan segundo a equiparación que se tivese en conta no momento de fixar as súas retribucións.

  • Os contratados laborais fixos para extinguir que ocupen postos de funcionarios.
  • Os/as funcionarios/as interinos/as.
  • Os eventuais a que se refire o artigo 6º.1 da Lei 4/1998, do 26 de maio de Función Pública de Galicia.

Sexto.

O pagamento do complemento por produtividade farase con cargo a partida correspondente dos orzamentos da Universidade. Se o importe total resultase superior ao crédito consignado no orzamento, a Xerencia tramitará o correspondente expediente de modificación orzamentaria.


A Coruña, 29 de marzo de 2006.

O xerente,
Manuel Galdo Pérez