Resolución da Xerencia sobre delegación de sinatura nas vicexerencias

O artigo 40 dos Estatutos da Universidade da Coruña dispón que o xerente, baixo a autoridade do reitor, exercerá a xestión dos servicios económicos e administrativos da Universidade e poderá ocupar, por delegación do reitor, a xefatura do persoal de administración e servizos e a xestión do patrimonio da universidade.

A resolución reitoral do 16 de xaneiro de 2012, pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos, establece no seu artigo 3 o réxime de competencias da xerencia en materia de servizos económicos e administrativos, persoal de administración e servizos, como órgano de contratación e sobre o patrimonio da Universidade, adscribíndolle, ademáis dos servizos técnicos correspondentes, as vicexerencias dos Campus da Coruña e de Ferrol.

O conxunto de competencias atribuídas á xerencia, sinaladamente en materia de xestión económico-administrativa e de persoal de administración e servizos, esixe contar, para a súa eficaz prestación, co inmediato apoio das vicexerencias, para o que cómpre instrumentar os necesarios mecanismos administrativos que faciliten esta labor de asistencia.

O artigo 16 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común prevé que os titulares dos órganos administrativos poderán, en materia da súa propia competencia, delegar a sinatura das súas resolucións e actos administrativos aos titulares dos órganos ou unidades administrativas que deles dependan, dentro dos límites sinalados no artigo 13, sen que a delegación de sinatura alterare a competencia do órgano delegante.

Polo exposto, esta xerencia, ao abeiro do artigo 16 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro,

RESOLVE:

1.- Delegar nas persoas titulares das vicexerencias dos respectivos Campus a sinatura dos permisos, licenzas e vacacións do persoal de administración e servizos que teñan que seren autorizados pola xerencia.

2.- Delegar na vicexerencia do Campus da Coruña a sinatura das autorizacións de indemnizacións por razón do servizo, agás as devengadas polos membros do equipo de goberno, das propostas de gasto e das propostas das modificacións orzamentarias.

3.- Delegar nas vicexerencias a sinatura xeral da xerencia en caso de ausencia ou enfermidade da súa persoa titular.

4.- Nas resolucións e actos que se asinen por delegación farase constar a autoridade de procedencia e a data da delegación.

A Coruña, 13 de xuño de 2012

O xerente

Juan M. Díaz Villoslada.