Regulamento de réxime interno do claustro da Universidade da Coruña

(Aprobado polo Claustro na súa sesión do día 13 de abril de 2007)

De conformidade co que dispón o artigo 25.2.i) dos Estatutos da Universidade da Coruña, que lle atribúe ao Claustro a competencia para "elaborar, aprobar e modificar o seu regulamento de réxime interno", o Claustro da Universidade da Coruña, en sesión do día 13 de abril de 2007, aprobou o seu Regulamento de réxime interno, de acordo sempre co que establece a lexislación de aplicación para estes efectos, sinaladamente a Lei orgánica de universidades e os Estatutos da Universidade da Coruña.

Capítulo I
Normas xerais de organización do Claustro

Artigo 1. Do Claustro e das súas normas reguladoras

  1. O Claustro da Universidade da Coruña é o máximo órgano de representación da comunidade universitaria.
  2. Tanto na súa actuación como no seu funcionamento, o Claustro universitario réxese polo que dispón a lexislación universitaria, en especial pola Lei orgánica de universidades e as súas correspondentes normas de desenvolvemento, polos Estatutos da Universidade da Coruña, polo presente regulamento e por aqueles acordos concretos que poida adoptar no exercicio das súas funcións.
  3. Como órgano colexiado, o Claustro universitario réxese tamén polas normas xerais que lle resulten de aplicación aos órganos colexiados.

Artigo 2. Das competencias do Claustro

De acordo coa Lei orgánica de universidades e cos Estatutos da Universidade da Coruña, correspóndelle ao Claustro universitario:

  1. Elaborar e aprobar os Estatutos da Universidade.
  2. Elaborar e aprobar a reforma dos Estatutos da Universidade.
  3. Convocar, con carácter extraordinario, as eleccións a reitor por iniciativa dun terzo dos seus membros e coa aprobación de dous terzos.
  4. Elixir os membros do Claustro no Consello de Goberno, reflectindo a composición dos distintos sectores daquel.
  5. Elixir, por maioría absoluta, o valedor universitario, aprobar o seu regulamento e coñecer a memoria anual sobre a súa actividade.
  6. Elixir os membros da Comisión Electoral da Universidade.
  7. Elixir os membros da Comisión de Reclamacións a que se refire a Lei orgánica de universidades.
  8. Expresar a súa opinión, en forma de recomendacións e declaracións, de conformidade co procedemento regulamentariamente establecido.
  9. Elaborar, aprobar e modificar o seu regulamento de réxime interno.
  10. Calquera outra competencia que se lle recoñeza nas disposicións legais vixentes e nos Estatutos da Universidade da Coruña.

Artigo 3. Da composición do Claustro

  1. O Claustro da Universidade da Coruña estará composto por 303 membros. Son membros natos do Claustro o reitor, que o presidirá, o secretario xeral, que tamén o será do Claustro e mais o xerente. Os 300 membros restantes do Claustro representan os distintos sectores que integran a comunidade universitaria e son elixidos de conformidade co Regulamento electoral xeral da Universidade da Coruña.
  2. Os 300 membros representantes dos distintos sectores da comunidade universitaria distribúense do seguinte xeito:
    1. 153 membros en representación do profesorado funcionario doutor (51% dos membros electos do Claustro).
    2. 57 membros en representación das restantes categorías do persoal docente e investigador (19% dos membros electos do Claustro).
    3. 75 membros en representación do estudantado (25% dos membros electos do Claustro).
    4. 15 membros en representación do persoal de administración e servizos (5% dos membros electos do Claustro).
  3. Os 300 membros do Claustro serán elixidos por un período de catro anos, agás no caso dos representantes de estudantes, que o serán por dous.

Artigo 4. Da condición de claustral e dos dereitos e deberes dos claustrais

  1. A condición de claustral é persoal e indelegable.
  2. Todos os membros do Claustro teñen o dereito e o deber de asistencia ás sesións do Claustro.
  3. Igualmente correspóndelles a todos os membros do Claustro:
    1. Recibiren a convocatoria das sesións do Claustro polo menos con sete días naturais de antelación, agás no caso de convocatoria de Claustro extraordinario e urxente, en que tal prazo non poderá ser inferior a setenta e dúas horas. A información sobre os temas que figuren na orde do día da convocatoria estará a disposición dos membros en igual prazo. A entrega efectuarase no lugar onde cadaquén desenvolva o seu traballo e, no caso do estudantado, no local que se lles teña asignado nos diferentes centros ou nos seus respectivos domicilios particulares.
    2. Participaren nos debates das sesións do Claustro.
    3. Exerceren o seu dereito ao voto e formularen o seu voto particular, así como expresaren o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.
    4. Formularen preguntas ou intervir para outras cuestións.
    5. Obteren a información precisa para cumprir as súas funcións.
    6. Cantos outros dereitos sexan inherentes á súa condición de claustral.

Artigo 5. Da perda da condición de claustral

  1. As condicións esixidas para ser membro do Claustro deben manterse durante todo o período para o que se foi elixido como membro.
  2. Perderase a condición de claustral por finalización legal do período para o que se foi elixido como membro, por renuncia formalizada por escrito na Mesa do Claustro, por perda das condicións esixidas para ser membro dentro do sector polo que foi elixido, por incumprimento inxustificado da súa obriga de asistencia ás sesións do Claustro ou por causa legal sobrevida.
  3. Agás no caso da disolución do Claustro, se, a resultas dalgún dos casos contemplados no apartado anterior houbese de substituirse algún claustral electo, terá prioridade o candidato máis votado dentro do sector e circunscripción en que se produza a baixa. A incorporación farase efectiva por acordo da Mesa do Claustro e logo da notificación persoal da Secretaría Xeral ao claustral que causa baixa e a quen o substitúa. A substitución efectuarase antes da seguinte convocatoria do Claustro.

Capítulo II
Do funcionamento do Claustro
Sección primeira: a Mesa do Claustro

Artigo 6. Da Mesa do Claustro

A Mesa do Claustro é o órgano coordinador e moderador do Claustro.

Artigo 7. Da Mesa de Idade do Claustro

  1. Despois da elección da totalidade dos membros representantes do Claustro, na primeira sesión do Pleno do Claustro, formarase unha Mesa de Idade, integrada polo reitor, polo secretario xeral e polos membros de máis idade e de menos idade de cada un dos sectores do Claustro.
  2. A Mesa de Idade será a encargada de dirixir a elección da Mesa do Claustro.

Artigo 8. Da composición da Mesa do Claustro

  1. A Mesa do Claustro está composta polo reitor, que será o seu presidente, o secretario xeral, que tamén será o seu secretario e 12 claustrais, dos que 6 corresponden ao sector do profesorado funcionario doutor, 2 ao sector das restantes categorías do persoal docente e investigador, 3 ao sector do estudantado e 1 ao sector do persoal de administración e servizos.
  2. O Claustro elixirá os 12 membros da Mesa de entre os seus claustrais nunha votación por sectores. Para a convocatoria da súa elección, abondará coa súa inclusión como punto na orde do día da sesión do Claustro, convocada segundo o que dispón este regulamento e en que se incluirá tamén o procedemento que hai que seguir para a elección en cuestión. O sistema electoral será o maioritario simple de voto limitado por listaxes abertas por sectores e votarase de acordo co que establece o Regulamento electoral xeral da Universidade da Coruña.
  3. Para o caso de ausencia ou de enfermidade do reitor, a Mesa do Claustro elixirá entre os seus membros a persoa que o substituirá provisoriamente e asumirá as súas funcións para que exerza a presidencia do Claustro e da súa Mesa. Igualmente, a Mesa do Claustro elixirá entre os seus membros a persoa que substituirá provisoriamente ao secretario xeral como secretario do Claustro en caso de ausencia ou enfermidade. Caso de perda da condición de claustral por parte dun membro da Mesa ou da súa renuncia como membro dela, substituirase pola seguinte persoa máis votada do seu sector nas eleccións á Mesa do Claustro.

Artigo 9. Das funcións da Mesa do Claustro

A Mesa do Claustro terá por funcións:

  1. Acordar a convocatoria do Claustro.
  2. Elaborar a orde do día das sesións, incluíndo aqueles puntos que sexan solicitados, cando menos, por catro membros da Mesa ou que fosen previamente solicitados por escrito polo cinco por cento dos membros do Claustro.
  3. Decidir as propostas de alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día.
  4. Constatar, ao inicio da sesión do Claustro, o número de acreditados para os efectos de verificar o quórum.
  5. Ordenar e moderar o desenvolvemento dos debates, velando polo mantemento da orde das sesións.
  6. Decidir a expulsión da sesión do Claustro daqueles claustrais que alteren gravemente a orde das sesións.
  7. Substituír as persoas que perdan a súa condición de claustral.
  8. Interpretar e aplicar o presente regulamento no marco dos Estatutos da Universidade da Coruña, das normas legais e regulamentarias sobre Claustro universitario e do resto do ordenamento xurídico que fose de aplicación.
  9. Calquera outra función que lle sexa asignada polo Claustro no exercicio das súas funcións e ao abeiro das disposicións legais vixentes.

Artigo 10. Da constitución da Mesa do Claustro e da adopción de acordos

  1. A convocatoria da Mesa do Claustro corresponderá ao Reitor ou, no caso de ausencia ou de enfermidade deste, á persoa que o substitúa provisoriamente de conformidade co establecido no artigo 8.3 deste Regulamento.
  2. Para a válida constitución da Mesa do Claustro será necesaria a maioría absoluta dos seus membros.
  3. Agás no disposto especificamente neste regulamento, para a adopción de acordos será necesaria a maioría simple dos presentes.
  4. Nos casos de empate, o presidente da Mesa, ou quen faga as súas funcións, poderá decidir co seu voto de calidade.


Sección segunda: convocatoria, constitución e funcionamento do Claustro

Artigo 11. Das sesións do Claustro

  1. O Claustro universitario ten que se reunir en días administrativamente hábiles.
  2. O Claustro da Universidade da Coruña traballará en pleno, nas comisións que regula expresamente este regulamento ou naquelas outras comisións que decida constituír.
  3. O Pleno do Claustro universitario debe reunirse con carácter ordinario, cando menos, dúas veces ao ano durante o período de actividade docente. Os claustros ordinarios non se realizarán en datas de exames oficiais. Ademais das reunións ordinarias, o Pleno do Claustro poderá reunirse con carácter extraordinario de acordo co que dispón o artigo 12 do presente regulamento.

Artigo 12. Das convocatorias do Claustro

  1. A convocatoria do Claustro correspóndelle ao reitor, logo do acordo da Mesa do Claustro.
  2. O Claustro tamén será convocado no prazo máximo dun mes desde o momento en que fose solicitado, cando menos, por un cuarto dos seus membros. Nestes casos, as persoas que así o soliciten deberán achegar o punto ou puntos que desexan tratar na sesión para seren incluídos na orde do día, xunto cos que fosen propostos pola Mesa do Claustro, de ser o caso.
  3. Para que a convocatoria produza efecto, deberase poñer en coñecemento de todos os membros do Claustro mediante unha notificación en que se fará constar a orde do día e, así mesmo, o día, a hora e o lugar da reunión. As notificacións, xunto coa documentación necesaria dos temas que figuran na orde do día da convocatoria, serán entregadas, polo menos, con sete días naturais de antelación, agás no caso de convocatoria de Claustro extraordinario e urxente, en que tal prazo non poderá ser inferior a setenta e dúas horas. A entrega efectuarase no lugar onde cadaquén desenvolva o seu traballo e, no caso do estudantado, no local que se lles teña asignado nos diferentes centros ou nos seus respectivos domicilios particulares.
  4. A presidencia proporá a orde do día, que deberá ser aprobada pola Mesa do Claustro. Nela deberán incorporarse ademais aqueles puntos que sexan solicitados, cando menos, polo vinte e cinco por cento dos membros da Mesa ou que fosen previamente solicitados por escrito polo cinco por cento dos membros do Claustro. Tamén se poderá fixar nela a duración máxima de cada xornada.
  5. Son nulos os acordos adoptados polo Claustro sobre asuntos que non figuren incluídos na orde do día, sen prexuízo do previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Do quórum necesario para a constitución do Claustro

  1. O Claustro da Universidade da Coruña constitúese validamente en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros e en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, cando asistan polo menos un terzo dos seus membros. De non conseguir o quórum sinalado na segunda convocatoria, haberá que proceder a unha nova convocatoria do Claustro para unha data posterior.
  2. A asistencia ao Claustro xustificarase pola sinatura nas listaxes de quórum habilitadas pola Mesa do Claustro a través do seu secretario, sen prexuízo de que se habiliten outros medios para acreditar a asistencia. Todo membro do Claustro estará obrigado a se identificar cando for requirido para este fin pola Mesa do Claustro, que asumirá a responsabilidade de calquera fraude ao respecto.

Artigo 14. Da asistencia ás sesións do Claustro

  1. As sesións do Claustro serán públicas.
  2. Os vicerreitores que non sexan membros do Claustro poderán asistir ás súas sesións con voz mais sen voto. O valedor universitario tamén poderá comunicar a súa asistencia como observador ás sesións do Claustro, cando considere que se tratan nelas materias relacionadas coas súas funcións.
  3. Cando a natureza dos asuntos o requira, a Mesa do Claustro poderá convocar a calquera membro da comunidade universitaria para que informe os membros do Claustro.
  4. A Mesa do Claustro poderá autorizar que asistan ás sesións do Claustro aquelas persoas que o soliciten cun mínimo de antelación de 48 horas, dándolles preferencia aos membros da comunidade universitaria. A acreditación para asistir daralles dereito a ocupar as prazas expresamente reservadas para persoas convidadas no lugar das sesións. Estas persoas que foron convidadas respectarán a orde das sesións e as instrucións da presidencia da Mesa do Claustro e absteranse de calquera manifestación pública de opinións ou de valoracións, sexa verbal ou doutro tipo.
  5. A Mesa do Claustro igualmente reservará prazas suficientes para os medios de comunicación debidamente acreditados.

Artigo 15. Do desenvolvemento das sesións do Claustro

  1. A presidencia da Mesa do Claustro, ou quen exerce as súas funcións, dirixe e regula o desenvolvemento dos debates e vela polo mantemento da orde da sesión.
  2. De acordo coa Mesa do Claustro, a presidencia, ou quen exercer as súas funcións, fixará un tempo de debate para cada tema e, en función dos pedimentos de palabra, determinará a duración de cada intervención. Ordenaranse as intervencións dos membros claustrais por orde de petición de palabra.
  3. En caso de que, por solicitude dun claustral, a maioría simple dos membros da Mesa considerase que un tema non queda suficientemente debatido, poderá establecer unha nova quenda de intervencións, que se desenvolverá de acordo co que establece este artigo.
  4. Os membros do Claustro teñen dereito ao uso da palabra en relación con calquera dos puntos da orde do día. Ningún membro do Claustro poderá facer uso da palabra se non o solicitase e obtivese o permiso da Mesa.
  5. Os membros do Claustro non poderán ser interrompidos cando falen, agás pola presidencia da Mesa do Claustro e para os efectos de os advertir de que esgotaron o tempo de que dispoñían, para chamalos á cuestión ou á orde ou, se for o caso, para retirarlles o uso da palabra.
  6. Os membros do Claustro poderán ser chamados á orde cando con interrupcións ou de calquera outro xeito, alteren a orde das sesións ou cando pretendan seguir facendo uso da palabra unha vez que esta lles fose retirada.
  7. A presidencia da Mesa poderá retirar o uso da palabra despois de dúas advertencias, unha vez que esgotasen o tempo para intervir. Tamén poderá retirar o uso da palabra despois de dúas chamadas á orde ou a cinguirse ao tema. Ante unha alteración grave da orde na sesión, aquel membro responsable dela que fose apercibido pola presidencia por tres veces poderá, co acordo da Mesa, ser privado de asistir ao resto da sesión.
  8. En calquera momento do debate, un membro do Claustro poderalle pedir á presidencia a observancia deste regulamento, citando expresamente o artigo ou artigos para os que reclame a súa aplicación.
  9. As alusións só autorizarán para que o membro do Claustro a que se refiren, segundo o xuízo da Mesa, poida contestar ás manifestacións pronunciadas sobre a súa persoa, mais sen entrar nunca no fondo da cuestión debatida.
  10. A Mesa do Claustro poderá interromper a sesión durante un período determinado de tempo para facilitar os acordos. Así mesmo e no suposto de excesiva duración do Pleno, a Mesa poderá dispoñer a interrupción da sesión e fixarase o día, a hora e o lugar en que debe reiniciarse.

Artigo 16. Das mocións e das propostas

  1. A presentación de mocións e propostas e a súa defensa nas sesións será regulada pola Mesa do Claustro.
  2. Calquera membro do Claustro poderá presentar ante a Mesa do Claustro mocións, de palabra ou por escrito, avaladas nos dous casos polo menos por quince claustrais, que serán debatidas nas sesións sempre que se refiran a puntos da orde do día.
  3. As mocións por escrito learaas unha das persoas solicitantes e, na súa ausencia, a Secretaría da Mesa do Claustro.

Artigo 17. Da adopción de acordos e da votación

  1. Agás o recollido expresamente para determinados asuntos, os acordos adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha determinada proposta, cando se vote entre dúas propostas.
  2. En caso de que a votación se realice entre máis de dúas propostas e ningunha delas alcance a maioría absoluta dos votantes, realizarase entón unha segunda votación entre as dúas propostas máis votadas.
  3. Os acordos no Claustro poderán ser adoptados por asentimento, coa proposta da Mesa, ou por votación a man alzada ou secreta. En todo caso as votacións serán secretas cando afecten a persoas concretas ou cando o solicitar, polo menos, un cinco por cento dos membros do Claustro.
  4. As votacións realizaranse a continuación dos correspondentes debates. En caso de que a natureza dos asuntos o requira, a Mesa do Claustro abrirá un prazo de presentación de propostas e tras finalizar este realizarase a votación.
  5. Non se admitirá nin a delegación de voto nin o voto por correo. Admitirase o voto anticipado cando así o acordar a Mesa do Claustro a iniciativa desta ou por petición do vinte e cinco por cento dos claustrais.

Artigo 18. Das actas das sesións

  1. A secretaría do Claustro confeccionará a acta da sesión, que será depositada na Secretaría Xeral da Universidade e unha copia dela nas secretarías de todos os centros, con sete días naturais de antelación á sesión en que debe ser aprobada, sempre co fin de que calquera membro do Claustro poida consultala.
  2. Os acordos das sesións do Claustro publicaranse tamén na páxina web da universidade, para o coñecemento de toda a comunidade universitaria.
  3. As obxeccións á acta deben presentarse na Secretaría Xeral ou nas secretarías dos centros da universidade, cunha antelación mínima de 24 horas ao inicio de sesión. En caso de que non se presenten obxeccións, considerarase aprobada polo Claustro.

Capítulo III
Da elección da representación do Claustro en órganos estatutarios e comisións

Artigo 19. Do sistema de elección

  1. A representación do Claustro en órganos estatutarios estruturados nos sectores con presenza no Claustro, e nas comisións que o propio Claustro poida constituír, será elixida polo sector correspondente.
  2. Para a convocatoria destas eleccións abondará coa súa inclusión como punto na orde do día da sesión do Claustro, convocada segundo o disposto neste regulamento e en que se incluirá tamén o procedemento que se debe seguir para proceder á elección en cuestión.
  3. O sistema electoral será o maioritario simple de voto limitado por listaxes abertas por sectores, procedéndose á votación de acordo co que establece o Regulamento electoral xeral da Universidade da Coruña.
  4. En caso de perda da condición de claustral ou dimisión dalgún membro que foi elixido en representación do Claustro, substituirase nomeando o seu suplente, se o houber. De non existir suplente, nomearase o candidato do mesmo sector máis votado dos que non foran nomeados previamente. E de non se dar ningunha destas dúas situacións, procederase a unha nova votación.

Artigo 20. Da representación do Claustro no Consello de Goberno

  1. O Consello de Goberno contará, entre os seus membros, con oitorepresentantes do profesorado funcionario doutor, tres representantes das restantes categorías do persoal docente e investigador, oito representantes do estudantado e un representante do persoal de administración e servizos.
  2. A representación do Claustro no Consello de Goberno será elixida polo Claustro entre os seus membros por votación de cada sector.

Artigo 21. Da representación do Claustro na Comisión Electoral Central

  1. De conformidade co artigo 10 do Regulamento electoral xeral da Universidade da Coruña, a Comisión Electoral Central contará entre os seus integrantes con cinco vogais elixidos polo Claustro de entre os seus membros e garantirase a representación de todos os sectores que o integran. Concretamente, estará constituído por dous representantes do profesorado funcionario doutor, por un representante das restantes categorías do persoal docente e investigador, por un representante do estudantado e por un representante do persoal de administración e servizos.
  2. A representación do Claustro na Comisión Electoral Central será elixida polo Claustro, entre os seus membros, por votación de cada sector.

Artigo 22. Das comisións creadas polo Claustro

  1. As comisións con competencias sobre determinado tipo de materias que sexan creadas polo Claustro reflectirán a composición dos distintos sectores deste, nas porcentaxes a que alude o artigo 26 dos Estatutos da Universidade da Coruña.
  2. Os membros destas comisións serán elixidos polo Claustro por votación de cada un dos seus sectores.
  3. As comisión estarán presididas polo reitor ou pola persoa en quen delegue. En cada unha destas comisións actuará como secretaria a persoa que se elixa entre os membros da comisión.

Capítulo IV
Da reforma do Regulamento de réxime interno do Claustro

Artigo 23. Do procedemento de reforma

  1. A modificación do presente regulamento compételle ao Claustro da Universidade da Coruña.
  2. A iniciativa para a modificación deste regulamento correspóndelle ao propio Claustro por acordo. Recoñéceselle tamén a iniciativa para tales efectos a un terzo dos membros do Claustro. A iniciativa deberá presentarse na Mesa do Claustro e ir acompañada da relación detallada dos preceptos e das disposicións cuxa modificación se propón e do seu texto alternativo.
  3. A aprobación da modificación esixirá o voto afirmativo da maioría absoluta dos membros do Claustro, en sesión ordinaria ou extraordinaria.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor desta normativa, quedan derrogadas todas aquelas disposicións anteriores, de rango inferior ou igual, que se opoñan ao disposto nela e, sinaladamente, as normas para o funcionamento do actual Claustro, que foron aprobadas polo Claustro na súa sesión do 12 de decembro de 2002.

Disposición final

O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte de que o aprobe o Claustro. O seu texto remitiráselles a todos os membros do Claustro e darase a coñecer tamén entre a comunidade universitaria a través daqueles medios que garantan a súa difusión.