Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña

(Aprobado no Consello de Goberno o 22 de xullo de 2004)

PREÁMBULO

A lingua galega sofre hoxe na Universidade da Coruña unha situación preocupante, agravada polo feito de non termos un regulamento claro sobre os seus usos e a escasez de medios instrumentais para facilitalos no seo da comunidade universitaria. Porén, os mesmos indicadores estatísticos que denuncian o seu relegamento sinalan, como signo esperanzador, a actitude positiva desta comunidade ante todo aquilo que contribúa á súa normalización. Alén de todo o anterior, a consideración do galego como “vehículo normal de expresión como lingua propia da institución” (art. 5.2 dos nosos Estatutos) contribuirá á necesaria homoxeneización da imaxe corporativa da institución. Neste contexto preséntase este regulamento de usos do galego na Universidade da Coruña.

A Universidade da Coruña, como institución pública, asume a responsabilidade de contribuír na tarefa da normalización da lingua galega. Responde así ás exixencias da lexislación vixente, expresada en diferentes disposicións e normativas. O Estatuto de Autonomía de Galicia dispón que os poderes públicos fomentarán o uso do galego na vida pública, cultural e informativa (art. 5.3), e a Lei de normalización lingüística sinala os obxectivos concretos en materia de normalización lingüística no ámbito institucional, indicando que o galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma (art. 4.1).

Mais non é soamente un imperativo legal, senón unha responsabilidade asumida con plena consciencia do seu valor. A implicación da institución universitaria co proceso de normalización lingüística posúe unha relevante dimensión ao constituír esta un referente social de prestixio e ao estender a promoción do idioma ás diferentes áreas do saber, coadxuvando a unha dignificación que debe atravesar de xeito transversal todos os ámbitos de coñecemento. A experiencia e o traballo realizado neste sentido polas universidades galegas indican que un factor clave na motivación da comunidade universitaria no seu conxunto é o compromiso asumido formalmente polos seus órganos de dirección. Como resultado deste compromiso, temos hoxe un marco común válido para desenvolver unha planificación que responda ás necesidades existentes.

Como é lóxico, non se trata de formular propostas de regulamentación en abstracto, senón que debemos partir do coñecemento pormenorizado da nosa realidade sociolingüística e do contraste das diversas experiencias realizadas nesta e noutras universidades galegas tendentes a fomentar o uso da lingua galega, un idioma que non pode ficar á marxe da institución que representa o nivel máis alto do desenvolvemento investigador e do coñecemento científico.

Hoxe contamos xa con estudos cuantitativos de grande envergadura, como o Mapa Sociolingüístico de Galicia, que fornecen importante información para planificar o noso labor. Para alén diso, podemos tamén acrecentar os datos que ofrece o estudo sobre a situación do galego realizado no marco da Universidade da Coruña durante o curso 2003-2004, unha análise que debe servirnos de guía de actuación se quixermos avanzar na recuperación de usos da lingua galega.

En primeiro lugar, e igual que acontece no resto das universidades galegas, os niveis de coñecemento do noso idioma por parte de todos os sectores pertencentes ao mundo universitario son altos, un feito que contrasta co seu escaso uso como lingua habitual de traballo tanto oralmente como por escrito nos espazos e ámbitos en que se desenvolven os labores universitarios. Loxicamente, a universidade debe traballar para que exista correspondencia entre uso e coñecemento, incluso un trasvase natural entre o uso fóra da propia institución e o que se realiza no seu seo, cando menos ata acadar uns niveis aceptables e que garden correlación co seu coñecemento por parte dos membros da comunidade universitaria.

Dito noutras palabras, se o grao de entendemento do galego supera o 90% nos tres sectores da nosa comunidade (profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos) e o grao de coñecemento supera o 70% como media, a universidade e os seus órganos de goberno debe preguntarse como abordar o desfase existente a este respecto no seu uso e facilitar a modificación de condutas que invisibilizan o galego no mundo universitario. Así, e por sinalar unicamente algunhas cifras, a frecuencia de uso do galego co profesorado por parte dos tres sectores da Universidade da Coruña a que xa aludimos non supera o 12% de media, co alumnado non supera o 15% e co persoal de administración e servizos está situado en torno ao 16%. Esta situación, que podería ser exemplificada pormenorizadamente, é produto de diferentes causas entre as que cómpre nomear a rutina e a comodidade, por seren estas actitudes susceptibles de se modificar con poucos medios e algún esforzo.

En segundo lugar, a Universidade da Coruña, en concordancia co anteriormente exposto, debe concretar o seu compromiso formal de contribuír a facer do galego o vehículo normal de expresión como lingua propia da institución, segundo marca o artigo 5.2 dos Estatutos da UDC. Que o galego sexa o vehículo normal de expresión da universidade non entra en contradición coa situación de cooficialidade lingüística vixente, garantida pola Constitución, e o necesario multilingüismo do noso contorno. Acadar un estatuto de normalidade para a lingua galega non debe ser obstáculo para o respecto ao dereito dos usuarios a seren atendidos na lingua da súa elección, mais para chegar a facelo realidade canto antes cómpre desenvolver os medios necesarios de formación e asesoramento.

No momento actual en que camiñamos cara a un Espazo Europeo de Educación Superior, momento caracterizado polo multiculturalismo e o plurilingüismo, o galego, lonxe de ser percibido como un atranco ou unha rareza, debe e pode ser presentado como unha riqueza máis dentro da pluralidade cultural do Estado español. Nesa dirección camiñan os esforzos das institucións galegas para que a nosa lingua ocupe na proxección internacional o posto que lle corresponde, en concordancia coa súa presenza en universidades e organismos culturais de diferentes países e a súa inclusión nos programas Sócrates e Lingua como unha das linguas cooficiais do Estado. Este novo elemento pode funcionar como reclamo para estudantes e profesores de fóra de Galicia, mais tamén nos exixe unha aposta por achegalo, facilitando mecanismos que posibiliten unha comunicación fluída e proveitosa e un intercambio realmente vizoso quer do punto de vista cultural e social, quer desde unha perspectiva científica e investigadora. Se quixermos ser un referente para outras universidades, temos que apostar por potenciar os nosos valores específicos, xunto co estudo e a investigación realizados desde a pluralidade, a variedade e a contextualización nas circunstancias particulares que nos rodean.

Nesa mesma dirección, os Estatutos da Universidade da Coruña indican a necesidade de promocionar a lingua galega, cando subliñan que esta institución “para a súa normalización fomentará o seu uso en todas as súas actividades” (art. 5.2). Precisa, pois, a propia administración universitaria dotarse dun marco de referencia que sinale claramente un modelo que tenda cara a un uso cada vez maior da lingua propia de Galicia, propondo, asemade, as actuacións que considere máis axeitadas para contribuír ao proceso de normalización do galego.

Velaquí, pois, unha síntese das causas que levan á presentación do seguinte Regulamento de Usos da Lingua Galega na Universidade da Coruña, un regulamento que parte da vontade de actuación dos órganos de goberno desta universidade, mais tamén do necesario compromiso de todos os membros da institución, sen cuxa implicación pouco se poderá avanzar.

1. ÁMBITO DE APLICACIÓN

Os usos lingüísticos da comunidade universitaria coruñesa réxense polos criterios que establece este regulamento, sendo responsabilidade institucional dos órganos de goberno da Universidade da Coruña velar polo seu cumprimento e aplicación.

2. USOS LINGÜÍSTICOS INTERNOS

2.1. Realizaranse en galego:

2.1.1. As comunicacións formais (oficios, convocatorias de xuntanzas, citacións, etc.) entre centros, servizos e administracións da Universidade da Coruña.
2.1.2. Os outros documentos de uso interno (de xestión, como memorias, informes, nóminas, notificacións, follas de pedimento, orzamentos; académicos, como follas de matrícula, validacións, instrucións, e instancias; xurídicos, como resolucións reitorais, reclamacións e impugnacións) utilizados polos diferentes órganos da universidade.
2.1.3. A expedición de certificados de expedientes de uso interno.
2.1.4. Os procedementos contractuais da Universidade da Coruña. Os contratos formalizaranse en galego e, en todo caso, unha copia dos pregos deberá estar nesta lingua, facilitándose unha versión bilingüe validada polo responsable administrativo correspondente se o solicitaren as persoas interesadas.

2.2. As cabeceiras de papeis corporativos, os carimbos, os mataselos e outros elementos análogos estarán en galego.

2.3. A rotulación de todas as unidades da Universidade da Coruña farase en galego.

2.4. Os centros e departamentos da Universidade da Coruña, da mesma maneira que as dependencias administrativas e de servizos, terán como lingua de uso o galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en galego.

2.5. Os títulos acreditativos de estudos propios expedidos pola Universidade da Coruña serán redactados en galego, agás os que teñan efectos fóra da nosa Comunidade Autónoma, que se expedirán en versión bilingüe.

2.6. Os títulos de estudos oficiais (diplomaturas, licenciaturas e doutoramentos) expediranse en versión bilingüe segundo a lexislación vixente sobre obtención, expedición e homologación de títulos universitarios.

3. USOS LINGÜÍSTICOS EXTERNOS

3.1. As comunicacións formais interuniversitarias e con institucións públicas e privadas da Comunidade Autónoma Galega faranse en galego, lingua que utilizará a Universidade da Coruña nas súas relacións coa cidadanía galega.

3.2. As comunicacións formais con destino a entidades de fóra da Comunidade Autónoma Galega faranse:

  1. En galego, se a institución receptora tiver esta lingua recoñecida como lingua oficial de traballo.
  2. En versión bilingüe galego-castelán, se o galego non for oficial, mais si o castelán. Nestes casos, se o documento tiver unha parte impresa, o corpo fixo será en versión bilingüe galego-castelán e a parte para cubrir en castelán.
  3. En versión bilingüe galego-outra lingua oficial de traballo da institución receptora, cando nin o galego nin o castelán foren oficiais. Nestes casos, se o documento tiver unha parte impresa, o corpo fixo será en versión bilingüe galego-lingua receptora e a parte que se cobre na lingua da institución.

3.3. Os estudos, proxectos e traballos análogos que a Universidade da Coruña encargar a terceiros no dominio lingüístico galego entregaranse en galego, agás que a súa finalidade exixir a redacción noutra lingua.

4. USO ORAL

Nos actos académicos e nos actos públicos feitos no territorio lingüístico galego, a lingua que, como norma xeral, utilizarán as persoas que representen a Universidade da Coruña será o galego.

5. REXISTROS

5.1. Sen prexuízo do que, para algúns rexistros públicos, establece o artigo 9 da Lei de Normalización Lingüística, nos rexistros administrativos da Universidade da Coruña, os asentamentos faranse en galego.

Por tanto, nos expedientes académicos do alumnado porase en galego o nome das materias, as cualificacións e todas as demais informacións.

A expedición de certificados farase en galego. Por pedimento expreso das persoas interesadas facilitaranse versión bilingüe ou castelá, que irá validada polo responsable administrativo correspondente.

6. PUBLICACIÓNS E PUBLICIDADE

6.1. As disposicións da Universidade da Coruña publicaranse segundo os criterios establecidos neste documento sobre o uso interno e externo da lingua galega.

6.2. As publicacións informativas, como guías de estudantes, carteis, convocatorias de cursos, congresos, simposios, conferencias, etc., redactaranse en galego, excepto as que foren destinadas especificamente á promoción exterior, que se poderán facer noutra lingua.

6.3. A publicidade de todo tipo que emita a Universidade da Coruña ou a que realice en colaboración con outros organismos farase en galego, agás a que for destinada especificamente á promoción exterior.

7. PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS

7.1. Os órganos de goberno da universidade tomarán as medidas necesarias para que en cada unidade administrativa ou de servizos, o persoal que estiver relacionado co público, tanto oralmente como por escrito, teña os coñecementos de galego necesarios para garantir o dereito dos membros da comunidade universitaria a escolleren a lingua de relación coa administración.

7.2. Os órganos de goberno da Universidade da Coruña establecerán o nivel de coñecemento da lingua galega axeitado e exixible para cada posto de traballo na universidade.

7.3. En todas as bases que regulen as convocatorias para a provisión de postos de traballo da universidade, de réxime administrativo ou laboral, e os concursos de méritos destinados á promoción interna, establecerase a acreditación dun determinado nivel de lingua galega, de acordo co apartado anterior.

8. CONTRATACIÓNS E CONVENIOS

8.1. Os contratos de prestación de servizos (cafetarías, comedores universitarios, reprografía, etc.) asinados pola universidade con entidades privadas conterán unha cláusula onde se comprometan expresamente a respectar as normas que en materia de uso lingüístico dispón este regulamento. A universidade ofrecerá a colaboración do Servizo de Normalización Lingüística para facilitar o cumprimento desta normativa á parte contratada.

8.2. Os convenios asinados pola universidade con outras entidades públicas ou privadas redactaranse en galego e, se for o caso, na lingua ou linguas oficiais ou de traballo da outra ou outras entidades asinantes.

9. O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜISTICA

9.1. O Servizo de Normalización Lingüística canalizará o cumprimento do disposto no artigo 5 dos presentes Estatutos da UDC, velando pola progresiva capacitación dos membros da comunidade universitaria no uso do galego e arbitrando as medidas necesarias para facer normal a utilización do galego en todos os ámbitos da vida universitaria.

9.2. A Universidade da Coruña comprométese a poñer a disposición do estudantado, persoal docente e de administración e servizos, especialmente daquelas persoas procedentes de fóra do dominio lingüístico galego, medios de formación e de asesoramento na lingua galega.