Regulamento interno do consello de goberno

(Aprobado polo Consello de Goberno na sesión do 16 de marzo de 2005)

CAPÍTULO I
Normas xerais de organización

Artigo 1

O Consello de Goberno é o órgano de goberno da Universidade e ten as competencias que lle son atribuídas pola lexislación universitaria e polos Estatutos e demais normas da Universidade da Coruña.

Artigo 2

  1. As decisións que toma o Consello de Goberno en materias da súa competencia adoptan a forma de acordos que esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa. Nos outros casos adoptan a forma de propostas, e non vinculan o reitor no exercicio das súas competencias.
  2. As sesións do Consello de Goberno non son públicas. Cando a natureza dos asuntos que se foren tratar así o requirir, o reitor pode convocar ás sesións do Consello de Goberno, con voz mais sen voto, calquera membro da comunidade universitaria.

Artigo 3

  1. O Consello de Goberno actúa en pleno ou nas comisións delegadas a que se refire o capítulo III deste regulamento. O pleno do Consello de Goberno poderá delegar nestas últimas as competencias que considere oportunas por razón da materia.
  2. O Consello de Goberno pode constituír en calquera momento comisións específicas para tratar temas concretos, respectando na súa composición a representación dos sectores implicados.

Artigo 4

Os acordos do Consello de Goberno son executados polo reitor.

CAPÍTULO II
Do pleno do consello de goberno

Sección 1º- Da composición do Consello de Goberno

Artigo 5

O Consello de Goberno está constituído por:

  1. O reitor que o presidirá e convocará.
  2. O secretario xeral, que será o seu secretario, e o xerente.
  3. Vinte conselleiros elixidos polo claustro de entre os seus membros por sectores, dos que oito serán estudantes, seis profesores funcionarios doutores, catro membros das restantes categorías de ersoal docente e investigador e dous PAS.
  4. Quince conselleiros, elixidos de entre decanos de facultade, directores de escola e directores de departamentos e institutos universitarios en colexio único, dos que sete serán decanos ou directores de centro, sete directores de departamento e un director de instituto universitario.
  5. Quince conselleiros designados polo reitor.
  6. Tres membros do consello social que non pertenzan á comunidade universitaria.

Artigo 6

  1. Os membros do Consello de Goberno que actúan como representantes de decanos de facultade, directores de escola e directores de departamentos e institutos universitarios serán elixidos para un período de 4 anos, seguindo o procedemento establecido no regulamento electoral.
    Os representantes do claustro e do consello social serán elixidos polo tempo e seguindo o procedemento establecido no respectivo regulamento.
  2. Os membros do Consello de Goberno que actúan como representantes perderán a súa condición de membros pola súa renuncia expresa antes de remataren o seu período de mandato, por perda da condición de claustral no caso dos incluídos na letra c) do artigo 5, por perda da súa condición de decano de facultade ou director de escola, departamento ou instituto universitario no caso dos representantes incluídos na letra d) do referido artigo, por cese do reitor no caso dos designados polo reitor, ou por perda da condición de membro do consello social no caso dos incluídos na letra f).
  3. No caso de un membro do Consello de Goberno perder a condición de tal, a substitución farase de acordo coas seguintes previsións:
    1. O reitor, polo reitor en funcións.
    2. Para a substitución de representantes de decanos de facultade, directores de escola, de departamentos e de institutos universitarios, nomearase a seguinte persoa máis votada no respectivo subsector na última elección, e se ese procedemento non fose suficiente para cubrir as prazas procederase a unha nova elección para o tempo que reste ata cumprir o período de 4 anos.
    3. A substitución dos representantes incluídos nos apartados c) e f) do artigo 5 farase na forma prevista nos respectivos regulamentos.
  4. Os membros do Consello de Goberno non poderán ser suplidos para a súa asistencia ao pleno do Consello de Goberno. Só no caso de ausencia xustificada do secretario xeral poderá ser substituído por quen designe o reitor, e en caso de ausencia xustificada do xerente poderá ser substituído por un vicexerente.

Sección 2ª- Da convocatoria, constitución e funcionamento do Pleno do Consello de Goberno

Artigo 7

  1. A convocatoria do Pleno do Consello de Goberno correspóndelle ao reitor.
  2. Para que a convocatoria produza efecto, deberase poñer en coñecemento de todos os membros do Consello de Goberno mediante unha notificación en que se fará constar a orde do día e, asemade, o día, a hora e o lugar da reunión.
  3. As notificacións serán enviadas polo menos con setenta e dúas horas de antelación. A convocatoria será nominal e dirixida ao departamento, centro ou servizo a que pertenza o membro convocado e, no caso dos estudantes, ao local asignado a eles nos diferentes centros ou, durante os períodos non lectivos, aos seus domicilios particulares. En casos de convocatoria urxente dunha sesión quer ordinaria quer extraordinaria, deberá respectarse un prazo mínimo de corenta e oito horas. A información sobre os temas que figuran na orde do día enviarase unicamente por correo electrónico aos membros do Consello de Goberno que así o soliciten. En todo caso a información sobre os temas que figuran na orde do día estará a disposición dos membros do Consello de Goberno en igual prazo, na Secretaría Xeral, e poderase consultar unha copia da documentación na Secretaría Xeral Técnica do Campus de Ferrol.
  4. O Consello de Goberno reunirase en días administrativamente hábiles.

Artigo 8

  1. As sesións do Pleno do Consello poden ser ordinarias ou extraordinarias. As sesións ordinarias teranse que realizar polo menos unha vez cada dous meses.
  2. As sesións extraordinarias, en que se tratará un só tema ou varios temas de natureza complementaria, realizaranse por iniciativa do reitor ou dun terzo dos membros do consello. Neste caso a sesión terá lugar no prazo máximo de dez días lectivos despois da data de entrada da solicitude no Rexistro Xeral.

Artigo 9

  1. A orde do día será elaborada polo reitor, asistido polo secretario xeral.
  2. Na orde do día figurarán inescusablemente os puntos de aprobación da acta da sesión anterior, e de rogos e preguntas, agás que a sesión do Consello de Goberno sexa extraordinaria.
  3. Deberán incluírse na orde do día os puntos que previamente solicitase por escrito unha cuarta parte dos membros do Consello de Goberno.

Artigo 10

Para a válida constitución do Consello de Goberno será necesaria, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros. En segunda convocatoria, que se realizará media hora máis tarde, constituirase validamente cun terzo dos seus membros.

Artigo 11

  1. O pleno do Consello de Goberno será presidido polo reitor, asistido dunha mesa integrada polos vicerreitores membros do consello, o secretario xeral e o xerente. En caso de ausencia, o reitor será substituído polo vicerreitor que designar.
  2. O reitor interpreta o presente regulamento en casos de dúbida ou omisión. Tamén decidirá sobre a alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día, o ordenamento dos debates e calquera outra cuestión que se lle encomendar no presente Regulamento.

Artigo 12

  1. O reitor dirixirá e ordenará os debates. Fixará o tempo de debate para cada tema e en función dos pedimentos de palabra, determinará a duración de cada intervención. Unha vez que transcorra o prazo que se concedeu para unha intervención, o reitor, despois de convidar a concluír por dúas veces ao membro que estea a falar, retiraralle o uso da palabra. O reitor prolongará o tempo de debate no caso de a maioría simple dos membros presentes considerar que o tema non queda suficientemente debatido.
  2. Os membros do Consello de Goberno teñen dereito ao uso da palabra en relación a calquera punto da orde do día. Ninguén poderá ser interrompido cando fala, senón para ser chamado á orde ou a cinguirse ao tema polo reitor. Despois de dúas chamadas á orde ou a cinguirse ao tema, o reitor poderá retirar o uso da palabra.
  3. O reitor concederá o dereito de resposta por alusións, se o estimar procedente, durante o período de tempo que fixe.
  4. No suposto de excesiva duración do pleno do consello, o reitor disporá a interrupción da sesión fixando a hora en que deberá continuar, o mesmo día, ou ben dentro do día hábil seguinte, excluíndo os sábados.

Artigo 13

  1. Os acordos adoptaranse polo maior número de votos a favor dunha proposta, salvo no disposto expresamente para determinados temas neste regulamento ou en normativa de rango superior. Non se adoptarán acordos válidos se no momento da votación non estiveren presentes un terzo dos membros do consello.
  2. As votacións poden ser por asentimento coa proposta formulada, públicas a man alzada, e secretas, cando o solicitaren seis membros do Consello de Goberno. En todo caso, serán secretas cando afectaren a persoas concretas e o solicitar calquera membro do consello.

Artigo 14

Non se admitirá a delegación do voto nin o voto anticipado dos membros do Consello de Goberno.

Artigo 15

Non se poderán tomar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día, sen prexuízo do previsto no artigo 26. 3 da Lei 30/1992.

Artigo 16

  1. O secretario do Consello de Goberno redactará unha acta de todas as sesións do pleno do Consello de Goberno.
  2. En cada acta figurarán inescusablemente as seguintes mencións:
    1. Membros do Consello de Goberno nominalmente designados que asistiron á sesión, subliñando as ausencias xustificadas.
    2. Orde do día.
    3. Acordos e propostas. Hase especificar se foron adoptados por asentimento, unanimidade ou maioría, e hase facer constar o número exacto dos votos emitidos, o seu sentido e as abstencións.
  3. Na acta da sesión incluiranse os textos literais dos acordos e das propostas e un resumo dos informes e dos debates, así como calquera mención relacionada cos puntos da orde do día que os membros do Consello de Goberno, individual ou colectivamente, desexen que figure expresamente.
  4. Cada acta será asinada polo secretario do Consello de Goberno co visto e prace do presidente da sesión reflectida.
  5. As actas aprobaranse na seguinte sesión ordinaria do Consello de Goberno, de ser o caso, coas obxeccións que antes da aprobación polo consello propoñan os seus membros para precisar mellor o desenvolvemento da sesión.

Artigo 17

  1. As actas de cada sesión, unha vez aprobadas, incluiranse no libro de actas, que quedará baixo a custodia do secretario xeral, que lle permitirá a súa consulta a calquera membro da comunidade universitaria.
  2. Só darán fe dos acordos e propostas do consello as certificacións expedidas polo secretario do Consello de Goberno por orde do reitor.
    As certificacións poderán expedirse:
    Nos dous últimos casos, o contido das certificacións versará sobre a parte decisoria dos acordos e propostas.
    Non se permitirá a introdución na sala onde se celebra a Consello de Goberno de ningún aparato de reprodución ou gravación, a non ser que o Consello de Goberno o autorice pola maioría absoluta dos seus membros.
    1. De oficio, por requirimento do Claustro Universitario, dos órganos das administracións públicas ou de órganos xudiciais no exercicio da súa competencia.
    2. Por instancia dos membros do Consello de Goberno.
    3. Por instancia de calquera persoa interesada.
  3. A notificación administrativa de calquera asunto que fose sometido ao Consello de Goberno comprenderá o acordo literal tomado por este.
  4. Ademais do disposto no parágrafo anterior, o secretario do Consello de Goberno deberá notificarlles os acordos tomados aos membros da comunidade universitaria a que afecten especificamente. De seren acordos relativos a un sector universitario en xeral faranse públicos polos medios máis axeitados.
  5. Un resumo da sesión, que inclúa o informe do reitor e os acordos alcanzados, publicarase na páxina web da Universidade da Coruña para información da comunidade universitaria.

CAPÍTULO III
Das comisións delegadas do consello de goberno

Artigo 18

Sen prexuízo das comisións específicas creadas polo Consello de Goberno, na forma que determine, para tratar temas concretos, crearanse as seguintes comisións estables do Consello de Goberno:

  1. Comisión de Organización Académica e Profesorado.
  2. Comisión de Investigación.
  3. Comisión de Asuntos Económicos.
  4. Comisión de Extensión Universitaria.
  5. Comisión de Planos de Estudos

Artigo 19

Son competencias das comisións estables informaren dos asuntos presentados polo reitor ou polo Consello de Goberno, elaboraren propostas concordantes coa súa natureza, e aqueloutras que lles foren delegadas mediante acordo do Pleno do Consello de Goberno. Estas comisións non terán carácter executivo agás delegación expresa do Consello de Goberno.

Artigo 20

  1. Os membros das comisións delegadas pertencerán ao Consello de Goberno. Serán elixidos polos membros dos correspondentes sectores presentes nela de entre eles. No caso de haber máis candidatos que postos para cubrir nun sector, procederase á votación deses candidatos nunha lista única. Abrirase previamente un prazo de presentación de candidaturas. Na lista deberá figurar o ámbito científico ou ben o sector en que desenvolva as súas funcións o candidato, naqueles casos en que sexa necesario.
  2. No caso de se producir unha votación para a elección, cada membro dun sector votará un máximo do 70 por cento do número de postos para cubrir, agás no caso de que só corresponda cubrir un único posto.
  3. Serán proclamados elixidos os candidatos máis votados, tendo en conta as condicións esixidas na composición das comisións, ata completar o número de postos que hai que cubrir. En caso de empate darase preferencia á antigüidade na Universidade da Coruña. De persistir o empate nomearase a persoa candidata de maior idade. De non existir candidatos dun ámbito que reúnan as condicións esixidas na composición das comisións, o posto cubrirase polo seguinte candidato máis votado do sector que si as reúna.
  4. No caso de vacantes nas comisións estables convocaranse eleccións para prover a praza polo que reste de mandato.

Artigo 21

  1. A calidade de membro dunha comisión delegada do Consello de Goberno é indelegable.
  2. No caso de perda da condición de membro do Consello de Goberno procederase a un novo nomeamento ou a unha elección, de acordo co establecido no artigo anterior.
  3. As renovacións dos membros das comisións delegadas levaranse a cabo cada catro anos. No caso dos representantes dos estudantes nestas comisións a renovación farase cada dous anos.

Artigo 22

  1. O reitor designará como presidente un dos vicerreitores que, en número nunca superior a dous, forme parte da comisión.
  2. As comisións elixirán un secretario de entre os seus membros.
  3. As sesións das comisións delegadas celebraranse en días administrativamente hábiles, e serán convocadas polos presidentes correspondentes, por escrito, polo menos con 48 horas de antelación. En caso de urxencia poderán ser convocadas polos presidentes de forma oral e sen cumprir o prazo de 48 horas, respectándose neste caso un prazo mínimo de 24 horas. O presidente deberá convocar as sesións tras a iniciativa dun terzo dos seus membros.

Artigo 23

As comisións entenderanse validamente constituídas pola maioría absoluta dos seus membros. Os seus informes e propostas serán adoptados por maioría simple.

Artigo 24

Os informes e as propostas que se adopten, despois de os recoller na acta o secretario da comisión, nomeado polo correspondente presidente, serán remitidos ao reitor ou ao pleno, segundo proceder en cada caso.

Artigo 25

A Comisión de Organización Académica e Profesorado estará integrada por:

  1. O/s vicerreitor/es da/s área/s relacionada/s coa comisión.
  2. Sete profesores pertencentes aos corpos docentes universitarios, coa seguinte distribución por ámbitos científicos: uno do ámbito de ciencias da saúde, uno de ciencias experimentais, uno de humanidades, dous de ensino técnico e dous de ciencias sociais e xurídicas.
  3. Dous estudantes.

Artigo 26

A Comisión de Investigación estará integrada por:

  1. O/s vicerreitor/es da/s área/s relacionada/s coa Comisión.
  2. Sete doutores membros do persoal docente e investigador, coa seguinte distribución por ámbitos científicos: uno do ámbito de ciencias da saúde, uno de ciencias experimentais, uno de humanidades, dous de ensino técnico e dous de ciencias sociais e xurídicas.
  3. Dous estudantes, preferentemente de terceiro ciclo.

Artigo 27

A Comisión de Asuntos Económicos estará integrada por:

  1. O/s vicerreitor/es da/s área/s relacionada/s coa Comisión.
  2. O xerente da Universidade
  3. Seis membros do persoal docente e investigador.
  4. Dous estudantes.
  5. Dous membros do persoal de administración e servizos.

Artigo 28

A Comisión de Extensión Universitaria estará composta por:

  1. O/s vicerreitor/es da/s área/s relacionada/s coa comisión.
  2. Seis membros do persoal docente e investigador.
  3. Dous estudantes.
  4. Dous membros do persoal de administración e servizos.

Artigo 29

A Comisión de Planos de Estudos estará composta por:

  1. O/s vicerreitor/es da/s área/s relacionada/s coa Comisión.
  2. Sete profesores pertencentes aos corpos docentes universitarios, coa seguinte distribución por ámbitos científicos: uno do ámbito de ciencias da saúde, uno de ciencias experimentais, uno de humanidades, dous de ensino técnico e dous de ciencias sociais e xurídicas.
  3. Dous estudantes.
  4. Un membro do persoal de administración e servizos.

CAPÍTULO IV
Da xunta consultiva

Artigo 30

  1. A xunta consultiva é o órgano ordinario de asesoramento do reitor e do Consello de Goberno en materia académica. A xunta consultiva emite os seus informes por solicitude do reitor ou por acordo do Consello de Goberno. Poderá formular propostas sobre asuntos de especial relevancia académica.
  2. A xunta consultiva, presidida polo reitor, estará constituída polo secretario xeral, que o será tamén da xunta consultiva, e vinte e cinco membros designados polo Consello de Goberno entre profesores e investigadores de recoñecido prestixio, que conten con polo menos dous tramos de investigación e dous de docencia avaliados positivamente pola ANECA ou por axencias autonómicas equivalentes.
  3. A xunta consultiva renovarase cada catro anos.
  4. Para a elección dos membros da xunta consultiva procederase a elaborar unha lista en que figuren os nomes propostos polo reitor ou polo menos dez membros do Consello de Goberno.
  5. Na votación para a elección, cada membro do Consello de Goberno votará un máximo do 70 por cento do número de postos para cubrir. Serán proclamados elixidos os candidatos máis votados ata completar o número de postos que hai que cubrir. En caso de empate darase preferencia á antigüidade na Universidade da Coruña. De persistir o empate nomearase a persoa candidata de maior idade.
  6. As vacantes que se produciren na xunta consultiva antes do fin do mandato cubriranse coa seguinte persoa máis votada que ficou sen posto. Se este procedemento non fose suficiente para cubrir as prazas vacantes convocaranse eleccións para prover a praza polo que reste de mandato.
  7. O Consello de Goberno aprobará o regulamento de funcionamento.

CAPÍTULO V
Da comisión de doutoramento

Artigo 31

  1. Os membros da Comisión de Doutoramento renovaranse cada dous anos por metades.
  2. Para a elección dos membros da Comisión de Doutoramento procederase a elaborar unha lista en que figuren os nomes propostos por polo menos cinco membros do Consello de Goberno. Na votación para a elección, cada membro do Consello de Goberno votará un máximo do 70 por cento do número de postos para cubrir. Serán proclamados elixidos os candidatos máis votados ata completar o número de postos a cubrir, tendo en conta as condicións esixidas na súa composición. En caso de empate darase preferencia á antigüidade na Universidade da Coruña. De persistir o empate nomearase a persoa candidata de maior idade.
  3. As vacantes que se produciren na comisión antes do fin do mandato cubriranse coa seguinte persoa máis votada que ficou sen posto, tendo en conta as condicións esixidas na súa composición. Se este procedemento non fose suficiente para cubrir as prazas vacantes convocaranse eleccións para prover a praza polo que reste de mandato.

CAPÍTULO VI
Da comisión de reclamacións

Artigo 32

  1. A comisión de reclamacións de prazas de persoal docente e investigador interino e laboral contratado, presidida polo vicerreitor que designe o reitor, estará composta por seis profesores dos corpos docentes universitarios, dos que catro terán que ser doutores, e un estudante. Na súa composición estarán representados os cinco ámbitos científicos e atribuirase un representante máis ao ámbito con maior número de profesores dos corpos docentes universitarios.
  2. Todos os membros da comisión de reclamacións de prazas de persoal docente e investigador interino e laboral contratado serán elixidos polo Consello de Goberno, por un período de catro anos, mediante maioría absoluta en votación secreta, logo de elaborar unha lista en que figuren os nomes propostos por polo menos cinco membros do Consello de Goberno. No caso do representante dos estudantes a elección será por dous anos. Serán proclamados elixidos os candidatos máis votados ata completar o número de postos que hai que cubrir, tendo en conta as condicións esixidas na súa composición. En caso de empate darase preferencia á antigüidade na Universidade da Coruña. De persistir o empate nomearase a persoa candidata de maior idade.
  3. As vacantes que se produciren na comisión antes do fin do mandato cubriranse coa seguinte persoa máis votada que ficou sen posto, tendo en conta as condicións esixidas na súa composición. Se este procedemento non fose suficiente para cubrir as prazas vacantes convocaranse eleccións para prover a praza polo que reste de mandato.

CAPÍTULO VII
Da reforma do regulamento

Artigo 33

A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser adoptada polo reitor ou por un terzo dos membros do consello.

Artigo 34

As propostas de reforma deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Recibida a proposta, será sometida a votación para a súa toma en consideración no Pleno do Consello de Goberno. De recibir a proposta os votos favorables do 40% dos membros do consello, abrirase un prazo de dez días para a presentación das emendas.

Artigo 35

Nunha sesión do pleno do Consello de Goberno procederase á votación das propostas e, de ser o caso, das emendas; aprobarase o texto que obteña a maioría de votos. A proposta global de reforma será sometida a votación e entenderase aprobada de obter a maioría absoluta dos membros do Consello de Goberno. En caso contrario considerarase rexeitada, e non se poderá presentar unha reforma idéntica ata que transcorra un prazo de dous anos.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

  1. O presente regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos Estatutos da Universidade e das normas vixentes sobre o ensino universitario, así como do resto do ordenamento xurídico. En particular, para o que non estea disposto no presente regulamento nin nos Estatutos da Universidade, aplicarase o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
  2. As referencias á Xunta de Goberno que houbese nas normas universitarias vixentes entenderanse referidas ao Consello de Goberno.
  3. Coa entrada en vigor do presente regulamento quedan disoltas todas as comisións específicas aprobadas ao abeiro da anterior regulación.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas as normas de funcionamento do actual Consello de Goberno.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente Regulamento entrará en vigor o mesmo día da súa aprobación polo Pleno do Consello de Goberno

ANEXO I. RELACIÓN DE CENTROS POR ÁMBITOS CIENTÍFICOS

CIENCIAS DA SAÚDE

  • Facultade de Ciencias da Saúde
  • Escola Universitaria de Fisioterapia

Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía

CIENCIAS EXPERIMENTAIS

  • Facultade de Ciencias

HUMANIDADES

  • Facultade de Filoloxía
  • Facultade de Humanidades

ENSINO TÉCNICO

  • Facultade de Informática
  • Escola Técnica Superior de Arquitectura
  • Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos
  • Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas
  • Escola Politécnica Superior
  • Escola Universitaria de Arquitectura Técnica
  • Escola Universitaria Politécnica
  • Escola Universitaria de Deseño Industrial

CIENCIAS SOCIAIS E XURÍDICAS

  • Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
  • Facultade de Ciencias da Educación
  • Facultade de Dereito
  • Facultade de Socioloxía
  • Facultade de Ciencias da Comunicación
  • Escola Universitaria de Estudos Empresariais
  • Escola Universitaria de Relacións Laborais (Ferrol)
  • INEF