Regulamento da oficina para a igualdade de xénero da UDC

A Universidade da Coruña, no documento sobre a súa misión, visión e valores, aprobado polo Claustro o día 31 de marzo de 2005, propugna como principio reitor «a afirmación dos dereitos humanos e a consecuente loita contra calquera discriminación por razóns ideolóxicas, sociais, económicas, relixiosas, de nacemento, de discapacidade, de xénero ou de orientación sexual».1

En consecuencia, a UDC velará polo cumprimento do principio que, en virtude do artigo 4.1 da Convención da ONU, apela á eliminación de toda forma de discriminación contra as mulleres, ratificada polo Estado Español o 5 de xaneiro de 1984.

O principio de igualdade entre homes e mulleres é o marco lexitimador que asume a Universidade da Coruña como principio do “bo goberno”. Asumirmos esta máxima implica a eliminación de calquera suposto de discriminación sexista, sexa na práctica ou na ideoloxía, que poida aparecer na nosa actividade docente, investigadora ou laboral.
Co obxecto de dar cumprimento a este principio de igualdade, a Universidade da Coruña promove a creación da Oficina para a igualdade de xénero, que aportará todo o soporte técnico que for preciso para acadar os obxectivos de igualdade de xénero.

Artigo 1

Ao abeiro da normativa e valores da Universidade da Coruña, institución pública, civil, autónoma e laica, constitúese a Oficina para a igualdade de xénero, co compromiso de velar pola igualdade entre homes e mulleres e eliminar calquera mostra de sexismo no seo da comunidade universitaria.

Artigo 2

O seu ámbito de actuación abrangue o persoal docente e investigador, o estudantado e o persoal de administración e servizos.

Artigo 3

Como órgano técnico, a Oficina para a igualdade de xénero será responsable da elaboración de propostas de actuación e da realización de estudos para a información e o debate.

Artigo 4

A Oficina intervirá socialmente como observatorio das situacións de xénero no marco da comunidade universitaria.

Artigo 5

Serán obxectivos específicos da Oficina para a igualdade de xénero:

  1. A promoción de estudos sobre as situacións de xénero na UDC.
  2. Amparar a introdución da perspectiva de xénero nos distintos ámbitos do coñecemento.
  3. Fomentar a formación e investigación en estudos de xénero nas distintas áreas científicas.
  4. Desenvolver actividades de difusión e extensión, tanto no seo da comunidade universitaria como no contorno social e cultural.
  5. Desenvolver accións de sensibilización acerca da igualdade de xénero.
  6. Impulsar accións que garantan condicións igualitarias para o acceso e promoción de mulleres e homes na actividade docente, investigadora, laboral e representativa da UDC.
  7. Colaborar coas administracións e institucións galegas, estatais e internacionais na consecución da igualdade de xénero.
  8. Coñecer, informar e no seu caso mediar nos posibles conflitos por discriminación de xénero na actividade académica e laboral da UDC.

Artigo 6

Para a dirección da Oficina para a igualdade de xénero, o Reitor designará a unha persoa da comunidade universitaria da UDC que desenvolva ou teña desenvolvido, con recoñecemento contrastado, tarefas científicas, docentes, técnicas ou de calquera outro signo no campo da igualdade de xénero.

Artigo 7

A Oficina para a igualdade de xénero contará cun Consello Asesor coa seguinte composición:

  1. A directora ou director da Oficina para a igualdade de xénero.
  2. A vicerreitora ou vicerreitor responsable das actividades de Extensión.
  3. A vicerreitora ou vicerreitor responsable das actividades de Investigación.
  4. Dúas persoas representantes do persoal de administración e servizos.
  5. Dúas persoas representantes do estudantado.
  6. Cinco persoas correspondentes ao persoal docente e investigador representativas dos ámbitos científicos da UDC

Artigo 8

A Universidade de Coruña garantirá que a Oficina para a igualdade de xénero conte cos recursos materiais e humanos necesarios para o desenvolvemento eficaz das súas funcións.

Disposición final

O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación no Consello de Goberno.


1PEUDC_D3. Misión Visión e Valores da UDC, aprobado polo Claustro o día 31 de marzo de 2005.