Normativa sobre espazos sen fume da Universidade da Coruña - plano universidade libre de tabaco

(Aprobada en Consello de Goberno o 28 de maio de 2004)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Universidade da Coruña recoñece os riscos para a saúde pública e os problemas de produtividade causados polo tabaco e considera que, polas súas obrigas educativas e institucionais, debe crear un ambiente saudable e produtivo para que todos os membros da comunidade universitaria (estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos) así como aquelas persoas que nos visiten, poidan desenvolver axeitadamente o seu traballo. Por iso, elabórase a presente Normativa sobre Espazos sen Fume da Universidade da Coruña (Plano
Universidade Libre de Tabaco) cuxa finalidade é mellorar a calidade de vida relativa á saúde de toda a comunidade universitaria e aumentar a calidade ambiental do noso contorno.

O fume do tabaco afecta aos fumadores e aos non fumadores que o respiran involuntariamente; é un produto tóxico e non existe un nivel de exposición ambiental seguro. Os espazos libres de fume melloran a saúde do conxunto de fumadores activos e pasivos.

As leis vixentes fan sempre prevalecer o dereito á saúde dos non fumadores, regulando os lugares públicos onde está prohibida a venda e/ou consumo de tabaco:

  • Lei 14/1986, de 25 de abril, xeral de sanidade
  • Real decreto 192/1988, de 4 de marzo, sobre limitacións na venda e uso do tabaco, para protección da saúde da poboación
  • Real decreto 1293/1999, de 23 de xullo, polo que se modifica o RD 192/1988
  • Lei 2/1996, de 8 de maio, de Galicia sobre drogas
  • Decreto 75/2001, de 22 de marzo, sobre a regulación da venda e consumo de tabaco

Igualmente, a lexislación actual establece que as empresas están obrigadas a establecer medidas para a protección dos non fumadores:

  • Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais
  • Real decreto 486/1997, de 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo

O Plano Nacional de Prevención e Control do Tabaquismo 2003-2007, aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde o 13 de xaneiro de 2003, recolle, de forma específica, que os centros docentes deberán facilitar información e normativa sobre espazos sen fume e que, a finais do ano 2004, terán que estar desenvolvidas normativas que regulen o consumo de tabaco en todos os ámbitos públicos.

OBXECTIVOS DO PLANO UNIVERSIDADE LIBRE DE TABACO

  • Potenciar os espazos sen fume.
  • Fomentar a norma social de non fumar.
  • Facilitar o abandono da dependencia do tabaco.
  • Protexer a saúde da comunidade universitaria evitando a súa exposición ao aire contaminado por fume de tabaco.
  • Facilitar o cumprimento da lexislación vixente cun compromiso institucional firme e decidido.

DESENVOLVEMENTO E IMPLANTACIÓN DO PLANO UNIVERSIDADE LIBRE DE TABACO

1. Campaña informativa sobre o Plano

Un mes antes de que este Plano sexa implantado, distribuirase información relativa a este, así como do seu cronograma, a todo o persoal da universidade e aos estudantes, para dar tempo aos fumadores a adaptarse á nova norma.

A campaña informativa versará sobre a normativa vixente relacionada co consumo de tabaco en centros docentes, as actividades a desenvolver para a implantación dos espazos sen fume, información sobre o tabaco e a saúde, tabaquismo pasivo e lugares de traballo libres de tabaco.

Os medios de comunicación que se utilizarán serán os propios da universidade: páxina web, circulares internas, taboleiros de anuncios, etc.

2. Implantación do Plano

2.1. Sinalización das instalacións

En todas as entradas dos edificios universitarios colocaranse carteis informativos que indiquen con claridade "CENTRO LIBRE DE TABACO"

2.1.1. Prohibición expresa de fumar nos seguintes lugares:

2.1.1.1. Facultades, escolas, edificios administrativos e comedores: almacéns, ascensores, aseos, auditorios, aulas, bibliotecas e salas de estudo, cafetarías (unha zona específica) comedores, conserxarías, despachos (cando sexan compartidos por algún non fumador) laboratorios, corredores, reprografía, salas de reunións, secretarías administrativas e académicas.

2.1.1.2. Complexos deportivos en todas as instalacións.

2.1.2. Áreas habilitadas para fumadores: inicialmente, e como paso previo a declarar todos os centros totalmente libres de tabaco, permitirase fumar nunha zona das cafetarías e nos vestíbulos dos centros, lugares que deberán estar axeitadamente sinalizados.

O 31 de decembro de 2005 prohibirase fumar en todas as instalacións da Universidade da Coruña.

2.2. Prohibición da publicidade e venda de tabaco en todos os edificios universitarios

Seguindo o establecido no Decreto 75/2001, de 22 de marzo, sobre control sanitario da publicidade, promoción, subministración, venda e consumo de produtos do tabaco, en que se prohibe expresamente a publicidade e venda de tabaco en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, non se poderá vender tabaco en ningunha dependencia da Universidade da Coruña.

2.3. Apoio ao abandono do tabaco

Para facilitar a implantación dos espazos libres de tabaco na Universidade da Coruña, poranse a disposición de toda a comunidade universitaria, con carácter gratuíto, tratamentos para deixar de fumar, á vez que se facilitará a asistencia a eles dos fumadores que o demanden.

Os tratamentos que se ofrecerán implicarán unha abordaxe integral do tabaquismo e serán aplicados por profesionais especificamente adestrados en intervencións para deixar de fumar.

3. Responsabilidade e sancións

O éxito deste Plano dependerá da cooperación de todos os fumadores e non fumadores da comunidade universitaria. É responsabilidade de todo o persoal e dos estudantes da Universidade da Coruña adherirse a este e facer cumprir a presente normativa.

A violación das normas anteriores será sancionada segundo o disposto no artigo 21 do Decreto 75/2001 de 22 de marzo (DOG 10 de abril de 2001).

DISPOSICIÓN FINAL

Aqueles centros da Universidade da Coruña que con data 28 de maio de 2004 tiveran normativa propia reguladora de espazos sen fume, poderán ser declarados polos seus órganos de dirección como Centros libres de Tabaco antes do 31 de decembro de 2005, debendo facer constar con claridade a dita condición na entrada dos edificios.

ENTRADA EN VIGOR

A presente normativa entrará en funcionamento o día 1 de outubro de 2004, co comezo do curso académico 2004-2005.