Lei dos consellos sociais do sistema universitario de galicia

(Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do 8 de maio de 2003, Nº 349)

PRESIDENCIA

O Parlamento de Galicia, na sesión do día 22 de abril de 2003,
aprobou a Lei dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

O que se publicará para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2003. 

José María García Leira 
Presidente

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O artigo 27.10 da Constitución de 1978 consagrou, por vez primeira no noso dereito, a autonomía das universidades, desenvolvida, pola súa vez, pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Esta lei fundaméntase na competencia plena que, segundo o artigo 31 do Estatuto de autonomía, exerce a Comunidade Autónoma de Galicia para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, incluídos, polo tanto, os estudios universitarios, e asemade no disposto no artigo 14 da Lei orgánica 6/2001, que lles atribúe ás comunidades autónomas a competencia lexislativa para a regulación dos Consellos Sociais das universidades da súa competencia, que será exercida con prontitude a teor das modificacións introducidas na configuración do órgano, que deixan obsoleta a normativa autonómica vixente. É esta, ademais, unha excelente oportunidade para aplicarlle á nova norma a experiencia acumulada desde a aprobación da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da universidade e do Consello Universitario de Galicia, modificada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema Universitario de Galicia.

Esta lei aséntase na firme convicción de que os poderes públicos, as universidades e a sociedade deben compartir esforzos e responsabilidades de cara ó común obxectivo de acada-la máxima calidade e a máxima eficacia na prestación do servicio público de ensino superior universitario.

O Consello Social é o órgano de goberno da universidade, que garantirá a participación das forzas sociais e colaborará na obtención dos recursos necesarios para acada-lo máximo autofinanciamento da institución universitaria.

Así mesmo, o Consello Social fará posible que os membros da comunidade universitaria cumpran coas súas respectivas responsabilidades, co fin de satisface-las necesidades educativas, científicas e profesionais da sociedade e, ó mesmo tempo, que as universidades rendan contas á sociedade do uso dos seus recursos. A lexitimidade do órgano descansa, pois, na súa pretensión de aproxima-la universidade á sociedade, de tender unha ponte entre ambas, que permita harmoniza-las preferencias académicas e as sociais e asegure o emprego adecuado dos medios postos a disposición daquela.

É por iso que esta regulación configura o Consello Social como peza angular da estructura universitaria, na medida en que a súa función é a de servir de instrumento para garanti-la participación das diversas forzas sociais no seu goberno e procura-la implicación das universidades no desenvolvemento de Galicia.

O capítulo I, tras acouta-la extensión da eficacia desta lei, procede a definir e a fixa-las funcións do Consello Social, establecendo coa máxima claridade as súas competencias, de acordo coas novas orientacións da Lei orgánica 6/2001. Finalmente, o artigo 6 refírese ás relacións do Consello Social coas demais instancias da universidade, cos órganos autonómico e estatal de avaliación externa e mais coas restantes institucións e organismos cos que comparta algunha das súas competencias.

No capítulo II  establécese unha composición do Consello Social que procura garanti-la máxima representatividade dos principais intereses sociais e o respecto ó estipulado na Lei orgánica 6/2001, e determina, ademais, o estatuto xurídico dos seus integrantes, prestando unha especial atención ós seus dereitos e deberes, todo isto a prol da transparencia e operatividade no funcionamento do órgano.

O capítulo III  aborda os aspectos básicos da organización e de funcionamento do Consello Social, e remite a un regulamento que elaborará o propio órgano.

 E o capítulo IV completa  a regulación do Consello Social no que se refire ó seu orzamento e á organización de apoio que lle permita o exercicio das súas funcións.

CAPÍTULO I

Definición, funcións e competencias do Consello Social

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación da lei

Esta lei ten por obxecto a regulación do Consello Social de cada unha das universidades públicas que integran o Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 2. Definición e funcións do Consello Social

  1. O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega nas universidades comprendidas no artigo anterior que impulsa a colaboración entre estas e aquela mediante a satisfacción polas universidades das necesidades do seu contorno, contribuíndo eficazmente ó desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, á mellora da calidade do servicio público da educación superior universitaria e mais á obtención dos recursos precisos para procura-la súa suficiencia económica e financeira.
  2. Para o cumprimento destas funcións, o Consello Social terá as competencias determinadas nesta lei e calquera outra que lle recoñeza a normativa vixente.

Artigo 3. Competencias de relación entre a universidade e a sociedade

Correspóndenlle ó Consello Social as seguintes competencias de relación entre a universidade e a sociedade:

a) Promove-lo coñecemento mutuo entre a universidade e a sociedade, favorecendo e organizando eventos que difundan nesta o labor universitario e transmitíndolle a aquela as aspiracións das forzas sociais de Galicia.

b) Fomenta-la colaboración da sociedade no financiamento da ensinanza e da investigación da universidade, contribuíndo á captación de recursos económicos externos.

c) Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que lles remitirá ó Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia universitaria.

d) Realizar estudios sobre materias da súa competencia e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudios da universidade ás necesidades sociais; sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral dos titulados universitarios, e sobre a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta, e mais sobre calquera outra cuestión proposta pola consellería competente en materia universitaria, de acordo coas funcións propias deste órgano.

e) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento dos estudiantes universitarios ás demandas do mercado laboral e, en especial, a subscrición de convenios entre a universidade e outras entidades públicas e privadas orientadas a completa-la formación dos alumnos e titulados da universidade e facilita-lo seu acceso ó mundo profesional.

f) Estimula-la actividade investigadora da universidade, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores productivos, apoiando os proxectos de investigación e desenvolvemento compartidos entre a universidade, as empresas e o tecido social, así como as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.

g) Favorece-las actividades orientadas a completa-la formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando a súa extensión ó conxunto da sociedade galega.

h) Outorgar, se é o caso, premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas competencias.

Artigo 4. Competencias de carácter económico, financeiro e patrimonial

Correspóndenlle ó Consello Social as seguintes competencias de carácter económico, financeiro e patrimonial:

a) Supervisa-las actividades de carácter económico da universidade.

b) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da universidade, así como realiza-lo seu seguimento.

c) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da universidade.

Os órganos responsables da execución do orzamento deberán informar ó Consello Social do estado de execución nas condicións que determine o seu Regulamento de Organización e Funcionamento.

d) Aprobar, con carácter previo ó seu rendemento ante o órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma, as contas anuais da universidade e das sociedades, fundacións ou outras entidades nas que a universidade teña participación maioritaria no seu capital ou fondo patrimonial equivalente, calquera que sexa a forma xurídica que adopten estas, podendo o Consello Social acordar motivadamente a realización de auditorías externas.

e) Fixa-los prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas polas universidades, así como emitir informe en materia de prezos públicos dos estudios universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza o Consello de Coordinación Universitaria.

f) Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.

g) Emitir informe sobre o  cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da universidade, con especificación da totalidade dos seus custos , das súas modificacións e dos gastos que supoñen, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado pola universidade.

h) Acordar, por proposta do Consello de Goberno da universidade e dentro dos límites fixados pola Comunidade Autónoma, a asignación singular e individual de retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e investigador da universidade, logo da valoración daqueles pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, se é o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación ou por calquera outro órgano de avaliación que leis doutras Comunidades Autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma Galega. O Consello Social poderá solicitar informe dos centros ós que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado por tales acordos, co obxecto de motiva-la súa decisión.

i) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal de administración e servicios da universidade, as súas modificacións e os gastos que supoñen, con especificación da totalidade dos seus custos , así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal de administración e servicios en réxime laboral da universidade.

k)Aprobar, a proposta do Consello do Goberno, os regulamentos internos que regulan a xestión contractual e patrimonial da universidade.

l)Ser informado dos contratos ou convenios nos que a universidade sexa parte e daqueles que se formalicen ó amparo do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

m)Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposicións sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. Para tal efecto as Universidades contarán cun inventario, que deberán remitirlle ó Consello Social de acordo co que se estipule no seu regulamento de réxime interno.

n)Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola universidade de herdanzas, doazóns ou legados.

ñ)Emitir informe sobre a creación ou adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.

o)Aproba-la creación, modificación substancial ou extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades nas que a universidade teña participación no seu capital ou fondo patrimonial, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, así como a súa integración nelas.

Artigo 5. Competencias de supervisión das actividades universitarias e relativas á actividade do Consello Social

Correspóndenlle ó Consello Social as seguintes competencias de xestión universitaria e relativas á súa propia actividade:

a) Supervisa-lo rendemento e a calidade dos servicios universitarios formulándolle, se é o caso, suxestións e propostas ó Consello de Goberno da universidade, orientadas a promove-la excelencia do ensino, da investigación, daxestión e dos servicios.

b) Solicitar, se é o caso, das administracións públicas a realización de informes e inspeccións dos servicios que presta a universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servicios, oído o Consello de Goberno.

c) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da Universidade, a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

d) Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da Universidade, a creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

e) Propoñelle á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da Universidade, e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou dos acordos de desadscrición, á universidade de centros docentes para impartir estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

f) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da Universidade, a creación ou supresión de institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

g) Propoñerlle á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou os convenios ou acordos de desadscrición á universidade de institucións ou centros de investigación como institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.

h) Propoñer motivadamente, para a súa posterior aprobación pola Xunta de Galicia, a creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes da universidade para a impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como a impartición en centros dependentes da universidade de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.

i) Acordar, co rector, nos termos previstos na Lei Orgánica de Universidades, o nomeamento do xerente.

k)Emitir informe sobre os procedementos que estableza a universidade para a admisión de estudiantes.

l)Aprobar, tralo informe do Consello de Coordinación Universitaria, as normas que regulen o progreso e permanencia dos estudiantes na universidade.

m)Promover, co obxecto de que ninguén quede excluído do estudio na universidade por razóns económicas, as bases da política de bolsas, axudas e créditos para o estudio e a investigación que, se é o caso, outorgue a universidade con cargo ós seus orzamentos, así como propoñerlles ás restantes administracións competentes a adopción de medidas con relación ás súas políticas de bolsas, axudas e créditos ós estudiantes universitarios.

n)Designar, de entre os seus membros pertencentes á representación social, os representantes do Consello Social nas entidades e institucións que corresponda e, en particular, os tres representantes do órgano no Consello de Goberno da universidade.

ñ)Propoñerlle o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designase, trala declaración da súa situación de incompatibilidade ou incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

o)Emitirlle informe á Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros, de acordo co disposto no artigo 11.2.f ) da presente Lei.

p)Acorda-la constitución de comisións temporais.

q)Aprobar e modifica-lo seu Regulamento de Organización e Funcionamento, de acordo co establecido no artigo 22.

Artigo 6. Relacións de cooperación

No exercicio das súas funcións, o Consello Social, a través do seu presidente, poderá solicita-la colaboración de persoas físicas e xurídicas, pertencentes ou non ó ámbito universitario, así como consegui-la información que precise de tódolos órganos da universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación.

No ámbito das súas competencias, poderá manter relacións de colaboración con outras institucións e organismos nacionais ou estranxeiros.

CAPÍTULO II

Membros do Consello Social

Artigo 7. Composición do Consello Social

  1. O Consello Social está integrado por un máximo de vinteoito membros, que se designarán consonte o disposto nos apartados seguintes.
  2. Son membros natos do Consello Social o rector da universidade, o secretario xeral e o xerente da universidade.
    Así mesmo, serán membros do Consello Social un profesor, un estudiante e un representante do persoal de administración e servicios, elixidos polo Consello de Goberno da universidade de entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos. En todo caso, os nomeamentos serán publicados noDiario Oficial de Galicia.
  3. A representación dos intereses sociais no Consello Social correspóndelle a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución:
    1. O presidente do Consello Social, designado consonte o disposto no artigo 17.1.
    2. Seis membros designados polo Parlamento de Galicia.
    3. Seis membros designados pola Xunta de Galicia.
    4. Dous membros designados polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
    5. Catro membros designados polas organizacións empresariais mais representativas dos sectores estratéxicos da economía galega, na area de influencia de universidade.
    6. Un membro designado polas corporacións dos concellos nos que se localizan os campus.
  4. O presidente do Consello Social será nomeado por decreto do Presidente da Xunta de Galicia. Os restantes acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados ó conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ó seu nomeamento mediante orde da súa consellería. O decreto e as ordes de nomeamento deberán publicarse noDiario Oficial de Galicia.
  5. A condición de membro do Consello Social adquírese, unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación noDiario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Artigo 8. Incompatibilidades

Os membros do Consello Social estarán suxeitos ó réxime previsto na vixente Lei de incompatibilidades e nas demais normas reguladoras.

Artigo 9. Duración do mandato.

  1. A duración do mandato dos membros do Consello Social, sinalados no parágrafo segundo do artigo 7.2, será establecida polos estatutos da universidade.
  2. A duración do mandato dos membros do Consello Social, sinalados no artigo 7.3, será de catro anos, renovable por unha soa vez.

Artigo 10. Cesamento e substitución

  1. Os membros do Consello Social cesarán:
    1. Por expiración do período de mandato.
      Non obstante, continuarán nas súas funcións deica a toma de posesión dos novos membros.
    2. Por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento.
      A renuncia deberá presentárselles por escrito á autoridade, entidade ou institución designante, e ó Presidente do Consello Social quen lla comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase noDiario Oficial de Galicia, data desde a que producirá efectos.
    3. Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público.
    4. Por decisión da autoridade, entidade ou institución que o designase, nos casos previstos no artigo 12.
  2. As vacantes que se produzan antes da finalización do mandato deberán cubrirse pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do dito prazo ó conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante deica a finalización do
    correspondente mandato.
    En todo caso, o membro substituto entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

Artigo 11. Dereitos

  1. Os membros do Consello Social desenvolverán as súas competencias velando polos intereses xerais da institución universitaria.
    Desempeñarán os seus cargos persoalmente, sen que poidan delega-las súas competencias nin o seu voto en ningún caso.
  2. Ademais dos que lles corresponden ós integrantes dun órgano colexiado e os que lles poida recoñece-lo Regulamento de Organización e Funcionamento e a restante normativa vixente, os membros do Consello Social teñen os seguintes dereitos:
    1. Presentar mocións ou suxestións para a deliberación e adopción de acordos ou recomendacións polo Pleno ou para o seu estudio nunha comisión.
    2. Recibir, cunha antelación razoable, a convocatoria, que conterá a orde do día das sesións ordinarias e extraordinarias.
    3. Asistir con voz ás sesións dos órganos dos que formen parte, exerce-lo seu dereito de voto e formular votos particulares.
    4. Ser informados de canto aconteza no Consello Social e que interese para o seu bo funcionamento.
    5. Conseguir, a través do presidente do Consello Social, canta información, datos ou documentos consideren necesarios para o exercicio das súas funcións.
    6. Percibi-las retribucións ou indemnizacións que aprobe a Xunta de Galicia, tralo informe dos consellos sociais das universidades comprendidas no artigo 1. En todo caso, os órganos unipersoais ós que se refire o artigo 13 só percibirán axudas de custo e locomoción no exercicio dos seus cargos.

Artigo 12. Deberes

Ademais dos que poida establece-lo Regulamento de Organización e Funcionamento e a restante normativa vixente, os membros do Consello Social teñen os seguintes deberes:

a) Asistir ás sesións do Pleno e ás das comisións das que formen parte.

b) Executar cantas tarefas lles sexan encomendadas por razón dos seus cargos.

c) Poñer en coñecemento do consello calquera información que poida afectar ás actuacións ou competencias do consello.

d) Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren reservadas.

e) Observar en todo momento a normativa de incompatibilidades.

O Regulamento de Organización e Funcionamento establecerá un procedemento para que, no caso de que algún membro incumprise grave ou reiteradamente as súas obrigas, o Pleno lle propoña razoadamente o seu cesamento á autoridade, entidade ou institución que o designase.

CAPÍTULO III

Organización e funcionamento do Consello Social

Artigo 13. Estructura interna

  1. O Consello Social estructúrase en órganos colexiados e unipersoais.
  2. Son órganos colexiados, o Pleno e, se é o caso, a Comisión Executiva e as demais comisións que estableza o Regulamento de Organización e Funcionamento ou que o Pleno acorde constituír.
  3. Son órganos unipersoais, a Presidencia, a Secretaría e, se é o caso, unha ou varias Vicepresidencias, de acordo co que dispoña o Regulamento de Organización e Funcionamento.

Artigo 14. Pleno

O Pleno do Consello Social é o seu máximo órgano de goberno, e está integrado por tódolos seus membros. Exerce con carácter indelegable a competencia decisoria nas materias ás que se refiren os artigos 3. c) e h), 4, agás as letras a), g), i), l) e n), e 5, agás as letras a), h), k) e o), todos eles desta Lei , así como as restantes que teña recoñecidas o Consello Social en tanto non se encontren encomendadas a outros dos seus órganos.

Artigo 15. Periodicidade das sesións

O Pleno do Consello Social reunirase con carácter ordinario polo menos catro veces ó ano, e poderá facelo con carácter extraordinario cando así o acorde o presidente ou o soliciten por escrito seis dos seus membros ou o rector da universidade. No escrito de solicitude faranse constar, como mínimo, os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día, e o presidente deberá convoca-lo Pleno no prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.

Artigo 16. Comisións

  1. O Regulamento de Organización e Funcionamento pode preve-la existencia dunha comisión executiva, á que lle corresponde a dirección ordinaria do Consello Social, e cantas comisións permanentes se xulguen necesarias para o cumprimento das funcións do órgano. O regulamento determinará tamén o procedemento para a constitución polo Pleno de comisións temporais.
  2. A función das comisións consistirá en estudiar, deliberar e propoñerlle ó Pleno a adopción de decisións sobre materias que lles fosen atribuídas polo Regulamento de Organización e Funcionamento ou polo acordo de constitución. Non obstante, gozarán de capacidade decisoria naqueles asuntos da súa competencia que determine expresamente o regulamento ou o seu acordo de constitución ou ben por delegación do Pleno, en todo caso en materias susceptibles desta.
  3. O pleno poderá, en todo momento, reclamar para si o coñecemento de calquera asunto que se estivese examinando nunha comisión.

Artigo 17. Presidencia

  1. O presidente do Consello Social será designado polo presidente da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta do conselleiro competente en materia universitaria, logo de comunicación ó rector da universidade.
  2. O seu mandato é de catro anos, renovable por unha soa vez, e seralle  aplicable o disposto no artigo 10.
  3. Exerce, no Pleno e en tódalas comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade no caso de empate, e aquelas que lle encomendan esta lei, o Regulamento de Organización e Funcionamento e a restante normativa vixente.

Artigo 18 Vicepresidencia

O Regulamento de Organización e Funcionamento poderá preve-la existencia dun ou varios vicepresidentes, designados entre os membros ós que se refire o artigo 7.3, que, pola orde que se estableza nel , substituirán ó presidente en no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal. No seu defecto, será suplido polo membro do Consello Social que, ó poder ser legalmente presidente, goce de maior antigüidade no órgano. De existir dous ou máis membros coa mesma antigüidade exercerá as funciones da Presidencia o de maior idade.

Artigo 19. Secretaría

  1. O secretario do Consello Social será designado e cesado por decisión do seu presidente. Se a designación recaese nunha persoa que non fose membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.
  2. Exerce, no Pleno e en tódalas comisións, as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado e aquelas que lle encomenda esta lei, o Regulamento de Organización e Funcionamento do Consello Social e a restante normativa vixente.

Artigo 20. Sesións

  1. As sesións do pleno e das comisións poderán ser ordinarias e extraordinarias. De acordo co establecido nesta lei, o Regulamento de Organización e Funcionamento determinará o número e a periodicidade das sesións ordinarias, cun mínimo de catro ó ano, así como os requisitos e procedemento para a convocatoria das extraordinarias.
  2. O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados do Consello Social, así como para a deliberación e adopción de decisións no seu seo, será da metade máis un do número de membros do órgano con dereito a voto.
  3. Adoptarán as súas decisións por maioría simple de votos, agás naquelas materias para as que o Regulamento de Organización e Funcionamento a eleve. O regulamento tamén establecerá os tipos e formalidades das votacións.
    Non poderá ser obxecto de deliberación ou decisión ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes tódolos membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría absoluta.
  4. A Presidencia do Consello Social, por propia iniciativa ou, se é o caso, a instancia da Comisión Executiva, pode invitar a asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz e sen voto, a persoas expertas e membros da comunidade universitaria, de acordo coa natureza dos asuntos que se vaian tratar.
    Poderá tamén solicita-la comparecencia ante o Pleno ou ante as comisións dos membros do Consello de Dirección da universidade, do persoal ou alumnado desta, ou de representantes de calquera entidade ou institución pública ou privada.

Artigo 21. Réxime xurídico das decisións do Consello Social

  1. As decisións que tome o Pleno do Consello Social en materias da súa competencia, ou as comisións por delegación deste, adoptarán a forma de acordos, que esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, sen prexuízo da previa interposición dun recurso potestativo de reposición. Non obstante, as tomadas por comisións no exercicio de competencias propias poderan ser obxeto de recurso en alzada ante o Pleno do consello nos termos establecidos pola lexislación básica do procedemento administrativo común.
    Nos demais casos, as decisións do Consello adoptarán a forma de recomendacións e non terán carácter vinculante.
  2. Os acordos adoptados polo Consello Social posúen executividade inmediata. O seu secretario, co visto e prace do seu presidente, remitiralle inmediatamente unha certificación dos acordos ó rectorado, así como a cantos órganos, servicios e dependencias da universidade garden relación competencial cos asuntos aprobados.
    Deberán notificárselles ós interesados conforme á normativa vixente e publicaranse noDiario Oficial de Galiciacon carácter previo á súa entrada en vigor cando así o decida o órgano do Consello Social que os aprobase ou o determine o Regulamento de Organización e Funcionamento.
  3. Aqueles acordos do Consello Social, que deban serlles elevados ós órganos da Comunidade Autónoma de Galicia, cursaranse a través da consellería competente en materia universitaria.

Artigo 22. Regulamento de Organización e Funcionamento

  1. O Consello Social elaborará, con suxeición ó disposto nesta lei e elevará para a súa publicación noDiario Oficial de Galicia, o seu Regulamento de Organización e Funcionamento, que entrará en vigor o día seguinte á publicación.
    Ó transcorrer tres meses desde a elevación do regulamento sen que recaese resolución expresa, entenderase aprobado, e o presidente do Consello Social deberá proceder á súa publicación noDiario Oficial de Galicia.
    O disposto nos parágrafos anteriores observarase tamén para as súas modificacións.
  2. En todo aquelo que no estea especificamente regulado nesta lei e no Regulamento de Organización e Funcionamento será aplicable a normativa reguladora dos órganos colexiados.

CAPÍTULO IV

Medios económicos, materiais e persoais ó servicio do Consello Social

Artigo 23. Orzamento

O Consello Social elaborará a súa partida específica, que figurará dentro dos orzamentos da universidade, e nela garantirase en todo caso a suficiencia dos recursos asignados para o cumprimento das súas funcións.

Artigo 24. Medios materiais e persoais

O Consello Social valerase do persoal de administración e servicios adecuado para o seu funcionamento, obrigándose a Universidade a garanti-lo disposto no artigo 14.4 da Lei Orgánica de Universidades.

Disposición adicional única: Consellos sociais de universidades de nova creación

O disposto no apartado primeiro das disposicións transitorias primeira e segunda seralles aplicable, coas oportunas adaptacións, ós consellos sociais de universidades de nova creación, e o prazo de tres meses establecido na disposición transitoria primeira computarase desde a aprobación dos estatutos da universidade.

Disposición transitoria primeira. Designación e nomeamento dos novos membros

  1. No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, as autoridades, entidades e institucións sinaladas no artigo 7.3 deberán comunicarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os seus representantes nos consellos sociais, consonte as condicións previstas no artigo 7.
    No mesmo prazo deberán facelo tamén as xuntas de goberno ou, se é o caso, os consellos de goberno das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, que designarán de entre os seus membros os seus representantes no seu Consello Social, de acordo co que dispoñan os propios estatutos ou, de estes non estaren adaptados ás previsións da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, mediante o procedemento que aprobe para o efecto a respectiva xunta ou consello de goberno.
    Ó recibi-las comunicacións ás que se refiren os parágrafos anteriores , procederase á renovación dos consellos sociais mediante o nomeamento dos seus novos membros, segundo o disposto no artigo 7.
  2. En tanto non se produza a renovación dos consellos sociais, continuarán en funcións os seus actuais membros.

Disposición transitoria segunda. Aprobación dos novos regulamentos

  1. Os consellos sociais das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, no prazo máximo de tres meses desde a súa completa renovación, conforme ó disposto na disposición transitoria primeira, elaborarán e elevarán, para a súa publicación noDiario Oficial de Galicia, os seus respectivos regulamentos de organización e funcionamento, de acordo co establecido no artigo 21.
  2. En tanto non se produza a aprobación dos novos regulamentos, manterán a súa vixencia os actuais en canto non se opoñan ó disposto nesta lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogados o título primeiro e as disposicións adicionais, transitoria e derradeiras da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da universidade e o Consello Universitario de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

O Consello da Xunta , no ámbito das súas competencias, poderá dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte á súa publicación noDiario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2003. 

JOSÉ MARÍA GARCÍA LEIRA 

Presidente