Regulamento de doutoramento

(Aprobado na Xunta de Goberno do 9 de xuño de 1999 e modificado nos Consellos de Goberno do 22 de xullo de 2005 e do 30 de outubro de 2008)

CAPÍTULO PRELIMINAR. Disposicións Xerais

Artigo 1. Normativa aplicable

Os estudos de terceiro ciclo conducentes á obtención do título de doutor pola Universidade da Coruña rexeranse polo disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, polo Real Decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, e polas demais disposicións sobre a materia reguladas polo Estado e pola Comunidade Autónoma de Galicia, os Estatutos da Universidade da Coruña e polo presente regulamento.

Artigo 2. Requisitos para a obtención do título de doutor

Para a obtención do título de doutor pola Universidade da Coruña será necesario estar en posesión do título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro ou equivalente ou homologado a eles, superar os cursos e realizar os traballos de investigación tutelados integrados nun programa de doutoramento e presentar e aprobar nesta universidade unha tese de doutoramento.

CAPÍTULO I. Sobre os programas de doutoramento

Artigo 3. Estrutura, creación e aprobación dos programas

  1. Os cursos ou programas de doutoramento terán unha duración mínima de dous anos académicos e terán como finalidade a especialización do doutorando nun campo científico, técnico ou artístico determinado, dentro dunha área de coñecemento ou en relación interdisciplinar entre varias delas, así como a súa formación nas técnicas de investigación e o seu perfeccionamento nelas.
  2. Os programas de doutoramento poderán ser unidepartamentais ou interdepartamentais, de acordo co número de departamentos que interveñan na realización deles. Serán considerados programas de carácter interdepartamental aqueles en que haxa máis dun departamento implicado, por acordo do seu Consello, no programa de doutoramento.
  3. Cada programa de doutoramento será realizado baixo a dirección, coordinación, supervisión e responsabilidade académica dun departamento da universidade. No caso dun programa interdepartamental, existirá un departamento responsable da coordinación e organización académica e administrativa deste, mais serán corresponsables científicos todos os departamentos implicados no programa, correspondéndolles a todos eles a fixación dos criterios de admisión de alumnos, a selección destes, o nomeamento de titores e o compromiso de dirección de teses.
  4. Para efectos organizativos, os departamentos designarán un coordinador responsable de cada programa, que será necesariamente doutor.
  5. A creación dun programa de doutoramento realizarase por proposta do Consello de Departamento responsable e deberá ser aprobada pola Comisión de Doutoramento de conformidade coas directrices xerais que na materia acordara a Xunta de Goberno. En caso de non aceptación da proposta, o departamento propoñente poderá recorrer perante a Xunta de Goberno da Universidade.
  6. A proposta de creación dun programa deberá especificar:
    Nome do departamento responsable do programa e dos departamentos implicados nel, cando se trate de programas interdepartamentais, así como relación das áreas de coñecemento que interveñen no programa.
    1. Nome do/a coordinador/a do programa.
    2. Obxectivos académicos e científicos do programa.
    3. Relación de doutores que participarán inicialmente no programa de doutoramento.
    4. Cursos e seminarios que se realizarán o primeiro ano de implantación do programa, de acordo co previsto nos artigos 4 e 5 do presente regulamento.
    5. Relación de traballos de investigación tutelados que poden realizarse baixo a dirección de doutores participantes no programa, de acordo co previsto nos artigos 4 e 5 do presente regulamento.
    6. Número máximo de estudantes que se admitirán o primeiro ano no programa. O número máximo establecido de estudantes non poderá ser inferior a dez.
    7. Criterios de admisión dos aspirantes, debidamente xustificados.
  7. Cando un departamento desexe extinguir un programa de doutoramento deberá comunicalo á Comisión de Doutoramento cun ano de antelación.
  8. Os institutos universitarios poderán propoñer e coordinar programas de doutoramento baixo a dirección académica dun ou máis departamentos. Os constituídos de conformidade co artigo 10.1 da Lei orgánica 11/1983 do 25 de agosto exercerán as funcións atribuídas aos departamentos neste regulamento nos termos que se establezan.

Artigo 4. Contido dos programas

  1. Os programas de doutoramento deberán comprender:
    1. Cursos ou seminarios sobre os contidos fundamentais dos campos científicos, técnicos ou artísticos aos que estiver dedicado o programa de doutoramento correspondente (A). Estes cursos non poderán ter asignados menos de tres créditos.
    2. Cursos ou seminarios relacionados coa metodoloxía e formación en técnicas de investigación (B).
    3. Cursos ou seminarios relacionados con campos afíns ao do programa e que sexan de interese para o proxecto de tese de doutoramento do/a doutorando/a (C).
    4. Traballos de investigación tutelados.
    A obtención dos créditos asignados aos citados cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados requirirá a cualificación de aprobado, notable ou sobresaliente.
  2. A Comisión de Doutoramento velará pola coherencia de cada programa.
  3. Un mesmo curso ou seminario poderá formar parte de varios programas de doutoramento, aínda que estes sexan de carácter unidepartamental.
  4. Os programas de doutoramento poderán incluír cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados que se desenvolvan en institutos universitarios ou en calquera outro organismo público ou privado de investigación, nacional ou estranxeiro, que pertenza á universidade ou subscriba con ela convenios con eses fins.
  5. Os traballos de investigación aos que alude o parágrafo d) do apartado primeiro deste artigo poderán ser tutelados, após autorización expresa do Consello de Departamento responsable, por un/unha doutor/a que non sexa
    membro deste, tendo en conta o previsto no artigo 7 deste regulamento.
  6. Dentro de cada programa e no plano docente de cada ano deberán impartirse, polo menos, 33 créditos e deberán figurar cursos dos tipos A, B e C a que se alude no apartado 1 deste mesmo artigo. Destes créditos, polo menos 21 deberán ser do tipo A (sobre contidos fundamentais).

Artigo 5. Elaboración dos programas

  1. Cada ano, nas datas que se establezan, o Consello de cada departamento responsable dun programa de doutoramento proporá a relación de cursos e de traballos de investigación tutelados que ofrecerá dentro do seu programa para o próximo curso académico.
    A descrición de cada curso incluirá:
    1. O número de créditos propostos.
    2. O tipo de curso (A, B ou C, de acordo co previsto no artigo anterior. No caso de cursos de tipo A, o número mínimo de créditos será de tres.
    3. O/A profesor/a ou profesores que o impartirán. No caso de ser impartido por máis dun/dunha profesor/a, indicarase claramente o/a profesor/a responsable do curso.
    4. Unha breve descrición dos obxectivos docentes e un programa esquemático do curso.
    5. O número mínimo de alumnos que deberán matricularse no curso para que este poida impartirse. Este número non poderá ser inferior a tres.
    A descrición de cada traballo de investigación tutelado incluirá:
    1. O número de créditos propostos, que non poderá ser superior a 6.
    2. O/A profesor/a responsable.
    3. Unha breve descrición dos contidos.
  2. A Comisión de Doutoramento asignará a cada un dos cursos e traballos de investigación tutelados, vista a proposta dos departamentos, un número de créditos. Para esta asignación terase en conta, polo que respecta aos cursos, a duración destes, dado que cada crédito asignado deberá corresponder a dez horas lectivas.
    Os acordos da Comisión respecto a cursos e traballos de investigación tutelados serán notificados aos departamentos responsables destes, que poderán presentar as alegacións que estimaren oportunas no prazo fixado.
  3. A Comisión de Doutoramento fará pública a relación de programas de doutoramento para o ano académico seguinte. Nesta relación incluirase, para cada programa de doutoramento:
    1. O departamento responsable do mesmo.
    2. Outros departamentos participantes, se for o caso.
    3. O/A profesor/a coordinador/a do programa.
    4. Caso de se limitar o número máximo de prazas, este número non poderá ser inferior a dez.
    5. O período lectivo.
    6. Os cursos ofertados con indicación do número de créditos asignados a cada un e do/a profesor/a ou profesores que o impartirán.
    7. Os traballos de investigación tutelados que se ofertan con indicación do número de créditos asignados a cada un e do/a profesor/a responsable.
    8. Os criterios de admisión dos estudantes.

Artigo 6. Infraestrutura para o desenvolvemento dos programas

A infraestrutura necesaria para o desenvolvemento dos programas correrá a cargo dos departamentos responsables da impartición dos diferentes cursos ou seminarios. A universidade habilitará os recursos que considere oportunos a tal fin.

Artigo 7. Profesorado dos programas de doutoramento

  1. Para asumir tarefas docentes e investigadoras en relación cos programas de doutoramento deberase estar en posesión do título de doutor.
  2. Se pola especificidade dun programa se considerase necesario, o departamento responsable poderá incorporar a este doutores alleos á universidade. Neste caso coa proposta do programa acompañarase a acreditación do título de doutor. En todo caso, os departamentos deberán garantir os recursos precisos para esta incorporación.

CAPÍTULO II. Sobre o acceso e a admisión nos programas de doutoramento

Artigo 8. Acceso aos programas de doutoramento

Os aspirantes poderán acceder a calquera programa de doutoramento relacionado cientificamente co seu currículo universitario tras a admisión, conforme ao disposto neste capítulo.

En caso de que o aspirante solicite o acceso a un programa de doutoramento distinto aos recollidos no parágrafo anterior, a Comisión de Doutoramento resolverá, previamente á admisión, sobre a posibilidade de acceso aos estudos correspondentes.

Artigo 9. Admisión de titulados españois

Os licenciados, enxeñeiros ou arquitectos por calquera universidade que desexaren realizar o doutoramento na Universidade da Coruña deberán solicitar a súa admisión nun programa de doutoramento, para o cal presentarán a súa solicitude, acompañada dun currículo, no prazo e forma que cada ano estableza a Comisión de Doutoramento e no departamento correspondente.

Artigo 10. Admisión de titulados estranxeiros

  1. Os estudantes españois ou estranxeiros que estiveren en posesión do título de licenciado ou nivel académico equivalente, obtido nunha universidade ou centro de ensino superior estranxeiro, e desexaren cursar na Universidade da Coruña estudos de doutoramento, poderán acceder a estes tras a homologación do seu título estranxeiro e de acordo co réxime xeral establecido no Real Decreto 56/2005, de 21 de xaneiro, e neste regulamento.
  2. Os estudantes mencionados no apartado anterior poderán, non obstante, acceder aos estudos de doutoramento sen necesidade de os seus títulos seren previamente homologados, de acordo coa seguinte previsión:
    A solicitude de acceso aos estudos deberá dirixirse ao/á reitor/a da universidade quen, tras a comprobación de que o título estranxeiro presentado pola persoa interesada corresponde ao nivel de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, resolverá con carácter previo sobre a posibilidade de acceso aos estudos correspondentes. Admitida a solicitude, a persoa interesada someterase ao réxime xeral establecido neste regulamento. Para os efectos de procedemento, a solicitude dirixida ao/á reitor/a deberá ir acompañada da seguinte documentación que deberá presentarse convenientemente legalizada:
    1. Título da licenciatura ou nivel académico equivalente.
    2. Planos de estudos.
    3. Certificación académica.
    4. Programas e carga lectiva das materias cursadas.
  3. No suposto a que se refire o apartado 2, o acceso aos estudos de doutoramento non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión a persoa interesada nin o recoñecemento deste a outros efectos que o de cursar os mencionados estudos de doutoramento.

Artigo 11. Relación de persoas admitidas nun programa

  1. O Consello de Departamento responsable decidirá sobre a admisión dos estudantes de acordo cos criterios de selección do programa de doutoramento correspondente.
  2. Os prazos para a publicación das relacións provisional e definitiva de admitidos nun programa ateranse ao calendario aprobado pola Comisión de Doutoramento.
  3. Os aspirantes non admitidos na relación provisional poderán presentar reclamación perante o Consello do Departamento responsable no prazo de cinco días hábiles desde a publicación da citada lista provisional. Se se desestimase a reclamación contra a lista provisional, os aspirantes non admitidos poderán interpoñer nova reclamación contra a lista definitiva de persoas admitidas perante a Comisión de Doutoramento.

Artigo 12. Traslado de alumnos

  1. De acordo coas posibilidades de oferta de programas de doutoramento, así como do contido destes, e á vista do número de alumnos matriculados neles, a Comisión de Doutoramento, oído o correspondente departamento, poderá admitir estudantes de doutoramento procedentes doutras universidades. A validación de créditos correspondentes a cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados, en cuxos créditos fose declarado apto noutra universidade será decidida pola Comisión de Doutoramento tras o informe do departamento responsable do programa e tendo en conta o disposto no Real Decreto 56/2005, de 21 de xaneiro, polo que respecta á obtención de certificados homologables en todas as universidades españolas.
  2. Estes alumnos quedarán sometidos ao réxime xeral da Universidade da Coruña e do departamento correspondente, en canto á aceptación do proxecto de tese, designación do/a director/a desta e demais requisitos procedementais establecidos neste regulamento, así como á previa obtención na Universidade da Coruña do recoñecemento de suficiencia investigadora, previsto no artigo 15 deste regulamento.

CAPÍTULO III. Sobre o desenvolvemento dos programas de doutoramento

Artigo 13. O/A titor/a

  1. Os estudantes de terceiro ciclo terán asignado un/unha titor/a, necesariamente doutor/a, membro dalgún dos departamentos ou institutos universitarios participantes no programa de doutoramento, que imparta cursos ou dirixa traballos de investigación tutelados nel, designado/a polo Consello do Departamento responsable do programa.
  2. A asignación de titores deberá preceder á formalización da matrícula dos estudantes.
  3. Serán funcións do/a titor/a, con carácter xeral, o seguimento da actividade do/a doutorando/a en relación coa docencia impartida no programa e, en particular, serán da súa competencia as seguintes cuestións:
    1. Orientar ao doutorando/a na elección dos cursos ou seminarios e dos traballos de investigación tutelados.
    2. Autorizar coa súa sinatura a matrícula do/a doutorando/a.
    3. Supervisar o seguimento do programa por parte do/a doutorando/a para os efectos de emitir informe previo ao recoñecemento da suficiencia investigadora.
    4. Autorizar a realización de ata un máximo de 5 créditos pola realización de cursos ou seminarios non recollidos no programa de doutoramento.
    5. Velar pola orixinalidade e calidade dos traballos presentados.

4. O/A titor/a poderá ser tamén o/a director/a da tese.

Artigo 14. Recoñecemento da suficiencia investigadora

  1. Previamente á defensa da tese de doutoramento, o/a doutorando/a deberá obter un mínimo de 32 créditos no programa en que estea adscrito, distribuídos en dous períodos da forma seguinte:
    1. Período de docencia
      No período de docencia o/a doutorando/a deberá completar un mínimo de 20 créditos en cursos dos recollidos nos parágrafos a), b) e c) do apartado un do artigo 4 deste regulamento. Polo menos 15 destes créditos deberán corresponder aos cursos recollidos no parágrafo a) anteriormente mencionado.
      O/a doutorando/a poderá completar ata un máximo de cinco créditos realizando cursos ou seminarios non incluídos no seu programa, tras a autorización do/a titor/a. O Consello do Departamento responsable comunicará á Comisión de Doutoramento a asignación destes créditos. A duración deste período de docencia non será inferior a un curso académico.
      A superación dos créditos sinalados neste apartado dará dereito ao/á doutorando/a á obtención dun certificado global que acreditará que a persoa interesada superou o período de docencia do terceiro ciclo de estudos universitarios. Na proposta de programa de doutoramento incluirase o procedemento polo que se determinará a cualificación global (aprobado, notable, sobresaliente) que resultará da media ponderada das cualificacións obtidas polo doutorando nos cursos e seminarios deste período de docencia. O certificado mencionado indicará o departamento responsable do programa e aqueloutros que colaboren nel.
    2. Período de investigación
      No período de investigación o/a doutorando/a deberá completar un mínimo de 12 créditos no desenvolvemento de varios traballos de investigación tutelados a realizar dentro do departamento ou dun dos departamentos que desenvolvan o programa a que está adscrito o/a doutorando/a. Para cursar este período de investigación será necesario completar previamente o mínimo de 20 créditos de docencia a que se refire a letra a) deste apartado. A duración deste período non será inferior a un curso académico. A superación deste segundo período esixirá a previa presentación ante o Consello do Departamento responsable do programa e a aprobación por dita Comisión do traballo ou traballos de investigación antes mencionados.
  2. Unha vez superados ambos os períodos, farase unha valoración dos coñecementos adquiridos polo/a doutorando/a. Esta valoración versará sobre os distintos cursos realizados polo/a doutorando/a durante o período de docencia e sobre os traballos de investigación tutelados realizados durante o período de investigación. A valoración realizarase en exposición pública que se efectuará ante un tribunal composto por tres membros doutores nomeados pola Comisión de Doutoramento por proposta do Consello do Departamento responsable do programa. Un dos membros deste tribunal será alleo ao departamento ou departamentos que interveñan na realización do programa, podendo ser doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas. Un dos membros deste tribunal, que ha de ser catedrático de universidade, actuará de presidente. Este tribunal nomearase por un período dun curso académico e será único para cada programa. O/A titor/a do/a doutorando/a emitirá un informe sobre o labor realizado por este/a durante os seus períodos docente e investigador, informe que remitirá ao tribunal.
    A superación desta valoración garantirá a suficiencia investigadora do/a doutorando/a e permitirá a obtención dun certificado-diploma acreditativo dos estudos avanzados realizados, que suporá para quen o obteña o recoñecemento ao labor realizado nunha determinada área de coñecemento e acreditará a súa suficiencia investigadora. O certificado-diploma mencionado indicará o departamento responsable do programa, os departamentos que colaboren adicionalmente neste (se os houber) e a área de coñecemento correspondente. Se hai varias áreas de coñecemento implicadas no programa de doutoramento, o certificado-diploma deberá vincularse pola Comisión de Doutoramento, por proposta do Consello do Departamento responsable, a unha delas.
    Obtida a suficiencia investigadora, todo licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, a quen lle fose aprobado o proxecto de tese de doutoramento polo Consello de Departamento de acordo co previsto no artigo 17 deste regulamento será considerado estudante do terceiro ciclo, sempre que o citado Consello lle acredite unha dedicación mínima de vinte horas semanais á realización da tese de doutoramento. Esta acreditación deberá renovarse anualmente.

CAPÍTULO IV. Sobre a tese de doutoramento

Artigo 15. A tese de doutoramento

As persoas que, unha vez obtida a suficiencia investigadora, aspiraren á obtención do título de doutor, deberán presentar e obter a aprobación da correspondente tese de doutoramento. A tese de doutoramento consistirá nun traballo persoal e orixinal de investigación sobre unha materia relacionada co campo científico, técnico ou artístico propio do programa de doutoramento.

Artigo 16. Director/a de tese

  1. Para a elaboración da tese de doutoramento, o Consello de Departamento responsable do programa de doutoramento asignaralle ao/á doutorando/a un/unha director/a de tese, que será un/unha doutor/a con experiencia investigadora acreditada. A tese poderá ser tamén codirixida por varios/as doutores/as.
  2. Para ser director/a de tese será necesario estar en posesión do título de doutor e ter vinculación permanente ou temporal con algún dos departamentos ou institutos universitarios que organicen o programa de doutoramento. Calquera outro/a doutor/a poderá ser director/a de tese, tras o acordo da Comisión de Doutoramento.
  3. Calquera cambio na dirección dunha tese esixirá a renuncia expresa do/a director/a desta. Caso de non producirse, o/a doutorando/a poderá solicitar, mediante escrito razoado ao Consello do Departamento responsable, o cambio de director/a de tese.

Artigo 17. Presentación do proxecto da tese de doutoramento

Antes da obtención da suficiencia investigadora, unha vez obtida, ou acompañando á súa solicitude, o/a doutorando/a presentará no Departamento correspondente un proxecto de tese de doutoramento avalado polo/a director/a ou directores/as desta, que consistirá nunha memoria explicativa do traballo que se pretende realizar. O proxecto de tese será sometido á aprobación do Consello do Departamento responsable nun prazo non superior a 30 días hábiles tras a súa presentación. A resolución do Consello comunicarase á Comisión de Doutoramento. En caso de resolución negativa, e por solicitude do/a alumno/a interesado ou do/a seu/súa director/a de tese, a Comisión de Doutoramento poderá solicitar informes de persoas expertas no tema da tese e elaborará a correspondente proposta ao Consello de Goberno.

Artigo 18. Admisión a trámite de lectura da tese de doutoramento

  1. Rematada a elaboración da tese de doutoramento, o/a director/a ou os/ as directores/as desta autorizarán a súa presentación. Esta autorización deberá acompañarse á tese de doutoramento para a súa posterior tramitación. Cando o/a director/a da tese non sexa profesor/a do departamento responsable do programa de doutoramento cursado polo/a doutorando/a, o/a titor/a ratificará, mediante escrito razoado, a autorización do/a director/a para a súa presentación.
  2. A tese de doutoramento redactarase en galego ou en castelán. En casos especiais, e após autorización expresa da Comisión de Doutoramento, poderase presentar e/ou defender noutro idioma dos oficiais en España, na Unión Europea ou en latín. Neste caso, a tese acompañarase dun resumo en galego ou en castelán, en que necesariamente se incluirá unha introdución, unha descrición da metodoloxía utilizada, as conclusións da tese e as contribucións máis relevantes desta. En todo caso, o departamento responsable debe contar coa autorización da Comisión de Doutoramento antes de realizar os trámites que se describen a continuación.
  3. A tese de doutoramento, tras a conformidade do Consello do Departamento responsable, presentarase á Comisión de Doutoramento que o comunicará a todos os departamentos e institutos universitarios. Para os efectos de dita presentación, o/a doutorando/a entregará no Rexistro do Terceiro Ciclo da Universidade dous exemplares da tese acompañados dos escritos de autorización do/a director/a ou directores/as da tese e do/a titor/a se proceder e coa conformidade do departamento responsable.
  4. Durante un prazo de quince días hábiles, a tese permanecerá en depósito, un exemplar na Comisión de Doutoramento e outro no departamento responsable do programa, para os efectos de que calquera doutor poida examinala e, se for o caso, dirixir por escrito á Comisión de Doutoramento as consideracións que estime oportunas. O mes de agosto non se considerará hábil para os efectos deste prazo.
  5. Cando, pola natureza do traballo de tese de doutoramento, non permitir a súa reprodución, o requisito da entrega de exemplares a que se refire o apartado 3 quedará cumprido co depósito do orixinal no Rexistro de Terceiro Ciclo da Universidade.
  6. Transcorrido o tempo de depósito, a Comisión de Doutoramento, á vista dos escritos recibidos e tras a consulta ao departamento e aos especialistas que estime oportunos, decidirá se se admite a tese a trámite ou se, polo contrario, procede retirala.

Artigo 19. O tribunal de lectura da tese de doutoramento

  1. Admitida a tese a trámite, o/a director/a do departamento correspondente solicitará da Comisión de Doutoramento, oído o/a directo/a da tese, o nomeamento do tribunal que ha de xulgala.
  2. O tribunal encargado de xulgar as tese de doutoramento será nomeado pola Comisión de Doutoramento, de entre dez especialistas na materia a que se refire a tese ou noutra que garde afinidade con ela, propostos polo Consello de Departamento responsable, oídos o/a director/a da tese e os/as especialistas que a comisión estime oportuno consultar.
    A proposta do departamento a que se refire o parágrafo anterior irá acompañada dun informe razoado sobre a idoneidade de todos e cada un dos membros propostos para constituír o tribunal. Neste informe farase constar, para os membros que non pertenzan aos corpos docentes universitarios, a mención de "Doutor pola Universidade de..." e o ano de obtención do título. En todos os casos se especificarán os méritos máis relevantes que fan a cada membro idóneo para formar parte do tribunal.
  3. O tribunal estará constituído por cinco membros titulares e dous suplentes, todos eles doutores, españois ou estranxeiros, con experiencia investigadora acreditada. En ningún caso poderán formar parte do tribunal máis de dous membros da Universidade da Coruña. Tampouco poderán formar parte do tribunal máis de dous membros de calquera outra universidade con que se comparta a responsabilidade da expedición do título, se se dá o caso.
    Os profesores pertencentes aos corpos docentes universitarios poderán formar parte dos tribunais de teses de doutoramento aínda que se atopen en calquera das modalidades da situación de excedencia e xubilación.
    En ningún caso poderán formar parte do tribunal o/a director/a da tese nin o/a titor/a, salvo nos casos de teses presentadas no marco de acordos bilaterais de cotutela con universidades estranxeiras que así o teñan previsto.
  4. A Comisión de Doutoramento designará, entre os membros do tribunal, o/a presidente/a e o/a secretario/a. En caso de imposibilidade de actuación do/a presidente/a titular, este/a será substituído/a polo primeiro vogal e este/a polo primeiro suplente. En caso de imposibilidade de actuación do/a secretario/a titular, este/a será substituído polo terceiro vogal e este/a polo primeiro suplente. En todos os outros casos o primeiro suplente substituirá o primeiro membro que non poida actuar.

Artigo 20. Lectura da tese de doutoramento

  1. Unha vez designado e constituído o tribunal a que se refire o apartado 3 do artigo anterior, o departamento responsable faralles chegar, no prazo de dez días, a tese que ha de ser xulgada xunto co currículo do/a doutorando/a aos membros do tribunal.
    A partir dese momento, os membros titulares do tribunal (ou os correspondentes suplentes, se algún dos membros titulares non actuase) disporán dun mes para enviaren á Comisión de Doutoramento un ditame individual sobre se procede ou non conceder a autorización da defensa da tese. Se o ditame non é favorable, deberá acompañarse dun informe individual e razoado que o xustifique. Se todos os ditames son favorables, o Presidente da Comisión de Doutoramento autorizará a defensa pública da tese, de que se informará a todos os membros da Comisión. En caso contrario, e á vista dos informes, a Comisión de Doutoramento disporá se procede ou non a defensa pública ou, se for o caso, a interrupción da súa tramitación. Nos casos de non autorización da defensa da tese a Comisión deberalle comunicar por escrito ao/á doutorando/a, ao/á director/a da tese e ao Consello de Departamento responsable do programa de doutoramento as razóns da súa decisión.
    O/a director/a da tese de doutoramento poderá ser chamado/a pola Comisión de Doutoramento antes de decidir sobre o trámite a que se refire o parágrafo anterior, co fin de obter a información que se considere oportuna para fundamentar a decisión. En todo caso deberá ser oído antes de que a Comisión de Doutoramento acorde, se o fixer, que non procede a defensa da tese.
  2. Unha vez denegada a realización do trámite de defensa da tese de doutoramento pola Comisión de Doutoramento, ou despois da súa defensa, o/a doutorando/a poderá solicitar certificación literal dos ditames a que se refire o apartado 1 deste artigo.
  3. O acto de defensa da tese de doutoramento terá lugar en sesión pública durante o período lectivo do calendario académico. Unha vez autorizada a defensa da tese, o acto será convocado polo/a presidente/a do tribunal quen llo comunicará á Comisión de Doutoramento cunha antelación mínima de dez días naturais á súa realización, para a súa pública difusión. Coa mesma antelación anunciarase no taboleiro de anuncios do departamento correspondente e no do centro en que vai ter lugar o acto de defensa.
  4. A defensa da tese de doutoramento consistirá na exposición polo/a doutorando/a do labor preparatorio realizado, a metodoloxía, o contido da tese e as conclusións, facendo especial mención das súas contribucións orixinais.
  5. A defensa da tese de doutoramento realizarase no mesmo idioma en que esta estiver redactada, salvo nos casos en que a Comisión de Doutoramento autorizase previamente o seu defensa noutro idioma. No caso de que a tese non estivese redactada en castelán nin en galego ou fose defendida noutro idioma, o doutorando deberá ler no acto de defensa o resumo dela recollido no apartado 2 do artigo 18 deste regulamento.
  6. Os membros do tribunal deberán expresar a súa opinión sobre a tese presentada e poderán formular cantas cuestións e obxeccións consideraren oportunas, a que o doutorando haberá de contestar. Así mesmo, os/as doutores/as presentes no acto público poderán formular cuestións e obxeccións, e o/a doutorando/a responder, todo iso no momento e forma que sinale o presidente do tribunal.
  7. Rematada a defensa e discusión da tese, cada membro do tribunal formulará por escrito unha valoración sobre ela. O tribunal outorgará a cualificación global que finalmente concede á tese consonte a seguinte escala: "non apto", "aprobado", "notable" ou "sobresaliente". O tribunal poderá outorgar a mención de “cum laude” se a cualificación global é de sobresaliente e emítese, en tal sentido, o voto favorable por unanimidade.
    En todo caso, a cualificación que proceda farase constar no anverso do correspondente título de doutor.

Artigo 21. Arquivo de teses de doutoramento

  1. Unha vez superada a defensa da tese, o departamento remitiralle á Comisión de Doutoramento un orixinal dela, un exemplar en formato electrónico e un resumo de 200 palabras para os efectos de arquivo e documentación. O resumo incluirá unha relación de palabras clave e poderá estar escrito en galego ou español, e preferiblemente nestas dúas linguas e en inglés.
  2. A Comisión de Doutoramento, á súa vez, remitiralle ao Consello de Universidades, ao Ministerio de Ciencia e Innovación e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a correspondente ficha de tese e calquera outra información ou documentación que sexa necesaria de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 22. Publicación das teses de doutoramento

  1. A Universidade da Coruña publicará en internet o resumo da tese de doutoramento a que se fai referencia no artigo anterior.
  2. No caso de que o/a novo doutor/a o autorice expresamente, a Universidade da Coruña tamén publicará en internet a tese de doutoramento.

CAPÍTULO V. Expedición do título de doutor

Artigo 23. Expedición do título de doutor

  1. Os títulos de doutor serán expedidos en nome do Rei polo Reitor da Universidade, logo de verificación do cumprimento do disposto nos artigos anteriores do presente regulamento e no Real Decreto 56/2005.
  2. O título de doutor incluirá a mención de "Doutor pola Universidade da Coruña". Neste título figurará a denominación do previo título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro ou equivalentes ou homologados a eles, de que estivese en posesión a persoa interesada para acceder aos estudos de doutoramento, así como a universidade, o lugar e a data de expedición deste. Así mesmo figurará o programa de doutoramento e a denominación do departamento responsable deste.
  3. A universidade levará un rexistro dos títulos de doutor que expida, que se axustará ás normas de organización e procedemento que determine a Secretaría Xeral, en coordinación co Rexistro Nacional de Títulos do Ministerio de Educación y Cultura.

Artigo 24. Efectos do título de doutor

  1. O título de doutor obtido e expedido de acordo co disposto neste regulamento terá carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, producirá efectos académicos plenos e habilitará para a docencia e a investigación de acordo co establecido nas disposicións legais.
  2. En tanto non se produza a efectiva expedición e entrega á persoa interesada do título solicitado, aquela terá dereito, desde o momento de aboar os dereitos de expedición do título, á que se lle expida certificación de que o título solicitado se atopa en trámite de expedición (certificación supletoria do título) que terá o mesmo valor que o título para efectos do exercicio dos dereitos inherentes ao mesmo polo que, se proceder, levará indicación expresa das limitacións que para o exercicio dos dereitos dimanantes de dito título poida ter o interesado por causa da súa nacionalidade ou outras causas legalmente establecidas.

CAPÍTULO VI. Sobre a concesión de premios extraordinarios de doutoramento

Artigo 25. Concesión de premios extraordinarios

A universidade poderá conceder, a aquelas teses de especial relevancia, a mención de "Premio Extraordinario de Doutoramento", de acordo co seguinte:

  1. As teses de doutoramento agruparanse, exclusivamente para efectos de premios extraordinarios, de acordo coa titulación previa do/a doutorando/a. En caso dunha titulación non existente na Universidade da Coruña, a Comisión de Doutoramento, por proposta do/a director/a da tese, asimilaraa a unha das titulacións existentes, segundo o programa de doutoramento cursado polo/a doutorando/a.
  2. Se o número de teses defendidas e declaradas aptas por cada titulación no curso académico correspondente fose igual ou superior a cinco, poderá concederse unha mención de premio extraordinario por cada cinco ou fracción.
  3. Se o número de teses defendidas e declaradas aptas por cada titulación fose inferior a cinco, acumularanse as teses por curso académico ata chegar ao número de cinco e actuarase segundo o previsto no apartado b). Se ao cabo de tres cursos académicos, o número de teses lidas e declaradas aptas fose superior ou igual a dous e inferior a cinco, convocarase unha mención de premio extraordinario entre elas. Se o número de teses lidas transcorridos estes tres anos fose inferior a dous, seguiranse acumulando por curso académico ata chegar ao número de dúas e convocarase unha mención de premio extraordinario entre elas.

Artigo 26. Requisitos para optar á concesión de premio extraordinario

Para optar á concesión da mención de "Premio Extraordinario de Doutoramento" deberán reunirse os requisitos seguintes:

  1. Defender a tese de doutoramento no curso académico ao que corresponda a convocatoria da concesión da mención de "Premio Extraordinario de Doutoramento".
  2. Obter a cualificación de "sobresaliente cum laude".
  3. Solicitalo expresamente dentro do prazo regulamentario, acompañando un exemplar da tese.

Artigo 27. Comisións de premios extraordinarios

  1. As Comisións encargadas de elaborar a proposta de concesión da mención de "Premio Extraordinario de Doutoramento" estarán constituídas por cinco membros doutores pertencentes aos corpos docentes da universidade, destinados na Universidade da Coruña.
  2. Os membros da Comisión deberán representar, o máis razoablemente posible, as distintas áreas de coñecemento integradas no ámbito científico correspondente.
  3. Non poderán formar parte do tribunal os directores das teses que opten á concesión da mención de "Premio Extraordinario de Doutoramento".
  4. As Comisións serán nomeadas en cada convocatoria polo/a reitor/a, por proposta da Comisión de Doutoramento.
  5. O/A reitor/a nomeará, de entre os membros propostos, o/a presidente e o/a secretario/a de cada Comisión, así como os seus suplentes.

Artigo 28. Outorgamento de premios extraordinarios

  1. As Comisións nomeadas para elaborar as propostas de premio extraordinario remitirán estas ao/á presidente/a da Comisión de Doutoramento que as enviará ao/á reitor/a.
  2. As Comisións poderán propoñer, en todo caso, que a mención de premio extraordinario quede deserta. Para a concesión dos premios extraordinarios non se poderá tomar en consideración o expediente académico correspondente aos dous primeiros ciclos universitarios.
  3. A concesión dos premios extraordinarios será sometida polo/a reitor/a ao Consello de Goberno.

Artigo 29. Efectos do premio extraordinario

A concesión de premio extraordinario incluirase no expediente do/a alumno/a e farase constar fidedignamente.

CAPÍTULO VII. Calendario de estudos de doutoramento

Artigo 30. Órganos competentes para a elaboración e aprobación

O calendario de estudos de doutoramento será elaborado cada ano pola Comisión de Doutoramento e aprobado polo Consello de Goberno.

Artigo 31. Calendario

Nese calendario deberán figurar:

  1. A data de proposta de programas de doutoramento polos departamentos.
  2. A data de aprobación dos programas de doutoramento pola Comisión de Doutoramento.
  3. A data de publicación dos programas de doutoramento.
  4. A data de presentación da solicitude de admisión nos departamentos.
  5. A data de publicación da lista provisional de admitidos e notificación á Comisión de Doutoramento.
  6. A data de reclamación ás listas provisionais.
  7. A data de publicación da lista definitiva de admitidos e notificación á Comisión de Doutoramento.
  8. O prazo de matrícula nos programas de doutoramento.

CAPÍTULO VIII. Sobre o doutoramento europeo

Artigo 32. Concesión da mención de "Doutor europeo"

A concesión da mención "Doutor europeo" atribuirase ás teses de doutoramento, cuxa elaboración e defensa cumpra cos seguintes requisitos:

  1. A autorización da defensa da tese de doutoramento debe ir precedida de informes favorables realizados por un mínimo de dous doutores expertos pertencentes a institucións de educación superior ou centros de investigación doutros países da Unión Europea. Estes informes serán solicitados polo departamento responsable e deberán ser enviados á Comisión de Doutoramento coa proposta de tribunal a que se fai referencia no apartado 2 do artigo 19, xustificando da mesma forma a idoneidade dos expertos elixidos.
  2. Polo menos un membro da Comisión que xulgue a tese debe pertencer a unha institución de educación superior ou centro de investigación doutro país da Unión Europea, sen que poida existir coincidencia cos expertos que realizaron o informe previo recollido no punto anterior
  3. Unha parte da defensa da tese de doutoramento, polo menos o resumo e as conclusións, debe realizarse e presentarse nunha das linguas oficiais da Unión Europea distinta a calquera das linguas oficiais en España.
  4. O/a doutorando/a deberá acreditar que para a elaboración da súa tese de doutoramento realizou unha estadía de polo menos tres meses, nunha institución de educación superior ou centro de investigación doutro país da Unión Europea, cursando estudos ou realizando traballos de investigación que lle foron recoñecidos pola UDC.

CAPÍTULO IX. Da reforma do regulamento

Artigo 34. Iniciativa para a reforma

A iniciativa para a reforma do regulamento corresponde ao Consello de Goberno ou á Comisión de Doutoramento e deberá acompañarse da motivación que a fundamenta.

Artigo 35. Aprobación da reforma na Comisión de Doutoramento

Para a modificación do regulamento será necesaria a aprobación da nova proposta pola maioría absoluta dos membros da Comisión de Doutoramento.

Artigo 36. Aprobación da reforma polo Consello de Goberno

Unha vez elaborado o novo texto será sometido á aprobación do Consello de Goberno.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Disposición adicional primeira

Este Regulamento interpretarase no marco da L.O.U., dos Estatutos da Universidade da Coruña e da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Os acordos da Comisión de Doutoramento serán recorribles ante o Consello de Goberno.

Disposición adicional segunda

A Universidade da Coruña poderá, mediante convenio, organizar programas de doutoramento conxuntos conducentes a un único título oficial de doutor/a e cuxas ensinanzas foren impartidas adicionalmente noutra ou noutras universidades españolas ou estranxeiras. No convenio especificarase cal das universidades será responsable do rexistro do título.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Disposición transitoria primeira

Ao estudantado que iniciou estudos de terceiro ciclo con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento seranlle de aplicación as disposicións reguladoras do doutoramento anteriores a esta entrada en vigor, con excepción dos artigos 19 e 20.

Disposición transitoria segunda

O alumnado que cursara estudos parciais de terceiro ciclo, mesmo obtida a suficiencia investigadora, no marco do Real decreto 185/1985, poderán obter o certificado-diploma de estudos avanzados sempre que solicite e obteña o oportuno recoñecemento dos cursos, créditos e as súas notas, do primeiro período e dos traballos de investigación equivalentes ao novo sistema establecido, para o segundo período, polo Real decreto 778/1998. En todo caso, a persoa interesada someterase á valoración dos coñecementos adquiridos na exposición pública á que se refire o citado artigo 6.2.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor no momento da súa aprobación polo Consello de Goberno.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000