Acordo do consello de goberno do 27 de marzo de 2012 polo que se regulan as medidas incentivadoras para a xubilación voluntaria do profesorado dos corpos docentes universitarios da UDC

ANTECEDENTES

Con data 26 de xaneiro de 2006 o Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou as Medidas incentivadoras para a xubilación voluntaria do profesorado dos corpos docentes universitarios da Universidade da Coruña, modificadas por acordo do Consello de Goberno do 3 de abril de 2008.

O establecemento de medidas incentivadoras para a xubilación voluntaria do profesorado dos corpos docentes universitarios constitúe un dereito dos docentes (Disposición vixésimo terceira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades) e tamén unha oportunidade para a Universidade. Neste sentido, o plan supón unha dobre vantaxe para a institución. En primeiro lugar, permite renovar o persoal docente de forma gradual. O segundo aspecto beneficioso é a posibilidade de que as prazas que queden vacantes, como consecuencia das xubilacións e prexubilacións de profesores, liberen recursos que lle permiten á UDC recolocar as súas prazas docentes, eliminando as que xa non fagan falla como consecuencia dunha diminución de carga docente nunha área, e establecer novas prazas noutras áreas que o necesiten, ou ter a posibilidade de promocionar nos seus postos o actual persoal docente. Co programa búscase que a Universidade poida dispoñer de recursos económicos que lle permitan unha xestión do seu persoal para poderse adaptar aos cambios necesarios no momento actual.

Na UDC, as condicións para que o profesorado en servizo activo dos corpos docentes universitarios optase pola posibilidade aberta por estas medidas, reducíanse ao cumprimento das condicións e requisitos esixidos na lexislación vixente para poder acceder á xubilación voluntaria. O profesorado funcionario que se acollese a estas medidas tiña garantidas, ata a idade da xubilación forzosa (70 anos), as mesmas condicións económicas de que viña gozando, xa que as medidas concretábanse nunha indemnización anual dunha contía igual á diferenza entre a pensión máxima contributiva e os haberes que percibía o profesor ou profesora no ano en que se acollía ao plan (exceptuados os derivados dos cargos académicos).

A diferenza doutras universidades, non se limitou a indemnización a unha porcentaxe dos haberes que se viñan percibindo nin se adoptou unha escala crecente pola que as persoas que optaban por retirarse voluntariamente recibirían un importe menor nos primeiros anos da sesentena. Tampouco se tomou ningunha medida para restrinxir o número de persoas por ano que se podían acoller ao plan.

Consideramos que as medidas incentivadoras para a xubilación voluntaria do profesorado son positivas como un mecanismo para incentivar a renovación do profesorado da universidade. Mais, hoxe en día, cando se ten aprobado unha reforma do sistema de pensións que alonga o período de vida activa e endurece as condicións para o acceso á pensión completa (máis anos de cotización), e cunha situación do mercado de traballo difícil pode non ser entendible socialmente que se manteñan medidas que foron pensadas noutro contexto económico e que significan melloras, moi substanciais, sobre as condicións de retiro voluntario dos traballadores e traballadoras, e en concreto do persoal ao servizo das administracións públicas.

Finalmente, debemos lembrar e valorar tamén a aprobación dun sistema de financiamento do SUG pouco favorable para os intereses da UDC que leva a unha redución importante dos nosos recursos e que unha parte moi significativa dos orzamentos da universidade se destinan a financiar gastos de persoal.

Neste contexto, o equipo de dirección da UDC, logo da negociación cos representantes dos traballadores na Mesa Sindical e acordo da COAP, acorda remitir ao Consello de Goberno unha reformulación do plan de medidas facilitadoras da xubilación voluntaria do profesorado como mecanismo para incentivar a renovación e contribuír ao reequilibro dos cadros de profesorado da Universidade da Coruña, nos seguintes termos:

1. Condicións e ámbito de aplicación:

A) Ao presente plan poderán acollerse os profesores e profesoras que se atopen en situación de servizo activo na Universidade da Coruña que pertenzan a algún dos corpos docentes universitarios e reúnan ao remate do curso académico os requisitos legais para solicitar a súa xubilación voluntaria (Art. 28.2 .b do Real decreto 670/1987, do 30 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de clases pasivas do Estado):

  • Ter cumpridos 60 anos de idade e ter recoñecidos 30 anos de servizos efectivos ao Estado.
  • Ter cumpridos 65 anos de idade e ter recoñecidos 15 anos de servizos efectivos ao Estado.

B) Cálculo da contía do incentivo e duración

  1. Considerarase o 90% das retribucións brutas anuais do profesor na data en que se produza a súa xubilación. Exclúense as retribucións debidas ao desempeño de cargos académicos, outras retribucións conxunturais non consolidadas e, no caso de profesores con prazas vinculadas, as do complemento asistencial.
  2. Calcularase a diferenza entre a cantidade anterior e o límite máximo de percepción para as pensións públicas regulado na Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano en que se produza a xubilación.
    A anterior cantidade calcularase sempre considerando o límite máximo de percepción para as pensións públicas, con independencia da pensión real de xubilación que lle corresponda ao profesor en virtude das condicións da súa vida laboral.
  3. A contía resultante no punto anterior dividirase entre doce e será a que o profesor perciba mensualmente.
  4. A cantidade anterior non poderá modificarse durante o tempo que se perciba o incentivo.
  5. A percepción deste incentivo rematará a 30 de setembro do ano en que remate o curso académico en que cumpra o beneficiario os 70 anos de idade.
  6. O profesorado que se acolla a este plan mentres estea percibindo o incentivo non poderá ser nomeado como profesor emérito.  

2. Número de prazas

O número máximo de xubilacións voluntarias anticipadas que poden autorizarse con cargo a este programa é de vinte e cinco anuais.

3. Solicitudes e criterios de selección

a) As solicitudes para a adhesión ao plan deberán presentarse entre o día 1 e o 30 de abril de cada ano, ambos incluídos, dirixidas á Vicerreitoría de Profesorado e Planificación Docente mediante o impreso normalizado que se atopará dispoñible na páxina web.

b) No caso de que as solicitudes de xubilación anticipada superasen o número de prazas, as solicitudes priorizaranse da seguinte maneira:

  • Primeiro, o profesorado que pertenza a áreas de coñecemento con superávit docente estrutural
  • Segundo, os titulares de escola universitaria
  • Terceiro, a antigüidade como docente na Universidade da Coruña
  • Cuarto, os docentes de maior idade que soliciten a prexubilación.

c) O reitor adoptará as correspondentes resolucións que se notificarán ás persoas interesadas. A eficacia destas quedará condicionada a que os/as funcionarios/as adxudicatarios/as obteñan a condición de xubilados/as voluntarios/as con data 30 de setembro. Para estes efectos, os/as funcionarios/as adxudicatarios/as deberán dirixir a oportuna solicitude de xubilación voluntaria ao reitor da Universidade de acordo coa normativa en vigor, en especial, o Real decreto 172/1988, do 22 de febreiro, polo que se aproban os procedementos de xubilación e concesión de pensión de xubilación dos funcionarios civís do Estado e normas de desenvolvemento. Quen, finalmente, non adquira a condición de xubilado voluntario na data indicada, entenderase decaído no seu dereito á adxudicación da prima de xubilación.

d) Logo da aprobación do incentivo, para continuar a súa percepción, a persoa interesada acreditará documentalmente cada ano ante a Universidade, entre o 1 e o 30 de setembro, ambos incluídos, que mantén a súa condición de xubilado.

4. Nomeamento como profesor honorario

Os profesores que soliciten a xubilación voluntaria poderán continuar vinculados á docencia e á investigación na UDC como profesores honorarios.

Terán a condición de profesores honorarios aqueles profesores xubilados, voluntariamente ou por cumprir a idade legal de xubilación que, tras ser nomeados, logo do acordo en Consello de Goberno, polo reitor por proposta do Consello de Departamento ou da Xunta de Centro, desenvolvan sen contraprestación tarefas de colaboración na docencia non regulada, de coordinación institucional ou investigadoras na UDC.

As propostas de profesor/a honorario/a incluirán a motivación da proposta en termos docentes e científicos, o currículo da persoa proposta e a xustificación dos beneficios que a actividade proposta pode supoñer para a UDC.

Os/as candidatos/as propostos/as para profesores/as honorarios/as deberán reunir algún dos seguintes requisitos:

  • Ter avaliados positivamente 2 sexenios de investigación
  • Dirixir 3 teses de doutoramento
  • Ser investigadores principais de 3 proxectos de investigación
  • Posuír tres anos de antigüidade en labores de coordinación de títulos, coordinación de prácticum, coordinación de prácticas en empresas, coordinación de intercambio de estudantes etc
  • Tres anos de antigüidade en desempeño de cargos de xestión

O nomeamento como profesor/a honorario/a será por períodos de dous anos renovables e non suporá ningún tipo de relación contractual, laboral ou administrativa, coa UDC. Finalizará de forma improrrogable ao cumprir a idade de 75 anos.

5. Vixencia, revisión e seguimento do Plan

a) Prazo de vixencia e revisión. O Plan terá unha vixencia de tres anos e procederase á súa prórroga ou revisión ao termo do dito prazo ou cando o esixan as circunstancias.

b) Avaliación e seguimento. Para os efectos da avaliación do Plan, unha vez terminado o período de solicitude anual, proporcionaráselles aos representantes sindicais e ao Consello de Goberno información sobre as solicitudes realizadas, expresando a categoría, a área e o departamento de orixe das persoas solicitantes.

Disposición adicional

O incentivo previsto na presente normativa será de aplicación ao profesorado xubilado por incapacidade permanente. A percepción da contía sinalada percibirase desde a data da resolución que recoñeza a situación de incapacidade permanente, por un período máximo de 12 anos, rematando en todo caso na data en que lle correspondería a xubilación forzosa.

Disposición final

O presente Plan entrará en vigor tras a súa aprobación polo Consello de Goberno da UDC.