Regulamento para a concesión de venias docentes aos profesores de centros adscritos á Universidade da Coruña

Os Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados por Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26) establecen no seu artigo 20 que, para impartir docencia nos centros adscritos, será requisito imprescindible a venia docendi que concede o Consello de Goberno da Universidade da Coruña, logo do informe dos departamentos afectados. A Universidade da Coruña supervisará, a través do Consello de Goberno, co asesoramento dos departamentos con áreas de coñecemento implicadas, a docencia e a investigación que se levan a cabo nestes centros.

Na súa virtude, o Consello de Goberno, na súa sesión do 29 de abril de 2005, acordou establecer o seguinte procedemento para a concesión da venia docente aos profesores de centros adscritos da UDC

Artigo 1.

A solicitude de concesión de venias docentes ao seu profesorado deberá realizala a dirección do centro adscrito á Vicerreitoría de Profesorado durante o primeiro semestre do ano en que comece o curso académico.

Non se tramitará ningunha venia docente fóra do prazo que se indica, agás os supostos excepcionais apreciados pola Vicerreitoría de Profesorado, que estean motivados pola necesidade de cubrir as vacantes, as ausencias ou as enfermidades que se produzan durante o curso académico.

Artigo 2.

A solicitude farase para todas as materias (anuais e cuadrimestrais) que se vaian impartir durante o curso académico para o que se solicita.

Artigo 3.

A solicitude, asinada e selada polo director do centro adscrito e pola persoa interesada, remitirase á Vicerreitoría de Profesorado acompañada dun currículo completo da persoa solicitante.

Artigo 4.

Para obter a venia docente será necesario que a persoa solicitante sexa licenciada ou diplomada no perfil da materia que vaia impartir, dependendo do tipo de titulación de que se trate

Artigo 5.

A Vicerreitoría de Profesorado solicitará un informe aos departamentos correspondentes, que disporán dun prazo de vinte días naturais para emitilo.

O Consello de Departamento valorará, ademais da adecuación da titulación da persoa solicitante, os seguintes aspectos:

  • Experiencia docente previa
  • DEA /grao de doutor
  • Asistencia a cursos e/ou congresos, dentro do perfil da materia que vaia impartir
  • Publicacións relacionadas co perfil da materia que vaia impartir.

Os departamentos poderán solicitar unha entrevista coa persoa solicitante, sempre dentro do prazo que está establecido, para emitir o informe.

Artigo 6.

Atendendo ás circunstancias do caso, a Vicerreitoría de Profesorado poderá solicitar un informe á Comisión Académica delegada do Consello de Goberno.

Artigo 7.

Unha vez que emitan os informes os consellos de departamento competentes e, se é o caso, a Comisión Académica, o vicerreitor de Profesorado, por delegación do reitor, someterá ao Consello de Goberno a concesión ou a denegación das venias docentes que se solicitaron.

Artigo 8.

A concesión da venia docente terá carácter anual e renovable por cinco anos, sempre e cando sexa para impartir a mesma materia dentro do mesmo plano de estudos, no mesmo centro adscrito e non exista informe desfavorable dos departamentos correspondentes. Durante os catro cursos académicos seguintes ao da concesión da venia docente, a renovación realizaraa directamente a Vicerreitoría de Profesorado.

A quinta renovación requirirá de novo o informe do Consello de Departamento.

Artigo 9.

Non poderá comezar a impartir docencia nun centro adscrito unha persoa que previamente non teña concedida a venia docente.

O persoal docente e investigador en activo ou xubilado non precisará venia docente para ser profesor dos centros adscritos. Non obstante, seralle de aplicación o disposto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e na normativa que a desenvolve.