Programa de promoción do persoal docente e investigador acreditado

(Aprobado por acordo do Consello de Goberno do 10 de decembro de 2008 2008 e modificado por acordo do Consello de Goberno do 27 de xuño de 2012)

A promoción do persoal docente e investigador da Universidade da Coruña é un dos principais obxectivos dos órganos de goberno desta: mediante unha política de promoción non só se satisfai unha lexítima aspiración do persoal senón que tamén se pode acadar un desexable aumento na calidade académica da institución.

O programa de promoción que se propón é un programa estable cuxo obxectivo é establecer as bases e os criterios da promoción do profesorado. É esencial que este programa non estea limitado no tempo e, en consecuencia, que xere un clima de confianza que permita ao PDI desenvolver unha actividade investigadora e docente que, a medio prazo, o conduza a se promocionar sempre que cumpra cuns criterios obxectivos de calidade.

Artigo 1

Cada ano o Consello de Goberno aprobará a dotación dun certo número de prazas para promoción do PDI. O número de prazas para promoción dependerá das dispoñibilidades orzamentarias e, unha vez resolto o concurso correspondente, a praza orixinal da persoa solicitante que gañase o concurso será amortizada.

Artigo 2

As modalidades de promoción que se consideran no plano de promoción anual son as seguintes:

  1. Promoción de profesor contratado e axudantes acreditados para o corpo de profesores titulares de universidade a profesor titular de universidade.
  2. Promoción de profesor titular de universidade ou catedrático de escola universitaria acreditados para o corpo de catedráticos de universidade a catedrático de universidade.

Artigo 3

En cada convocatoria establecerase o número de prazas de promoción por modalidade, distribuídas por ámbito científico en función do número de profesores que reúnan os requisitos para poderen optar á promoción. Os candidatos deberán reunir os seguintes requisitos:

  • Estaren acreditados para a praza de igual categoría e área de coñecemento que a solicitada.
  • Ter a condición de PDI a tempo.
  • Os candidatos que participaren na modalidade a) deberán ter unha antigüidade de cando menos 4 anos como axudante ou profesor contratado con dedicación a tempo completo.
  • Os candidatos que participaren na modalidade b) deberán ter avaliados positivamente un número de sexenios que non sexa superado polo 35% dos/as profesores/as titulares de universidade e catedráticos/as de escola universitaria da súa área de coñecemento [consonte aos datos máis recentes que, no momento da convocatoria, figuren na web da Comisión Nacional de Avaliación Investigadora (CNEAI) sobre a situación do profesorado numerario respecto aos sexenios de investigación] e dous compoñentes por méritos docentes (quinquenios).

Artigo 4

O proceso de asignación das prazas será de tipo competitivo e iniciarase coas solicitudes das persoas interesadas, ás que se xuntará o curriculum vitae e os informes favorables do Consello do Departamento a que está adscrita a área de coñecemento da praza solicitada.

Artigo 5

5.1 A Comisión de Organización Académica e Profesorado avaliará as solicitudes e informará sobre a dotación das prazas de promoción.

5.2 No caso de existir máis candidatos que prazas ofertadas dentro dun mesmo ámbito científico, tomaranse en conta os seguintes criterios por orden de preferencia:

  1. Porcentaxe de profesores numerarios, sen contabilizar os profesores titulares de Escola Universitaria, da área de coñecemento cun menor número de sexenios que o solicitante [consonte aos datos máis recentes que, no momento da convocatoria, figuren na web da Comisión Nacional de Avaliación Investigadora (CNEAI)].
  2. Número de teses dirixidas.
  3. Antigüidade como axudante ou profesor contratado para a modalidade a), e antigüidade como profesor titular de universidade ou catedrático de escola universitaria para a modalidade b).
  4. Para o caso de prazas de catedrático de universidade, a proporción do número de catedráticos de universidade respecto á suma de profesores titulares de universidades e catedráticos de escola universitaria e profesor contratado doutor na área de coñecemento.
  5. Antigüidade como profesor na Universidade da Coruña.

5.3 No caso de que nunha ou varias ramas de coñecemento existisen menos solicitudes que prazas ofertadas, o Consello de Goberno a proposta da Comisión de Organización Académica e Profesorado (COAP) poderá aumentar no mesmo número as prazas doutras ramas nas que existisen máis solicitudes que prazas ofertadas.

Artigo 6

Á vista dos informes que emita a Comisión de Organización Académica e Profesorado, o Consello de Goberno decidirá cales son as prazas que se dotan para a promoción.

Artigo 7

Se o proceso de promoción conducir a un aumento dos efectivos da área nun determinado departamento, esa área dese departamento non poderá participar en ningún programa de promoción da mesma categoría até que non sexa necesario un aumento de dotación por necesidades docentes ou até que o Consello de Goberno considere que concorren circunstancias excepcionais.

Disposicións adicionais

Primeira

Todos os profesores titulares de escola universitaria e profesores funcionarios numerarios da escala de profesores do INEF de Galicia (Administración Xeral grupo A) da Xunta de Galicia, que se acrediten específicamente no procedemento establecido polo artigo 57 da LOU accederán directamente ao corpo de Titulares de Universidade nas súas propias prazas, segundo o establecido nas disposicións adicionais da LOU.

Segunda

En aplicación do establecido no Convenio Colectivo para o persoal docente e investigador laboral das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, a Universidade da Coruña creará as prazas de Titular de Universidade que soliciten os Contratados Doctores acreditados para Titulares de Universidade.