Acordo do consello de goberno do 27 de marzo de 2012 polo que se establece a dedicación docente do PDI

ANTECEDENTES

O réxime do profesorado universitario recollido no artigo 9.4 do Real decreto 898/1985 do 30 de abril (BOE núm. 146, do 19 de xuño) establece que as obrigas docentes do profesorado, semanalmente, serán:

a) Para o profesorado con réxime de dedicación a tempo completo, de oito horas lectivas e seis horas de titorías ou asistencia ao alumnado, que no caso do persoal sanitario poderán realizarse en hospitais concertados, salvo para os profesores/as titulares de escola universitaria, que será de doce horas lectivas e seis de titorías ou asistencia ao alumnado.
b) Para o profesorado con réxime de dedicación a tempo parcial, entre un máximo de seis e un mínimo de tres horas lectivas, e un número igual de horas de titoría e asistencia ao alumnado, todo iso en función das necesidades docentes e investigadoras da Universidade.

Na Xunta de Goberno do 23 de marzo de 1995, no acordo en que se establecen as normas de organización docente para o curso 1994-1995, modificáronse as obrigas docentes do profesorado.

A Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, estableceu que o profesorado permanente das universidades deberá ter a condición de doutor. Ademais, na súa disposición adicional segunda, apartado dous, di que “As universidades establecerán programas tendentes a favorecer que os profesores titulares de escolas universitarias poidan compaxinar as súas tarefas docentes coa obtención do título de doutor”. Tamén o artigo 15.5 do II Convenio colectivo establece “5. As universidades establecerán programas cuxo obxecto sexa facilitar a realización da tese de doutoramento dos profesores colaboradores”. Na Universidade da Coruña compartiuse, desde o primeiro momento, este obxectivo de mellorar a cualificación deste profesorado e estableceu en maio de 2008 (Consello de Goberno 22/05/2008) un programa durante tres anos de promoción dos titulares de escola e colaboradores. Este programa incluía a convocatoria de 20 licenzas por curso académico que permitan durante un cuadrimestre a dedicación á realización ou finalización da tese de doutoramento de todas aquelas persoas titulares de escola universitaria e colaboradores que a tiveran inscrita (máis 10 para a realización do DEA, que se poderían acumular ás anteriores).

As condicións económicas actuais e a normativa recollida no RDL 20/2011 fan difícil continuar coa actual dedicación do profesorado a tempo completo.

ACORDOS

De conformidade con todo isto, acórdase elevar a docencia do profesorado que actualmente ten unha capacidade docente de 220 horas a 240 horas e ao colectivo de titulares de escola universitaria non doutores/as, colaboradores/as non doutores/as e profesores/as contratados/as interinos/as de substitución a tempo completo ata 300 horas lectivas. A táboa do anexo I, especifica as dedicacións de cada unha das categorías de profesorado.

Esta dedicación dos titulares de escola universitaria non doutores/as, colaboradores/as non doutores/as e profesores/as contratados/as interinos/as de substitución a tempo completo manterase durante un período de tres anos académicos (2012-2015), como parte dun programa para facilitar o remate das teses de doutoramento deste colectivo.

Anexo I

 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000