Adscrición funcional e asignación efectiva do encargo docente das materias de grao

(Aprobado no Consello de Goberno do 17 de novembro de 2010)

Rematado o proceso de verificación das novas titulacións de grao e o inicio da implantación dos mesmos na UDC pola adaptación das titulacións existentes, compre revisar os procesos de organización docente.

Os novos programas de estudo non establecen ningunha vinculación entre as materias e as áreas de coñecemento, polo tanto é necesario ter unha mínima normativa que regule o procedemento do encargo docente das materias aos dos distintos profesores e profesoras da UDC.

No novo marco legal as adscricións entre as distintas materias e áreas de coñecemento deben considerarse como unha ferramenta funcional e flexible cara a organización da docencia do profesorado universitario, nun contexto de racionalidade no que se conxuguen os parámetros de planificación do cadro de PDI e a ordenación do proceso ensino/aprendizaxe inherentes.

A Normativa de POD do curso anterior revelou algunhas carencias na súa aplicación práctica que alongaron máis do aconsellable os diversos prazos. Polo tanto compre concretar e desenvolver a normativa e iniciar o proceso con maior antelación que incluirá as seguintes etapas:

1. Os centros establecerán unha proposta de adscrición das materias das titulacións de graos a un mínimo de 3 e a un máximo de 5 áreas de coñecemento escollidas de entre todas as existentes na UDC, que se consideren adecuadas científica e académicamente para responsabilizarse da impartición das mesmas.

Poderá proporse que unha materia estea adscrita a menos de 3 ou máis de 5 áreas de coñecemento sempre que se acompañe a argumentación razoada que o sustente.

Esta adscrición funcional será tomada como referencia para a asignación efectiva do encargo docente.

Esta proposta deberá ter en conta:

  1. A afinidade dos contidos da materia coa área de coñecemento tendo en conta tamén as actividades de investigación e a transferencia de coñecemento.
  2. A adscrición previa das materias equivalentes dos anteriores planos de estudo seguindo o cadro establecido da Memoria do grao para as validacións.
  3. Orientacións dos libros brancos da correspondente titulación ou as directrices propias do título de grao.

2. A Comisión delegada do Consello de Goberno con competencias en organización docente analizará as propostas dos centros e valorará a aplicación dos anteriores criterios podendo solicitar os informes e o asesoramento de expertos que consideren convenientes.

Para aquelas materias que non exista proposta de adscrición previa ou as argumentacións non sexan estimadas suficientes, corresponderá á Vicerreitoría con competencias en organización docente formular de oficio unha proposta de adscrición previa consulta ao centro.

3.A Vicerreitoría elaborará unha proposta definitiva de adscrición que será sometida á aprobación do Consello de Goberno previa negociación na Mesa Sindical e informe da COAP.

4.Os centros, na elaboración do PDA proporán o encargo de docencia á área ou áreas de coñecemento, entre as adscritas indicando a proporción da docencia encargada. En caso de modificación do encargo da docencia ou necesidades de novo profesorado, deberá comprobarse os recursos existentes na UDC antes de propor a realización de novos concursos de contratación.