Acordo do consello de goberno de 09/03/2007 sobre a contabilización da investigación na elaboración do pod

O pasado mes de novembro presentouse un documento de proposta de RPT co obxectivo de lograr un cadro de persoal adaptado ao EEES e en que se incluirían as actividades investigadoras, de extensión e de xestión académica.

Para afrontar este obxectivo, propuxemos as tres etapas que se relacionan a seguir:

  • A primeira etapa debe permitir a visualización da fotografía actual da relación de postos de traballo que corresponde a todo o PDI en activo, que incluiría unha numeración de todas as prazas de persoal funcionario e de persoal contratado laboral indefinido, así como os contratos laborais temporais e as prazas que están pendentes de regularización con denominación da LRU, así como as normas para a súa modificación.
  • Nunha segunda etapa, analizaríanse as medidas que son necesarias para permitirmos incluír a docencia dos mestrados oficiais e a implantación progresiva do recoñecemento da actividade investigadora en base aos criterios determinados e á correspondente dotación de prazas.
  • A terceira etapa incluiría a avaliación das necesidades do profesorado para a adaptación á nova estrutura dos estudos en graos, en posgraos e en doutoramentos e a revisión dos criterios de distribución dos grupos de docencia teórica e práctica para os adaptar ao EEES.

A primeira etapa culminou coa aprobación da primeira RPT no Consello de Goberno do pasado 14/12/2006 e agora cómpre pór en práctica a segunda etapa, xa que estamos ante o inicio dunha nova elaboración do POD.

A respecto da segunda etapa, para o curso 2007/2008 fanse as seguintes propostas, que se deben incluír nas normas para a elaboración do POD:

  • Os novos títulos dos POP poderán facer contratacións de profesorado asociado a tempo parcial (T3P3) ata un límite do 20% da docencia do mestrado, fundamentalmente nos mestrados profesionalizantes. Os contratos serán renovados anualmente e, unha vez que se acreditar o POP, poderanse xerar prazas estables.
  • Para o cálculo da actividade investigadora utilizaranse como criterios a dedicación do profesorado á realización de proxectos de investigación, cando esta for superior a 1/3 da xornada de traballo, e o número de sexenios de cada profesor e de cada profesora en relación co mesmo dato da área a que pertence a nivel estatal. Cando a actividade investigadora for extraordinaria en dedicación (superior a 1/3 da dedicación esixida polo RD do profesorado) ou en méritos (recoñecido nos sexenios) poderá dar lugar á redución da dispoñibilidade docente (1).

Concretamente, proponse un máximo de 10 créditos para computar a actividade investigadora, que se repartirían nun máximo de 4 créditos para a dedicación a proxectos de investigación, un máximo de 4 créditos para os sexenios de investigación e un máximo de 2 créditos para a dirección de teses de doutoramento.

  • Proxectos de investigación
    Proxecto europeo e consolider 6 créditos, proxecto estatal 4 créditos e proxecto autonómico 3 créditos.
    A puntuación refírese á dedicación a tempo completo (ou a dúas dedicacións parciais). O investigador principal repartirá a puntuación entre os investigadores do proxecto en función da súa participación.
    Esta puntuación refírese aos proxectos que estiveren en vigor no momento de elaborar o POD.
  • Sexenios
    Cada sexenio avaliado positivamente nos últimos 8 anos (máx. 1) puntuará 1 crédito. De se cumprir esta condición, sumaranse 1, 2 ou 3 créditos, se o número de sexenios do profesor estiver no terzo inferior, medio ou superior da distribución dos sexenios entre os profesores e as profesoras da área de coñecemento que corresponder (consonte aos datos máis recentes que, no momento da aprobación do POD, figuren na web da CNEAI, sobre a situación do profesorado numerario sen contabilizar os profesores TEU).
  • Teses de doutoramento
    A dirección de teses de doutoramento defendidas na UDC nos últimos 3 anos puntuará 1 crédito por cada tese, ata un máximo de 2 créditos (se houber máis de un director, dividiríase polo número destes).
    Ademais propoñemos a redución da carga lectiva máxima dos titulares de EU doutores e dos colaboradores doutores, de 270 a 220 horas lectivas anuais, en concordancia co establecido no convenio colectivo do PDI laboral.
    O profesorado da UDC contratado inicialmente como diplomado nas áreas específicas de escolas universitarias que acadar o título de DEA, poderá reducir a súa carga lectiva en 1 crédito durante un máximo de dous cursos académicos.
    O profesorado da UDC que se doutorar ou que tiver depositada a súa tese de doutoramento, poderá reducir en 2 créditos a súa carga lectiva durante os dous próximos cursos académicos.
    O cómputo de desconto por cargo académico, docencia de 3.º ciclo e investigación, nunca poderá superar 2/3 da dedicación dun profesor ou dunha profesora a tempo completo.
(1) Actualmente, o Decreto de profesorado establece un máximo de 360 horas/ano de docencia para o TEU e de 240 horas/ano para o TU. Sobre esta situación a UDC aprobou un máximo de 270 horas e de 220, respectivamente, para que os TEU poidan realizar a tese de doutoramento e para que exista unha folgura do 10% no resto do profesorado para poderen atender situacións como baixas, permisos ou anos sabáticos. Sobre esta situación cómpre analizar o cómputo do esforzo docente e investigador dentro da xornada laboral. O cómputo anual de horas de traballo é, aproximadamente, de 1600 horas, de que unha posible distribución sería de 750 horas dedicadas á docencia, 750 horas á investigación e 100 á xestión e á extensión universitaria. Isto implica que calquera redución que se formular das horas de docencia anuais corresponde, aproximadamente, a 3,5 veces a redución en número de horas da xornada laboral.