Normativa sobre permisos e licenzas do persoal docente e investigador

(Aprobada por acordo do Consello de Goberno de 3 de abril de 2008)

Introdución

Tendo en conta as atribucións que o artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, de 12 de abril (BOE do 13 de abril), lle confire ao reitor da Universidade, así como as competencias que lle atribúen os Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados por Decreto da Xunta de Galicia do 13 de maio de 2004 (DOG do 26 de maio de 2004), modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG do 17 de outubro), e co obxecto de facilitar e axilizar a tramitación das distintas solicitudes de permisos e licenzas do profesorado, establécese o procedemento para a concesión de permisos e licenzas así como o procedemento para a concesión de anos sabáticos ao persoal docente e investigador da UDC:

Réxime de aplicación

A presente normativa é de aplicación a todo o persoal docente e investigador da Universidade da Coruña comprendido no ámbito de aplicación da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

1. PERMISOS E LICENZAS

1.1. Solicitudes

As solicitudes de permisos e licenzas, das que se achegará a documentación xustificativa que en cada caso corresponder, presentaranse no departamento ao que estea adscrito o/a profesor/a.

Nos supostos determinados no Anexo I, as solicitudes irán dirixidas ao decano/director do centro ao que pertenza o profesor. O director do departamento, unha vez recibida a solicitude, remitiralla ao decano ou director do centro para a súa resolución.

Nos supostos contemplados no Anexo II, as solicitudes dirixiranse ao reitor. O director do departamento, informará sobre a solicitude co visto do decano ou director do centro, e remitiraa á Reitoría para a súa resolución.

Os permisos e licenzas requirirán o informe favorable do departamento e do centro aos que pertenza o solicitante, e nel deberá facerse constar que as actividades docentes do solicitante son asumidas polo departamento. No entanto, naqueles casos en que o departamento non poida asumir as ditas actividades, poderá solicitar á contratación de profesorado substituto.

1.2. Prazo de presentación

As solicitudes de permisos e licenzas contemplados no Anexo I, deberán presentarse con polo menos cinco días naturais de antelación, sempre que pola natureza do permiso sexa posible.

As solicitudes de permisos e licenzas determinadas no Anexo II, sempre que foren inferiores a un ano de duración, deberán enviarse á Reitoría para a súa resolución con polo menos 10 días naturais de antelación.

As de máis dun ano de duración deberán presentarse antes do mes de xuño do curso anterior ao seu goce, con obxecto de someter a súa aprobación ao Consello de Goberno.

1.3. Resolución

As solicitudes de permisos e licenzas que figuran no Anexo I serán resoltas polo decano ou director do centro no que o/a profesor/a imparta docencia, por delegación do reitor.

As solicitudes de permisos e licenzas indicadas no Anexo II serán resoltas polo vicerreitor de Profesorado, por delegación do reitor, nas condicións establecidas na normativa vixente.

1.4. Retribucións nas licenzas por docencia e investigación

Se a duración da licenza é igual ou superior a un mes e menor de tres meses, o solicitante poderá percibir a totalidade das súas retribucións

Se a duración da licenza é igual ou superior a tres meses e cando non supere o ano, o solicitante percibirá o 80 % das súas retribucións.

As licenzas de duración superior a un ano non darán lugar ao recoñecemento de retribución.

A concesión dunha licenza para docencia e investigación non comportará, en ningún caso, indemnización ningunha adicional polos gastos que ocasione a estadía noutros centros nacionais ou estranxeiros.

1.5. Normas específicas

  • Vacacións anuais
    As vacacións anuais retribuídas do (PDI) serán dun mes natural ou de vinte e dous días hábiles anuais por ano completo de servizo, ou os días que correspondan proporcionalmente ao tempo de servizos efectivos, cos límites que se establezan no ámbito da Administración xeral do Estado.
    Así mesmo, terá dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo e engadiráselle un día hábil máis ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, até un total de vinte e seis días hábiles por ano natural. Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo indicados.
    As vacacións entenderanse concedidas, con carácter xeral, sen necesidade de solicitude, no mes de agosto. Nos casos en que no devandito mes o/a profesor/a se atope de baixa por enfermidade ou maternidade, poderá autorizarse o seu goce en período distinto, para o cal cumprirá unha solicitude motivada do interesado. O goce do período de vacacións deberá ser en todo caso compatible coas actividades docentes.
  • Asuntos particulares
    Respectando sempre as actividades docentes, ao longo do ano, o persoal docente e investigador terá dereito a gozar de até nove días de asuntos particulares, que non poderán acumularse, en ningún caso, aos períodos de vacacións anuais. Os días de permiso por asuntos particulares poderán ser distribuídos segundo lle conveña ao/á interesado/a, logo do visto e prace do director do Departamento e autorización do director/decano do centro, para o cal cumprirá presentar o impreso de solicitude
  • Permiso por maternidade e paternidade ou adopción
    Como consecuencia da numerosa casuística que se dá, e para unha mellor xestión e información, a continuación transcríbense as normas de aplicación:
    Artigo 49, alínea a), b) e c) da Lei 7/2007, de 12 abril, do estatuto básico do empregado público
    • a) Permiso por parto: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo e, por cada fillo a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple. O permiso distribuirase a opción da funcionaria sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. En caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, no seu caso, da parte que reste de permiso.
      No entanto o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que ambos os proxenitores traballen, a nai, ao se iniciar o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o outro proxenitor goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai. O outro proxenitor poderá seguir gozando do permiso de maternidade inicialmente cedido, aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo esta se atope en situación de incapacidade temporal.
      Nos casos de goce simultáneo de períodos de descanso, a súa suma non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que corresponderen en caso de discapacidade do fillo ou de parto múltiple.
      Este permiso poderá gozarse a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.
      Nos casos de parto prematuro e naqueles en que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.
      Durante o goce deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración
    • b) Permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do menor adoptado ou acollido e por cada fillo, a partir do segundo, nos supostos de adopción ou acollemento múltiple.
      O cómputo do prazo contarase a elección do funcionario, a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, sen que en ningún caso un mesmo menor poida dar dereito a varios períodos de goce deste permiso.
      No caso de que ambos os proxenitores traballen, o permiso distribuirase a opción dos interesados, que poderán gozalo de xeito simultáneo ou sucesivo, sempre en períodos ininterrompidos.
      Nos casos de goce simultáneo de períodos de descanso, a súa suma non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que corresponderen en caso de adopción ou acollemento múltiple e de discapacidade do menor adoptado ou acollido.
      Este permiso poderá gozarse a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades de servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.
      Se for necesario, o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de até dous meses de duración, durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas.
      Con independencia do permiso de até dous meses previsto no parágrafo anterior e para o suposto contemplado no parágrafo anterior, o permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, poderá iniciarse até catro semanas antes da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou a decisión administrativa ou xudicial de acollemento.
      Durante o goce deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración.
      Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, previstos neste artigo serán os que así se establezan no Código civil ou nas leis civís das comunidades autónomas que os regulen, o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano.
    • c) Permiso por paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla: terá unha duración de vinte e nove días naturais, que gozará o pai ou o outro proxenitor a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. En caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.
      Este permiso é independente do goce compartido dos permisos contemplados nas alíneas a) e b).
      Nos casos previstos nas alínea a), b), e c) o tempo transcorrido durante o goce destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantirase a plenitude de dereitos económicos da funcionaria e, no seu caso, do outro proxenitor funcionario, durante todo o período de duración do permiso, e, no seu caso, durante os períodos posteriores ao goce deste, se de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de goce do permiso.
      Os funcionarios que fagan uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terán dereito, unha vez finalizado o período de permiso, a se reintegraren ao seu posto de traballo en termos e condicións que non lles resulten menos favorables ao goce do permiso, así como a se beneficiaren de calquera mellora nas condicións de traballo ás que puidesen ter dereito durante a súa ausencia.
    • Outros permisos e situacións especiais
      Entenderáselles concedida, con carácter xeral, a comisión de servizo aos/ás profesores/as da Universidade da Coruña que sexan designados membros dos seguintes tribunais e comisións
      1. 1. Comisións xulgadoras de concursos de acceso a prazas de corpos de funcionarios docentes universitarios.
      2. 2. Comisións que teñan que xulgar as probas de habilitación e acreditación.
      3. 3. Tribunais que teñan que xulgar teses de doutoramento en universidades españolas.
      4. 4. Comisións científicas de avaliación de calquera dos planos de investigación.
      5. 5. Comisións que teñan que xulgar os concursos de profesorado en réxime de contratación laboral.
      Nos casos que se indican o/a interesado/a comunicaralle ao director de departamento e mais ao director de centro as datas de asistencia, cunha antelación de, polo menos, tres días, co fin de adoptar as medidas oportunas para cubrir as obrigas docentes.
      En canto ás excedencias estarase ao disposto no seu réxime específico de regulación (Lei 7/2007, de 12 abril, do estatuto básico do empregado público)

2. ANO SABÁTICO

A concesión de licenzas de ano sabático ten como obxectivo mellorar a calidade da docencia e incrementar o potencial investigador da Universidade da Coruña, e rexeranse polas seguintes normas:

2.1. Requisitos dos solicitantes: ser profesor/a doutor/a permanente na Universidade da Coruña, ter un mínimo ininterrompido de sete anos de docencia nela en réxime de dedicación a tempo completo como profesor/a permanente e atoparse nesta mesma dedicación no momento da solicitude.

2.2. Realizar parte do período da licenza noutro centro de ensino superior ou centro de investigación.

2.3. Criterios para a súa concesión

  1. Non ter gozado de ningún ano sabático.
  2. Non ter gozado dun total de doce meses de permiso nos últimos cinco anos.
  3. Interese científico e académico da actividade a desenvolver.
  4. Antigüidade como profesor/a doutor/a permanente na Universidade da Coruña.
  5. Ter desempeñado un cargo académico unipersoal durante un período de catro anos nos últimos seis.
  6. Como regra xeral non poderá concederse máis dunha licenza por área de coñecemento e curso académico. Excepcionalmente, este número poderá elevarse se iso non lle causa prexuízos ao desenvolvemento da docencia e da investigación.

2.4. Solicitudes.- As solicitudes de ano sabático, para un curso académico, deberán dirixirse á Vicerreitoría de Profesorado no segundo trimestre do curso anterior e serán valoradas pola Comisión de Profesorado antes de rematar o mes de xuño, co fin de sometelas a aprobación por parte do Consello de Goberno.

Os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

  1. Instancia dirixida ao reitor.
  2. Curriculum vitae.
  3. Descrición da actividade que se vai realizar durante a licenza, acompañada dunha declaración expresa de que non se dedicará durante o tempo de goce da licenza a ningunha outra actividade distinta daquela para a que se solicita.
  4. Informe do Consello de Departamento, coa mención expresa das medidas arbitradas para cubrir a docencia. De existir capacidade docente na área esta deberase facer cargo da docencia que lle corresponde ao profesor ou profesora.
  5. En caso de ser necesario, e na medida en que os orzamentos da Universidade o permitan, o Consello de Goberno habilitará partidas específicas para cubrir a docencia.

2.5. Concesión.- Correspóndelle ao Consello de Goberno, por proposta da Comisión de Ordenación Académica e Profesorado, que consonte aos criterios fixados nesta normativa, decidirá sobre a súa concesión.

No caso do profesorado que desempeñe unha praza vinculada con función asistencial no Servizo Galego de Saúde, consonte ao Convenio UDC-Servizo Galego de Saúde, o acordo do Consello de Goberno trasladarase á Comisión Mixta UDC-Servizo Galego de Saúde para que esta adopte a decisión que corresponda.

2.6. Retribucións.- Durante o goce do período de ano sabático terase dereito a percibir as retribucións integras.

2.7. Memoria.- Rematado o período da licenza, e antes da finalización do ano natural correspondente, o/a profesor/a debe realizar unha memoria sobre o traballo ou actividades desenvolvidas nese tempo, que lle será remitida ao Consello de Goberno acompañada dun informe emitido polo Consello de Departamento ao que estea adscrito/a.

Os/as profesores/as que gocen dunha licenza de ano sabático conservarán todos os dereitos administrativos derivados da súa situación de servizo activo, a excepción do desempeño de responsabilidades en órganos de goberno unipersoais.

2.8. Disposición derrogatoria

Derrógase a normativa anterior relativa ao aproveitamento de anos sabáticos polo profesorado da Universidade da Coruña.

Anexo I - Licenzas e permisos que se delegan
Anexo II - Vacacións, permisos e licenzas
Excedencias