Normativa que regula os concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios

(Aprobada por acordo do Consello de Goberno do 10 de decembro de 2008)

A Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, pola que se modifica a Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, establece unha nova definición dos corpos de funcionarios docentes universitarios de Catedráticos de Universidade e Profesores Titulares de Universidade, así como un novo procedemento de acceso aos citados corpos que require a previa obtención da acreditación a través da regulación contida no Real Decreto 1312/2007, de 5 de outubro, polo que se establece a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios.

Á súa vez, quen resultasen habilitados ou habilitadas conforme ao disposto no Real Decreto 774/2002, de 26 de xullo, polo que se regula o sistema de habilitación nacional para o acceso a Corpos de Funcionarios Docentes Universitarios e o réxime dos concursos de acceso respectivos, poderán presentarse aos concursos de acceso tendo en conta que se entenderá que posúen a acreditación regulada no Real Decreto 1312/2007.

Todas estas modificacións fan necesario regular o novo procedemento polo que se rexerán os concursos de acceso na Universidade da Coruña, que se axustará a presente normativa,

Artigo 1. Obxecto

A presente normativa ten por obxecto regular o réxime dos concursos para o acceso a prazas dos corpos docentes universitarios de Profesores Titulares de Universidade e Catedráticos de Universidade, establecidos na Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades modificada pola Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril e regulados no Real Decreto 1312/2007, de 5 de outubro.

Artigo 2. Réxime xurídico

Os concursos de acceso aos corpos docentes universitarios aos que se refire o artigo anterior rexeranse polas bases das súas respectivas convocatorias, de acordo co establecido na Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades modificada pola Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, así como no Real Decreto 1312/2007, de 5 de outubro, nos Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, na presente normativa e nas demais normas de carácter xeral que resulten de aplicación.

Artigo 3. Convocatoria dos concursos de acceso

  1. As convocatorias dos concursos de acceso realizaranse mediante resolución reitoral e publicaranse no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia. A convocatoria determinará as prazas obxecto de concurso, sinalando a categoría do corpo, a área de coñecemento á que pertencen e, no seu caso, as actividades docentes e investigadoras asignadas. A existencia das ditas especificacións, en ningún caso, suporá, para quen obteña a praza, un dereito de vinculación exclusiva a esa actividade docente e investigadora, nin limitará a competencia da universidade para asignarlle distintas obrigas docentes e investigadoras. En ningún caso, poderáse facer referencia a orientacións sobre a formación dos posibles candidatos ou calquera outras que vulneres os principios de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública, ou establezan limitacións aos dereitos dos funcionarios establecidos polas leis.
    Cando se trate de prazas asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas dos corpos docentes universitarios, a convocatoria dos concursos de acceso realizarana conxuntamente as dúas institucións e asinaraa o reitor da Universidade, que será o responsable da súa execución.
  2. Os prazos de presentación de solicitudes contará desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.
    Para o cómputo dos prazos a que fai referencia esta normativa expresados en días, estarase ao que dispón o artigo 48.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, excluíndose do cómputo os domingos e os declarados festivos. Entenderanse festivos para os efectos do presente regulamento os festivos locais tanto da Coruña como de Ferrol e ampliarase, en calquera caso, nos dous campus o prazo que se estableza por un numero de días igual ao dos festivos existentes.
    Cando os prazos remataren nun día en que os rexistros xerais da UDC estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.
  3. Para o cómputo de prazos o mes de agosto será inhábil para todos os efectos

Artigo 4. Requisitos dos candidatos

Ademais dos requisitos xerais esixidos para o acceso ao emprego público, os aspirantes deberán reunir os seguintes:
Estar acreditados ou acreditadas de acordo co establecido nos artigos 12 e 13 e disposicións adicionais primeira, segunda, terceira e cuarta do Real Decreto 1312/2007, de 5 de outubro, polo que se establece a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios, ou ser funcionario ou funcionaria de igual ou superior categoría á das prazas convocadas.

Así mesmo, poderán presentarse aos concursos de acceso quen resultasen habilitados ou habilitadas conforme ao establecido no Real Decreto 774/2002, de 26 de xullo, polo que se regula o sistema de habilitación nacional para o acceso a Corpos de Funcionarios Docentes Universitarios e o réxime dos concursos de acceso respectivos. Á súa vez entenderase que os habilitados e habilitadas para Catedrático ou Catedrática de Escola Universitaria tamén o están para Profesor ou Profesora Titular de Universidade.

Artigo 5. Solicitude de participación nos concursos de acceso

  1. As solicitudes para a participación nos concursos de acceso dirixiranse ao reitor no prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE.
  2. As solicitudes presentaranse nos rexistros xerais da Universidade ou por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
  3. Os candidatos deberán presentar xunto coa solicitude a documentación acreditativa de reuniren os requisitos para a participación que se establezan na convocatoria e o xustificante de ter liquidado as taxas correspondentes.
  4. O cumprimento dos requisitos para participar nos concursos irá sempre referido á data límite de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Relacións de admitidos e excluídos

  1. No prazo máximo de quince días desde o remate do prazo para a presentación de solicitudes, a vicerreitoría competente en materia de profesorado publicará unha resolución para aprobar a relación provisoria de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.
  2. Esta relación publicarase nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e difundirase a través de páxina web da Universidade, debendo constar nela a data da súa inserción nos taboleiros.
  3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, que contan a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, para poder emendar o defecto que motivou a exclusión ou a omisión das relacións de admitidos e excluídos. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non reparen o motivo da exclusión ou non aleguen fronte á omisión producida, e xustifiquen o seu dereito a seren incluídas, serán definitivamente excluídas do proceso selectivo.
  4. Unha vez que remate o prazo para emendar os defectos que causaron as exclusións, a antedita vicerreitoría ditará, no prazo máximo de quince días, unha nova resolución para aprobar a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, coa indicación das causas de exclusión.
  5. Esta resolución, que será obxecto de publicación polo mesmo procedemento que a relación provisoria, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos.

Artigo 7. Procedemento dos concursos de acceso

  1. O procedemento de selección deberá valorar, en todo caso, o historial académico, docente e investigador do candidato ou candidata, o seu proxecto docente e investigador, así como contrastar as súas capacidades para a exposición e debate ante a Comisión na correspondente materia ou especialidade en sesión pública e a súa adecuación ás tarefas docentes e investigadoras propias da praza obxecto de concurso.
    Valorarase tamén a experiencia en dirección de equipos de investigación, a participación en actividades de innovación pedagóxica, a participación na vida universitaria a través de labores de xestión, de representación e de difusión da cultura universitaria, así como o coñecemento e uso da lingua propia da UDC.
  2. As comisións determinarán e publicarán os criterios específicos de valoración en función das características das prazas e das actividades docentes e investigadoras que figuren na convocatoria. Nas prazas que pertenzan a áreas de coñecemento de carácter clínico-asistencial, as comisións incluirán criterios de valoración de méritos asistenciais. En todo caso deberán respectar as proporcións que se determinan no anexo a esta normativa para a valoración de cada categoría de méritos.
  3. O proceso poderá concluír coa proposta da Comisión de non prover a praza convocada. Contra esta decisión caberá presentar a oportuna reclamación conforme ao disposto no artigo 15.

Artigo 8. Garantías das probas

  1. Nos concursos de acceso quedarán garantidos, en todo momento, a igualdade de oportunidades dos aspirantes, o respecto aos principios de mérito e capacidade e o principio de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes.
  2. As Universidades garantirán a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e adoptarán as oportunas medidas de adaptación ás necesidades das persoas con discapacidade.
  3. Nos concursos de acceso, a universidade fará pública a composición das comisións, así como os criterios para a adxudicación das prazas. Unha vez celebrados, fará públicos os resultados da avaliación de cada candidato ou candidata, desglosada por cada un dos aspectos avaliados.

Artigo 9. Comisións de selección

  1. Os concursos de acceso a prazas dos corpos docentes universitarios serán xulgados por comisións de selección compostas por cinco membros da área de coñecemento e de igual ou superior categoría que a da praza obxecto do concurso que cumpran os seguintes requisitos:
    Para as prazas de Profesor Titular de Universidade deberán pertencer a este corpo, ao de Catedráticos de Escola Universitaria ou ao de Catedráticos de Universidade, e contar con, polo menos, unha avaliación positiva da súa actividade investigadora, segundo as previsións do Real Decreto 1086/1989 de retribucións do profesorado ou norma que o substitúa.
    No caso das Comisións de Selección para prazas de Catedrático de Universidade, os Catedráticos de Universidade deberán contar con, polo menos, dúas avaliacións positivas da súa actividade investigadora, segundo as previsións do Real Decreto 1086/1989 de retribucións do profesorado ou norma que o substitúa.
  2. O departamento correspondente proporá o presidente e o secretario e cinco membros máis a partir dos que o Consello de Goberno designará os tres vogais.
  3. Os suplentes proporanse e designaranse do mesmo xeito.
  4. Os nomeamentos, que serán efectuados polo reitor, son irrenunciables agás cando concorra causa xustificada que impida a súa actuación como membro da mesma. Neste caso, a apreciación da causa alegada corresponderá ao reitor, que deberá resolver, no prazo de cinco días, a contar desde a recepción da renuncia, actuándose a continuación, segundo o procedemento establecido no artigo 10.
  5. No caso en que concorran os motivos de abstención a que se refire o apartado 2 do artigo 28 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, os interesados deberán absterse de actuar na comisión e manifestar o motivo concorrente.
    Cando se produza a recusación a que se refire o artigo 29 da citada Lei 30/1992, o recusado manifestará no día seguinte ao da data de coñecemento da súa recusación se se dá ou non nel a causa alegada. Se nega a causa de recusación, o reitor resolverá no prazo de tres días hábiles, previos os informes e comprobacións que considere oportunos. Contra esta Resolución non se poderá presentar reclamación algunha, sen prexuízo de que se alegue a mesma ao interpor posteriores recursos.
    Nos casos de abstención, recusación ou de causa xustificada que impidan a actuación dos membros da comisión titular, serán substituídos polos seus respectivos suplentes.
  6. Os membros das comisións poderán estar en calquera das situacións administrativas a que se refire o artigo 85 da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, agás as de excedencia e suspensión de funcións, todo isto con anterioridade á data de expiración do prazo para a presentación de solicitudes de participación dos candidatos nas probas correspondentes.
  7. Preferentemente integrarán as comisións de selección os profesores funcionarios da UDC da área a que pertenza a praza en concurso. No suposto de que na área da praza non existise profesorado suficiente na UDC para a conformación da comisión ou cando o Consello de Departamento así o estimar, poderá proporse profesorado doutras universidades da mesma área a que pertenza a praza.
  8. Nos concursos de acceso para ocupar prazas asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas docentes dos corpos de Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Universidade, dous dos membros das Comisións, que serán doutores, deberán estar en posesión do título de especialista que se esixa como requisito para concursar á praza, e serán elixidos por sorteo público pola institución sanitaria correspondente, entre o correspondente censo público que anualmente comunicará ao Consello de Universidades.
  9. A participación nas comisións de selección dará dereito ás percepcións económicas que se determinaren
  10. A composición das Comisións de Selección deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros, procurando unha composición equilibrada entre mulleres e homes. Con este fín a proposta do departamento deberá contar cun mínimo de dous homes e dúas mulleres, agás que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.
  11. Para garantir a transparencia e obxectividade no nomeamento dos membros das Comisións que resolverán os concursos de acceso, a Universidade publicará o contido dos currículos dos seus membros, respecto dos datos recollidos no Anexo do Real Decreto 1312/2007, de 5 de outubro, polo que se establece a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios das Comisións, de acordo co artigo 62.3 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades na súa nova redacción dada por Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

Artigo 10. Constitución das comisións

  1. As comisións de selección constituiranse no prazo máximo de tres meses desde o día seguinte á data de publicación no BOE da correspondente convocatoria. Dentro de dito prazo, o presidente, logo de consultar cos restantes membros ditará unha resolución que se notificará a todos os interesados cunha antelación mínima de quince días naturais respecto da data do acto para o que se os cita, convocando a:
    1. Todos os membros titulares da comisión e, de ser o caso, os suplentes, para efectuar acto de constitución da mesma e fixar a continuación e facer públicos os criterios específicos de selección a que se refire o artigo 7.2. Na citación indicarase o día, hora e lugar para o acto de constitución.
    2. Todos os aspirantes admitidos a participar no concurso, para realizar o acto de presentación de concursantes, con indicación de día, lugar e hora para a realización de dito acto; a estes efectos o prazo entre a data previsto para o acto de constitución da comisión e a data sinalada para o acto de presentación non poderá exceder de dous días hábiles.
  2. A válida constitución da comisión esixirá a presenza de todos os seus membros. Os membros titulares que non asistisen ao acto de constitución serán substituídos polos seus suplentes. En caso de que tampouco asista o suplente correspondente a substitución producirase por orde correlativa entre o resto dos suplentes.
  3. Ínmediatamente despois de constituirse, a comisión establecerá e fará públicos os criterios específicos de selección a que se refire o artigo 7.2.. Para a valoración dos méritos e historial das persoas candidatas respectaranse as proporcións que se sinalan no anexo a esta normativa para cada categoría de méritos.
  4. Unha vez constituída a comisión, en caso de ausencia do presidente, este será substituído polo vogal de maior categoría e antigüidade. O secretario será substituído, de ser o caso, polo vogal de menor categoría e antigüidade. A válida actuación da comisión requirirá a participación de polo menos tres dos seus membros, agás no caso das comisións encargadas de resolveren os concursos para ocupar prazas asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas docentes que requirirán a presenza de catro dos seus membros, sendo polo menos un deles elixido polo procedemento sinalado no artigo 6.7.
    Se unha vez comezada a primeira proba a comisión quedase con menos de tres membros, procederase ao nomeamento dunha nova comisión polo procedemento establecido no artigo 9 e non poderán formar parte dela os membros da primeira que cesasen nesta condición.
  5. Os membros da comisión que estivesen ausentes nalgunha das probas correspondentes a algún dos concursantes cesarán na súa calidade de membros da mesma, sen prexuízo das responsabilidades en que puidesen incorrer.
  6. Transcorrido o prazo a que se refire o apartado 1 deste artigo sen que se constituíu a Comisión, o Reitor procederá de oficio ou a instancia de parte interesada á substitución do Presidente.

Artigo 11. Acto de presentación dos candidatos

  1. O acto de presentación será público e, no transcurso deste, os candidatos entregarán ao presidente da comisión de selección:
    1. Cinco exemplares do seu historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial, xunto cun exemplar das publicacións e dos documentos acreditativos dos seus méritos.
    2. Proxecto docente, por quintuplicado, que o candidato se propón desenvolver de serlle adxudicada a praza á que concursa; dito proxecto axustarase, se se fixasen na convocatoria, ás especificacións establecidas.
  2. No acto de presentación, os concursantes recibirán cantas instrucións sobre a celebración das probas deban comunicárselles; así mesmo, determinarase, mediante sorteo, a orde de actuación dos concursantes e fixarase o lugar, data e hora do comezo das probas.
  3. As probas serán públicas e cada unha delas será eliminatoria.
  4. O secretario da comisión garantirá que a documentación que entreguen os concursantes poida ser consultada antes do inicio das probas polos candidatos.

Artigo 12. Realización das probas

  1. Os concursos de acceso a Catedráticos de Universidade constarán dunha única proba, que será pública e consistirá na exposición oral dos méritos e historial académico, docente e investigador e, no seu caso, asistencial-sanitario, alegados polo concursante. Así mesmo, o concursante deberá presentar e defender o proxecto docente e investigador a desenvolver no caso de lle ser outorgada a praza.
    A exposición de cada candidato non poderá superar os 90 minutos.
    Seguidamente, a comisión debaterá co candidato sobre os seus méritos, historial académico, docente e investigador e sobre o proxecto docente e investigador presentado, durante un tempo máximo de dúas horas.
    Finalizada a proba, cada membro da comisión entregará ao presidente un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados, de valoración dos méritos e historial académico, docente e investigador, e de ser o caso asistencial-sanitario, así como o proxecto docente e investigador alegado e defendido por cada candidato, Á vista dos informes, a comisión procederá a unha votación, non sendo posible a abstención, para determinar a orde dos candidatos na proposta que se formulará ao reitor. Non superarán a proba os candidatos que non obtivesen, polo menos, tres votos favorables.
    No caso de que exista unha única persoa aspirante, a comisión, despois de analizar a documentación que esta presente, se considera por unanimidade que resulta suficiente para a superación da proba, poderá eximila da exposición oral e do posterior debate, e procederá directamente a realizar a proposta de provisión correspondente.
  2. Os concursos de acceso a Profesores Titulares de Universidade constarán das seguintes probas:
    1. Primeira proba: consistirá na exposición oral dos méritos e historial académico, docente e investigador e, no seu caso, asistencial-sanitario, alegados polo concursante. Así mesmo, o concursante deberá presentar e defender o proxecto docente e investigador a desenvolver no caso de lle ser outorgada a praza.
      A exposición de cada candidato non poderá superar os 90 minutos.
      Seguidamente, a comisión debaterá co candidato sobre os seus méritos, historial académico e investigador e sobre o proxecto docente e investigador presentado, durante un tempo máximo de dúas horas.
      Finalizada a proba, cada membro da comisión entregará ao presidente un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados, de valoración dos méritos e historial académico, docente e investigador, e de ser o caso asistencial-sanitario, así como o proxecto docente e investigador alegado e defendido por cada candidato.
      Á vista dos informes, a comisión procederá a unha votación, non sendo posible a abstención, para determinar o paso dos candidatos ás probas sucesivas. Non pasarán á seguinte proba os candidatos que non obtivesen, polo menos, tres votos favorables.
    2. Segunda proba: consistirá na exposición oral dun tema do programa presentado pola persoa candidata e elixido por esta durante un tempo máximo dunha hora. Seguidamente, a comisión debaterá co/a candidato/a sobre os contidos expostos, a metodoloxía a utilizar e todos aqueles aspectos que estime relevantes en relación co tema, durante un tempo máximo de dúas horas.
      Finalizada a proba, cada membro da comisión entregará ao presidente un informe razoado valorando os contidos e metodoloxía expostos por cada uno dos candidatos.
      Á vista dos informes, a comisión procederá a unha votación, sen que sexa posible a abstención, para determinar o paso á terceira proba. Non pasarán á seguinte proba os candidatos que non obtivesen, polo menos, tres votos favorables.
    3. Terceira proba: consistirá na exposición oral polo/a candidato/a, durante un tempo máximo de noventa minutos, dun traballo orixinal de investigación realizado polo/a candidato/a. Seguidamente, a comisión debaterá co candidato todos aqueles aspectos que estimase relevantes en relación co traballo orixinal de investigación, durante un tempo máximo de dúas horas.
      O candidato entregará ao presidente da comisión un resumo ou guión escrito, por quintuplicado, do traballo de investigación, ao facerse público o resultado favorable da segunda proba.
      Finalizada a proba, cada membro da comisión entregará ao presidente un informe razoado valorando os contidos e a metodoloxía expostos por cada unha das persoas candidatas.
      Á vista dos informes, a comisión procederá á votación, sen que sexa posible a abstención
  3. De acordo con estes informes, a comisión elaborará unha proposta de provisión que deberá ser aprobada por, cando menos, tres votos a favor. No caso das prazas vinculadas requiriranse catro votos. Os membros da comisión que voten en contra da proposta maioritaria terán que facer constar a motivación do seu voto.
  4. A proposta incluirá unha relación de todos os candidatos que sexan considerados aptos para ocupar a praza por orden de preferencia para o nomeamento polo reitor.
  5. No caso de que exista unha única persoa aspirante e teña a condición de profesor titular de universidade ou profesor contratado doutor, a comisión, despois de analizar a documentación que ésta presente, se considera por unanimidade que resulta suficiente para a superación das probas, poderá eximila da realización das mesmas e procederá directamente a realizar a proposta de provisión correspondente.

Artigo 13. Proposta

  1. Nun prazo máximo de cinco días, desde o seguinte á finalización das probas publicarase no taboleiro de anuncios do centro en que actúe a comisión de selección, a proposta motivada e vinculante de nomeamento para a provisión da praza, con expresión de todos os candidatos propostos por orde de preferencia. Esta proposta será formalizada no modelo normalizado de acta que proverá a vicerreitoría competente en materia de profesorado e faranse constar os mecanismos de impugnación que poidan utilizar os interesados. A proposta permanecerá exposta, polo menos, ata a expiración do prazo para interpor as correspondentes reclamacións.
  2. Unha vez que se publique, o presidente da comisión de selección ou, de ser o caso, o secretario entregaralle a proposta á Secretaría Xeral xunto coas actas e cos informes que compoñen o expediente, un exemplar da documentación que achegará cada candidato coa xustificación documental correspondente e a certificación do secretario da comisión en que se faga constar a data de publicación no taboleiro do centro.
  3. Tras rematar o procedemento, a documentación dos concursantes quedará ao seu dispor na Secretaría Xeral de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que os interesados poidan realizar copia da documentación para outros efectos.
    Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación que non fose retirada será destruída.

Artigo 14. Nomeamento

  1. No prazo máximo de vinte días que contará desde o seguinte ao de publicación da proposta de nomeamento o candidato proposto en primeiro lugar pola comisión de selección ten que acreditar que cumpre os requisitos xerais para o acceso á función pública. Están exentos de acreditar ditos requisitos os que teñan a condición de funcionario.
  2. No caso de que o primeiro candidato proposto non acredite en tempo e forma os extremos sinalados no parágrafo anterior o reitor procederá, de xeito sucesivo, ao nomeamento dos seguintes candidatos propostos segundo a orde establecida pola comisión de selección, logo de que estes acrediten os mencionados requisitos en idéntico prazo de vinte días.
  3. Os nomeamentos, que especificarán a denominación da praza con indicación da área de coñecemento e o corpo a que pertence, publicaranse no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia e comunicaránselle aos rexistros correspondentes para o efecto da concesión do número de rexistro de persoal e de inscrición no corpo respectivo, así como á Secretaría Xeral do Consello de Universidades.
  4. No prazo de vinte días que contará desde o seguinte ao de publicación do nomeamento no Boletín Oficial do Estado o candidato nomeado deberá tomar posesión da praza, momento en que adquirirá a condición de funcionario do corpo docente de que se trate.
  5. A praza obtida tras o concurso de acceso deberá desempeñarse durante dous anos, polo menos, antes de poder participar nun novo concurso para obter unha praza noutra universidade.

Artigo 15. Comisións de reclamacións

  1. Contra as propostas das comisións dos concursos de acceso, os concursantes poderán presentar reclamación ante o Reitor, no prazo de dez días. Admitida a trámite a reclamación, suspenderanse os nomeamentos ata a súa resolución. A reclamación será valorada por unha comisión composta por sete catedráticos ou catedráticas de universidade pertencentes a diversos ámbitos do coñecemento, designados polo Claustro da Universidade, con ampla experiencia docente e investigadora.
    A comisión de reclamacións oirá aos membros da comisión contra cuxa proposta se presentara a reclamación, e aos candidatos que participasen no concurso.
    Esta Comisión examinará o expediente relativo ao concurso para velar polas garantías establecidas e ratificará ou non a proposta reclamada no prazo máximo de tres meses, tras o que o Reitor ditará a resolución de acordo coa proposta da Comisión. O transcurso do prazo establecido sen resolver entenderase como rexeitamento da reclamación presentada.
  2. As resolucións do Reitor a que se refire o apartado anterior deste artigo esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co establecido na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-administrativa.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a normativa anterior sobre os concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios aprobada no Consello de Goberno do 29 de abril de 2005.

ANEXO

BAREMO PARA A VALORACIÓN DE MÉRITOS NOS CONCURSOS DE ACCESO AOS CORPOS DE FUNCIONARIOS DOCENTES UNIVERSITARIOS

  1. Nos concursos de acceso a Catedráticos e Profesores Titulares de Universidade (primeira proba) as comisións de selección determinarán os criterios para a valoración dos méritos e historial das persoas candidatas de acordo co especificado no artigo 7.2, respectando en todo caso as seguintes proporcións en cada categoría de méritos e tendo en conta que a suma das porcentaxes deberá ser 100:
    Traxectoria de investigación................................................................................... entre 40% e 50%
    Actividade docente universitaria e innovación pedagóxica.............................. entre 30% e 40%
    Outros méritos relevantes para a praza.............................................................. entre 10% e 20%
    • Participación na xestión e representación académicas e na difusión da cultura universitaria
    • Coñecemento e uso da lingua propia da UDC
    • Outros
  2. No caso de prazas de corpos de funcionarios docentes universitarios vinculadas a prazas asistenciais de institucións sanitarias, os criterios que fixen as comisións de selección terán en conta o que especifica o artigo 7.2, respectarán en todo caso as seguintes proporcións en cada categoría de méritos coidando que a suma das porcentaxes sexa 100:
    Traxectoria de investigación................................................................................... entre 40% e 50%
    Actividade docente universitaria e innovación pedagóxica.............................. entre 20% e 30%
    Experiencia asistencial........................................................................................... entre 15% e 25%
    Outros méritos relevantes para a praza.............................................................. entre 10% e 20%
    • Participación na xestión e representación académicas e na difusión da cultura universitaria
    • Coñecemento e uso da lingua propia da UDC
    • Outros