Procedemento para cubrir temporalmente necesidades docentes

(Aprobado no Consello de Goberno do 30 de xuño de 2006)

A Xunta de Galicia, no uso das competencias que lle atribúe o artigo 48.1 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades, estableceu mediante o Decreto 266/2002, do 6 de setembro.(BOE do 17 de setembro), o réxime do persoal docente e investigador contratado das Universidades Públicas de Galicia.

A disposición adicional do referido decreto establece a posibilidade de contratar profesores interinos de substitución para cubrir as necesidades docentes que se produzan por causas xustificadas, como maternidade, enfermidade ou outras semellantes.

En relación con estas situacións, o Convenio Colectivo para o Persoal Docente e Investigador Laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, establece no seu artigo 9 as circunstancias e o procedemento que debe de seguirse para cubrir temporalmente necesidades docentes.

Con base na dita normativa e para poder atender adecuadamente o normal desenvolvemento das actividades docentes que non poidan ser cubertas coas dispoñibilidades da área de coñecemento, o Consello de Goberno acordou establecer o seguinte procedemento para a creación e xestión de listaxes de espera para contratar profesores asociados ou interinos de substitución:

Primeiro.- Listaxes de espera

Cando como consecuencia dun concurso para a contratación de persoal docente, dentro dun curso académico, houbese varios candidatos propostos para a provisión dunha praza constituiranse listaxes de espera por departamento, área de coñecemento e categoría, coa finalidade de atender necesidades docentes que se poidan producir ao longo dese curso académico por causas xustificadas e que non poidan ser cubertas polo profesorado da área.

A orde de prelación nas listaxes virá determinada pola situación que ocupen os aspirantes nas respectivas propostas.

De existir máis dunha lista de agarda por terse realizado concursos para cubrir prazas de distinta categoría nunha mesma área de coñecemento, seguiranse os seguintes criterios de prelación:

  1. Terán preferencia os concursos que foron convocados por vía ordinaria sobre os que o foron pola vía de urxencia e, dentro de cada tipo de concurso, as convocatorias posteriores sobre as anteriores.
  2. Se houber listaxes de varias prazas con diferentes categorías seguirase a seguinte orde:
    • profesor contratado doutor
    • profesor axudante doutor
    • profesor colaborador
    • axudante
    • profesor interino de substitución
    • asociado

Os concursantes que figuren nas listaxes e sexan chamados para cubrir unha praza, unha vez rematado o seu contrato reintegraranse a elas no posto que orixinariamente ocupaban.

Segundo. – Concurso polo procedemento de urxencia

Para o caso de que non sexa posible atender as necesidades docentes con profesorado da área de coñecemento, segundo o procedemento que establece o convenio colectivo, e de non poderse cubrir a través das listaxes de espera, o departamento propoñerá ao vicerreitor de Profesorado convocar un concurso público urxente para seleccionar un profesor asociado ou interino de substitución.

Corresponderá ao vicerreitor de Profesorado determinar a figura contractual e a dedicación acorde coas necesidades docentes.

A convocatoria farase coa mesma difusión que a dun concurso ordinario.

As instancias para participar no concurso presentaranse no Rexistro Xeral, na universidade ou na vicerreitoría do campus de Ferrol, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC) -BOE do 27 de novembro-, utilizando o modelo oficial que se facilitará na Reitoría, na vicerreitoría do campus de Ferrol e na páxina web da universidade. Nos mesmos lugares será facilitado o modelo de "curriculum vitae".

Os concursantes que presenten as súas solicitudes polo procedemento que establece o artigo 38 da LRXPAC deberán comunicalo telefonicamente ao Servizo de Persoal Docente e Investigador.

O prazo para a presentación de solicitudes será de cinco días hábiles.

Unha vez rematado o prazo de solicitudes publicarase a relación de concursantes así como a composición da comisión que resolverá o concurso.

A comisión de selección estará formada polo/a decano/a ou director/a do centro, o/a director/a do departamento e tres profesores do departamento designados por sorteo, preferentemente entre os profesores da área de coñecemento á que corresponda a praza, e un membro proposto polo representante dos traballadores.

Para a valoración dos méritos dos concursantes aplicarase o baremo que establece a normativa que regula o procedemento de selección de persoal docente e investigador interino e laboral contratado aprobada polo Consello de Goberno. Para as prazas de profesor interino de substitución aplicarase o baremo establecido nela para os profesores colaboradores.

No prazo de dez días dende que reciba a documentación a comisión avaliará os méritos dos candidatos e remitirá a súa proposta ao reitor para os efectos de resolver o concurso. A dita proposta publicarase no taboleiro de anuncios do centro.

A resolución do concurso publicarase inmediatamente despois de que se formule a proposta. As reclamacións e recursos que poidan presentarse non suspenderán a contratación da persoa proposta.

A notificación da resolución farase a través da publicación nos taboleiros de anuncios da Reitoría e na vicerreitoría do campus de Ferrol, así como na páxina web da universidade. Esta publicación substituirá a notificación persoal aos interesados e producirá os mesmos efectos, segundo o previsto no art 59.6.b da Lei 30/1992, de 26 de novembro.

Contra esa resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a contar desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co art. 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente, e con carácter potestativo, poderase interpoñer recurso de reposición perante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co establecido no art. 116 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).
A persoa candidata a que se lle adxudicou a praza deberá presentarse nun prazo de cinco días no Servizo de Persoal Docente e Investigador para a formalización do correspondente contrato.

No suposto de que a persoa candidata exercese outra actividade manifestamente incompatible, renunciara á praza ou non chegase a incorporarse no prazo sinalado, o Reitor procederá a asignar a praza ao seguinte concursante segundo a orde de puntuación que figure na proposta

Terceiro. Modalidade e duración dos contratos de substitución

  1. A modalidade de contrato será a de profesor asociado ou a de profesor interino de substitución que establece a disposición adicional Decreto 266/2002, do 6 de setembro (BOE do 17 de setembro).
  2. A duración dos contratos efectuados por este procedemento non poderá ser superior á do curso académico no que se efectúe a contratación, con excepción dos contratos que substitúan docencia de pofesores en situacións con dereito a reserva de posto (maternidade, incapacidade temporal, comisións de servizos, servizos especiais...), que se extinguirán cando se reincorpore o traballador substituído. Non obstante o anterior, a finalización dun contrato nunca poderá ser posterior á data en que remate o contrato da persoa á que se substitúe