Orde do 1 de abril de 2003,

pola que se establecen os criterios xerais de informe e avaliacións da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación do persoal docente e investigador. (DOG do 21 de abril de 2003)

A Lei orgánica 6/2001, de universidades atribúe, no seu artigo 31, as funcións de avaliación, certificación e acreditación á Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación e os órganos de avaliación que as leis doutras comunidades autónomas determinen.

Creada e publicada por Resolución do 12 de marzo de 2001, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, atribúenselle as competencias citadas no parágrafo primeiro, pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, a través da súa disposición adicional vixésimo sétima que establece:

«A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia asumirá, no ámbito da Comunidade Autónoma as funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas na Lei orgánica 6/2001, de universidades.

O Consello da Xunta e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán adoptar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do indicado no parágrafo anterior».

O informe e avaliación veñen determinadas dun xeito máis específico nos artigos 50, 51 e 52 da Lei orgánica 6/2001, como requisito previo para a contratación do profesorado universitario. No seu artigo 72 faise tamén referencia á contratación de polo menos o 25% do persoal docente e investigador das universidades privadas.

É pois, que unha vez informados polo Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia os criterios xerais para avaliar ou informar as actividades docentes, investigadoras e de xestión, dos profesores, procédese a publicar estes.

En virtude do anterior, esta consellería

DISPÓN:

ARTIGO 1º.-PROFESOR CONTRATADO DOUTOR

Na avaliación para profesores contratados doutores e profesores de universidades privadas serán valorados os seguintes méritos dos solicitantes:

  1. Experiencia investigadora.Valoraranse principalmente os seguintes méritos investigadores:
    • Artigos de valor científico en revistas de recoñecido prestixio no seu ámbito.
    • Outras publicacións científicas, incluíndo libros, capítulos de libros, prólogos, introducións e anotacións a textos de recoñecido valor científico.
    • Patentes, modelos de utilidade e outros resultados da investigación, en especial os que produzan transferencia tecnolóxica ao sector produtivo.
    • Participación en proxectos de investigación obtidos en convocatorias públicas e competitivas.
    • Participación en contratos de investigación de especial relevancia en empresas ou na Administración pública e outras entidades de recoñecido prestixio.
    • Estadías de investigación, en especial, as financiadas mediante programas competitivos.
    • Contribucións a congresos, seminarios, exposicións artísticas e conferencias de recoñecido prestixio.
    • Dirección de teses doutorais.
    • Outros méritos de investigación relevantes.
      Os recén citados criterios xenéricos acomodaranse ás especificacións propias dos diversos campos científicos que se van avaliar. Ao respecto enténdese por campos científicos os contemplados para efectos de avaliación dos períodos da actividade investigadora a que se refire o artigo 57.4º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.
  2. Experiencia docente. Valoraranse principalmente os méritos docentes:
    • A amplitude, intensidade e tipo da docencia. Os ciclos do ensino en que se participou. As institucións en que se exerceu a docencia. Teranse en conta as avaliacións que sobre a calidade da súa docencia achegue a persoa solicitante. Valorarase a experiencia docente en centros de recoñecido prestixio, distinto daquel en que se defendeu a tese de doutoramento, debidamente certificada polos seus responsables académicos.
    • O material orixinal do solicitante (manuais, libros de prácticas, guías, etc.) calquera que sexa o soporte empregado.
    • A formación didáctica para a actividade docente (estadías en centros de formación docente, participación en cursos, congresos ou programas específicos) e a utilización das novas tecnoloxías nos procesos de transmisión do coñecemento, así como a participación en proxectos de innovación docente obtidos en convocatorias competitivas.
    • Outros méritos docentes relevantes.
  3. Formación académica.Valoraranse os resultados da formación académica, en especial a desenvolvida durante e despois do doutoramento. Teranse en conta a calidade das institucións e os programas en que se formou o solicitante. Igualmente valoraranse as bolsas e axudas de carácter competitivo recibidas de programas autonómicos, estatais e internacionais.
  4. Experiencia e outros méritos profesionais.Valorarase o interese e a relevancia práctica que para a docencia e a investigación ten a experiencia profesional do solicitante.
  5. Experiencia en xestión. Valorarase a experiencia en xestión así como os postos ou cargos desempeñados.
  6. Outros méritos.

ARTIGO 2º.-PROFESOR AXUDANTE DOUTOR

Na avaliación para profesor axudante doutor serán valorados os seguintes méritos das persoas solicitantes:

  1. Formación académica.Valorarase a amplitude e resultados da formación académica predoutoral así como a relacionada co programa de doutoramento cursado, atendendo á calidade do programa e da institución correspondente no campo científico do solicitante. Consideraranse tamén os cursos, seminarios e talleres en que participase, tanto no que se refire ao seu ámbito disciplinar como á formación específica como docente universitario. Terase en conta igualmente a formación do solicitante en técnicas e tecnoloxías didácticas.
  2. Publicacións e teses de doutoramento. Valorarase a calidade, orixinalidade e relevancia da tese de doutoramento. Valoraranse igualmente as publicacións relacionadas e outras publicacións de valor científico no seu ámbito, así como os relatorios e comunicacións presentadas en congresos.
  3. Estadías en centros autonómicos, estatais e internacionais e axudas recibidas. Valoraranse as estadías pre e pos doutorais, atendendo aos seus resultados formativos e á calidade do programa e institución correspondente no campo científico da persoa solicitante, así como as bolsas e axudas de carácter competitivo recibidas, en especial as relacionadas coa participación en programas autonómicos, estatais ou internacionais.
  4. Participación en proxectos de investigación obtidos en convocatorias públicas e competitivas, en especial os financiados mediante programas autonómicos, estatais ou internacionais.Valorarase igualmente a participación en contratos de investigación de especial relevancia en empresas ou na administración pública e outras entidades de recoñecido prestixio, así como as contribucións a congresos, seminarios, exposicións artísticas e conferencias.
  5. Formación para a docencia.Valorarase a formación na metodoloxía para a docencia e a experiencia docente se a houber. Valorarase a formación didáctica para a actividade docente (estadías en centros de formación docente, participación en cursos, congresos ou programas específicos) e a utilización das novas tecnoloxías nos procesos de transmisión do coñecemento, así como a participación en proxectos de innovación docente obtidos en convocatorias competitivas.
    Valorarase o material docente orixinal da persoa solicitante (manuais, libros de prácticas, guías, etc.) calquera que sexa o soporte empregado.
  6. Experiencia en xestión.Valorarase a experiencia en xestión así como os postos ou cargos académicos desempeñados na universidade.
  7. Outros méritos.

ARTIGO 3º.-PROFESOR COLABORADOR

No informe para profesor colaborador serán valorados os seguintes méritos dos solicitantes:

  1. Experiencia docente.Valoraranse principalmente os seguintes méritos docentes:
    • A amplitude, intensidade e tipo de docencia no seu ámbito disciplinar. Os ciclos do ensino en que se participou.
    • A formación didáctica para a actividade docente, material orixinal da persoa solicitante, e a utilización das novas tecnoloxías nos procesos de transmisión do coñecemento.
    • Outros méritos docentes.
  2. Formación académica. Valorarase a formación académica en diplomatura e licenciatura da persoa solicitante, tendo en conta as bolsas e premios de carácter competitivo obtidos. Consideraranse tamén os cursos, seminarios e talleres en que participara e teranse en conta as estadías realizadas en centros docentes e de investigación.
  3. Publicacións.Valorarase a calidade e importancia das publicacións relacionadas co campo científico, así como a realización de informes, ditames, asesoramentos, etc.
  4. Experiencia e outros méritos profesionais.Valorarase o interese e a relevancia que para a docencia teórica e práctica ten a experiencia profesional da persoa solicitante.
  5. xperiencia en xestión.Valorarase a experiencia en xestión así como os postos ou cargos desempeñados.
  6. Outros méritos.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Primeira.-Facultase ao director xeral de Universidades para dictar as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Está orde entrara en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2003.

 

CELSO CURRÁS FERNÁNDEZ

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria