Normativa de contratación de profesores eméritos

(Aprobada polo Consello de Goberno na súa reunión do día 14 de decembro de 2004)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades (BOE de 24 de decembro), no seu artigo 54.1, habilita ás Universidades Públicas para contratar con carácter temporal, en réxime laboral e de acordo co establecido nos seus Estatutos, profesores eméritos entre funcionarios xubilados dos corpos docentes universitarios que teñan prestado servizos destacados á universidade.

Ademais, o artigo 48.1 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades (LOU) asigna ás Comunidades Autónomas a competencia para establecer o réxime do persoal docente e investigador contratado laboral das universidades. En desenvolvemento desta competencia a Xunta de Galicia dictou o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado (DOG de 17 de setembro), que destina o seu artigo 9 á regulación da figura de Profesor Emérito.

Por outra parte, e a teor do mandato legal establecido no citado artigo 54.1 da LOU, os Estatutos elaborados pola Universidade da Coruña recollen, no artigo 77, os aspectos substantivos da figura de Profesor Emérito.

Ao efecto, o Consello de Goberno da UDC é sensíbel ás amplas posibilidades que brinda a normativa xeral en materia de profesorado, ao permitir contratar e conservar como Profesores Eméritos aos profesores xubilados dos corpos docentes universitarios que teñan prestado destacados servizos á docencia e á investigación, a fin de permitir a transmisión do seu saber e experiencia aos estudantes e ás novas xeracións de persoal docente e investigador da nosa Universidade. Por todo isto, apréciase a necesidade de regular os aspectos procedimentais para a contratación de Profesores Eméritos, que inclúen as fases de solicitude, avaliación e informe, formalización dos contratos e posíbel prórroga dos mesmos.

Debido ao anterior e en virtude das atribucións que o artigo 15 da LOU asigna aos Consellos de Goberno das Universidades, o Consello de Goberno da UDC, na súa reunión do día 14 de decembro de 2004 e a proposta da Comisión de Organización Académica e Profesorado, aproba o presente Regulamento para a contratación de Profesores Eméritos da UDC.

Artigo 1º. Solicitudes

  1. No segundo trimestre de cada Curso Académico, por iniciativa dun departamento ou centro, presentaranse as propostas para a contratación de profesores eméritos, así como as solicitudes para a concesión de prórrogas dos contratos que finalicen durante o seguinte curso.
  2. Poderase solicitar a contratación como Profesores Eméritos daqueles profesores pertencentes aos corpos docentes universitarios que o soliciten e que se encontren en situación de xubilados, así como tamén daqueles que vaian pasar a dita situación durante o referido curso. En todos os casos, para a tramitación e avaliación das súas solicitudes, deberán xustificar os requisitos seguintes:
    1. Ter prestado servizos destacados á Universidade durante un mínimo de vintecinco anos de que ao menos dez fosen prestados en servizo activo na UDC.
    2. Ter acadado a xubilación na UDC e ter cumpridos menos de setenta e dous.
    3. Ter concedidos pola CNEAI un mínimo de tres tramos de avaliación positiva da súa actividade investigadora (sexenios).
    4. Ter dirixido 5 ou máis teses doutorais ou ter sido investigador principal de 5 proxectos competitivos de investigación financiados con fondos públicos alleos á UDC.
  3. As solicitudes de contratación, ou de prórroga, de Profesor Emérito realizaranse segundo o modelo do Anexo I e deberán aportar o "curriculum vitae" completo do solicitante no caso de nova solicitude e o currículum complementario, no caso de prórroga, segundo o modelo do Anexo II.
  4. As propostas acompañaranse dun informe da Xunta de Centro e doutro do Departamento en que debe figurar o plan de traballo que comprenda as tarefas a desenvolver polo Profesor Emérito durante os dous cursos seguintes. Ditas tarefas consistirán, preferentemente, na dirección de actividades de investigación, na docencia correspondente ao terceiro ciclo e, en xeral, en estudos de especialización científica e profesional, nas actividades de extensión universitaria e outras equiparábeis.

A actividade dos profesores eméritos desenvolverase a tempo parcial ou completo.

Artigo 2º. Avaliación das solicitudes e informe favorábel do Consello de Goberno

  1. Con carácter previo á súa aprobación polo Consello de Goberno as propostas para a contratación de profesores eméritos así como para a concesión de prórrogas serán avaliadas e informadas pola COAP, que á vista da documentación aportada formulará a correspondente proposta de contratación.
    A tal efecto, para a contratación de novos profesores eméritos terán a consideración de méritos relevantes entre outros os seguintes:
    1. Os anos de servizo na universidade e, en particular, os anos de servizo na UDC.
    2. O labor desempeñado no ámbito da docencia e da investigación, así como os resultados da avaliación correspondente.
    3. O proxecto das actividades que o solicitante se propón desenvolver durante o período para o que se solicita o contrato.
    4. As estancias en institucións científicas e académicas estranxeiras.
    5. O desempeño de cargos académicos.
  2. Para a avaliación das solicitudes de prórroga teranse en conta, preferentemente, a actividade docente desenvolvida durante o contrato que se ven disfrutando e a producción científica recente do solicitante. En particular, a COAP deberá avaliar o cumprimento do plan de actividades proposto para o derradeiro contrato como Profesor Emérito. Tamén se valorarán todos os extremos presentados no "curriculum vitae" relativos ao período do derradeiro contrato, a adecuación ao proxecto de actividades presentadas e o grao de repercusión que para o Departamento, Facultade ou Escola da Universidade tivese o labor realizado polo Profesor Emérito durante o período do seu derradeiro contrato.
  3. O número de profesores eméritos non poderá exceder do tres por cento do cadro de persoal docente da Universidade. Cada ano poderá contratarse un número de profesores eméritos que non exceda da quinta parte do límite anterior. Tenderase a que no conxunto de profesores eméritos estean representados os diferentes ámbitos de coñecemento.
  4. A proposta que eleve a COAP ao Consello de Goberno deberá respectar o cumprimento do límite numérico establecido no parágrafo anterior.
  5. Cando o número de solicitudes exceda o límite de prazas dispoñíbeis de Profesor Emérito, a COAP ordenará as solicitudes recibidas e emitirá informe motivado xustificativo da orde de prelación asignada.
  6. Co fin de favorecer a oportuna rotación de Profesores Eméritos con vinculación contractual e aos efectos de impedir que determinadas promocións de profesores dificulten o acceso á primeira contratación de novos Profesores Eméritos, primaranse os novos contratos respecto á concesión da primeira prórroga, e esta, no seu caso, sobre a concesión das sucesivas. En particular, non poderán concederse segundas prórrogas ou seguintes mentres haxa solicitudes avaliadas favorabelmente que non poidan ser atendidas polas limitacións numéricas establecidas na normativa xeral. Ademais, en cada convocatoria anual, reservarase un mínimo do 25% para novas contratacións, coa salvidade de que o número de solicitudes deste tipo que resulten avaliadas favorabelmente pola Comisión non acaden ese valor, en cuxo caso poderán ser completadas preferentemente por primeiras prórrogas.A COAP deberá ter en conta estes extremos á hora de elevar a súa proposta ao Consello de Goberno.

Artigo 3º.- Aprobación das propostas

Á vista do informe de valoración elaborado pola COAP e da orde de prelación establecida por esta, no seu caso, o Consello de Goberno emitirá informe para a contratación de Profesores Eméritos. Tamén emitirá informe para a concesión de prórroga aos contratos de Profesor Emérito.

Artigo 4º.- Contratación

  1. Aquelas solicitudes con informe favorábel do Consello de Goberno darán lugar á contratación ou, no seu caso, prórroga do contrato como Profesor Emérito. O Reitor dictará resolución denegatoria para aquelas solicitudes que non teñan recibido informe favorábel do Consello de Goberno para a contratación ou concesión de prórroga como Profesor Emérito.
  2. A contratación de Profesores Eméritos realizarase en réxime laboral con carácter temporal, e con dedicación a tempo completo ou parcial, por un período de 2 anos, con posibilidade de renovación por un período de igual duración. Excepcionalmente, os contratos poderán ser obxecto de sucesivas prórrogas por un mesmo período, ata o límite máximo global de 10 anos.
  3. Os profesores eméritos non poderán desempeñar ningún cargo académico universitario.
  4. A súa retribución será a diferenza entre o que perciba anualmente polo total das súas pensións de xubilación e as retribucións consolidadas como funcionario en activo, por todos os conceptos, no momento anterior á súa xubilación.
  5. A Vicerreitoria de Profesorado velará polo cumprimento do límite numérico do 3% máximo de Profesores Eméritos en relación coa totalidade do cadro de persoal docente e investigador da UDC.

Artigo 5º.- Recursos

Contra a denegación de nomeamento ou de concesión de prórroga de Profesor Emérito poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Reitor ou directamente recurso contencioso-administrativo de conformidade co previsto na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, parcialmente modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, e na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdicción Contencioso-administrativa.

ANEXO I