Normas para a contratación de profesores estranxeiros como lectores para ensino de idiomas

Constitúe unha práctica ordinaria e tradicional nas universidades a contratación de profesores estranxeiros como lectores para colaborar na docencia das linguas modernas que se imparten nas titulacións de Filoloxía e en todas aquelas outras que inclúen a esixencia dalgún idioma moderno. As particularidades que presenta este tipo de profesorado e a función de intercambio universitario que ao mesmo tempo pode cumprir, aconsellan regular de maneira específica o réxime deste. Para tales efectos establécese a seguinte normativa:

Primeiro. A contratación de profesores estranxeiros como lectores poderase facer por varias vías, preferentemente mediante os convenios que para eses efectos, e para os xerais de intercambio cultural e científico se subscriban entre a Universidade da Coruña e outras universidades ou organismos da comunidade internacional.

Segundo. As propostas de contratación serán efectuadas polo departamento en que se encontren integradas as áreas de coñecemento correspondentes á lingua para a que se solicita o profesor lector.

Terceiro. As solicitudes de profesores lectores formuladas polos departamentos, cursaranse pola Vicerreitoría de Profesorado á universidade ou organismo correspondente a que se comunicarán as condicións contractuais e obrigacións docentes ás que terá que axustarse o profesor lector.
En caso de non existir convenio para o efecto, a Vicerreitoría de Profesorado solicitará de institucións de países estranxeiros solicitudes de candidatos. A selección destes realizarase mediante unha comisión especifica, nomeada para o efecto.

Cuarto. O contrato dos profesores lectores terá réxime laboral específico e vixencia dun curso académico, despois do cal, por petición do departamento, poderase subscribir novamente por un ano académico máis agás estipulacións en contrario dos diferentes convenios. Así mesmo, terán unha carga lectiva de doce horas semanais e unha retribución equivalente á de profesor asociado de universidade, tipo 3 con dedicación a tempo completo, con esixencia da titulación académica correspondente tamén a esta categoría de profesorado.

Quinto. O profesor lector contratado comprometerase a desempeñar as súas funcións baixo a dependencia do profesor a quen o departamento designe como supervisor da súa docencia, respecto ao cal o profesor lector terá a condición de colaborador.

A Coruña, 24 de xullo de 1990