Acordo do Consello de Goberno polo que se regula a normativa de constitución de listaxes de agarda para profesores asociados con contratos de duración non superiores a 6 meses

(Acordo do 17 de decembro de 2009 do Consello de Goberno da Universidade da Coruña, modificado por acordo do Consello de Goberno do 27 de marzo de 2012)

O artigo 53. d) da Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24/12/2001) establece que a duración dos contratos de profesor asociado será trimestral, semestral ou anual, e poderase renovar por períodos de igual duración
A estrutura dos actuais estudos universitarios fai necesaria con frecuencia a contratación de profesorado para atender necesidades docentes específicas (mestrados, estadías clínicas etc.) por períodos non superiores a seis meses, sen que estes contratos sexan susceptibles de prórroga, por non existir continuidade con respecto á docencia que se impartirá no curso seguinte.

Coa finalidade de evitar a necesidade de convocar novos concursos cada curso académico para atender estas necesidades docentes, este Consello de Goberno acordou:

Primeiro: aprobar a constitución de listaxes de agarda para a contratación de profesores asociados para atender necesidades docentes por períodos iguais ou inferiores a seis meses cando os contratos non sexan susceptibles de prórroga por non existir continuidade na docencia.

Segundo: unha vez resolto un concurso para cubrir necesidades docentes das características indicadas constituirase unha listaxe de agarda cos candidatos propostos pola comisión para cubrir posibles renuncias ou atender futuras necesidades que se produzan.

Terceiro: complementariamente, poderanse convocar concursos específicos para a constitución de listaxes de agarda para a mesma finalidade, cando as circunstancias así o aconsellen.

Cuarto: finalizado o contrato, os/as concursantes retornarán ao posto que ocupaban na listaxe de agarda.

Quinto: as listaxes de agarda que se constitúan ao abeiro deste acordo terán unha vixencia de dous cursos académicos, agás que se esgoten as posibilidades de contratación a través destas ou que os/as responsables da docencia propoñan a convocatoria de novos concursos.