Os orzamentos para o ano 2006 recollen a creación dun total de 15 prazas de profesorado en formación, cunha dupla finalidade: en primeiro lugar, crear prazas de profesorado en formación naquelas áreas que utilizaron conxunturalmente a figura de profesor asociado e solicitaren a súa reconversión (5 prazas); en segundo lugar, estimular o traballo daqueles grupos de investigación cuxa produción atinxa unhas cotas de excelencia (10 prazas). Caso de haber máis prazas que solicitudes nalgunha das modalidades, acumularase o custo económico destas prazas á outra modalidade.
A presente normativa ten por obxecto regular a asignación desas prazas de axudante en condicións de publicidade, de transparencia, de obxectividade, de concorrencia competitiva e de non discriminación.
Artigo 1.- Obxecto
Establecer as bases que van rexer o proceso de asignación de axudantías de nova creación a áreas/departamentos ou grupos de investigación de calidade e aprobar a convocatoria correspondente.
Artigo 2.- Modalidades
Establécense dúas modalidades de asignación:
- Modalidade A, por reconversión de profesores asociados.
- Modalidade B, por excelencia investigadora
Artigo 3.- Requisitos das persoas solicitantes
Modalidade A
Poderán solicitar unha axudantía de nova creación aquelas áreas de coñecemento/departamentos que propoñan a minoración da dedicación de profesores asociados da área. A área de coñecemento/departamento solicitante deberá ter cuberto o 80% da súa (*)capacidade docente con docencia de 1º e 2º ciclo.
Modalidade B
Poderán solicitar unha axudantía aqueles grupos de investigación inscritos no catálogo de investigación da UDC. A área de coñecemento/departamento para a que se solicita a praza debe ter cuberto o 70% da súa capacidade docente con docencia de primeiro e segundo ciclo. Cada grupo só poderá solicitar unha praza de axudante. Aos grupos que obtivesen unha praza na convocatoria anterior multiplicaráselles a puntuación final por 0,6.
(*) A capacidade docente dunha área de coñecemento/departamento calcúlase multiplicando o número de profesores da área pola dedicación máxima de cada tipo de praza.
Artigo 4.- Criterios de selección
Na modalidade A, serán criterios que se ponderarán na concesión de axudantías:
- A participación da área/departamento en procesos de renovación pedagóxica, especialmente a vinculada ao Espazo Europeo de Educación Superior.
Na modalidade B, serán criterios para ponderar:
- O número de sexenios concedidos nos últimos 8 anos ás integrantes do grupo de investigación, tendo en conta que o número de sexenios por profesor neste período nunca poderá ser superior a 1.
- Os recursos externos obtidos polo grupo nos últimos 6 anos mediante axudas oficiais, convenios ou contratos de investigación. Computaranse os recursos obtidos desde xaneiro do ano 2000.
Artigo 5.- Procedemento de concesión
As solicitudes serán remitidas á Reitoría polos departamentos antes do_21 de abril_, mediante unha instancia formalizada dirixida ao vicerreitor de Profesorado e acompañada dunha memoria xustificativa da petición. Para a modalidade A será preciso o informe favorable do Consello de departamento.
Reunidas todas as solicitudes, a Vicerreitoría de Profesorado comprobará que estas presentan toda a documentación, e requirirá, caso contrario, a súa reparación nun prazo máximo de dez días. Se non se corrixir a falta de documentación, declararase arquivada a solicitude por renuncia das persoas solicitantes.
A Vicerreitoría de Profesorado poderá solicitar os informes que considerar oportunos para acreditar os requisitos ou méritos que se alegaren.
Despois de se instruíren as solicitudes, remitiranse á COAP, que elaborará a proposta de resolución con base nos criterios de selección, que para a modalidade B serán os seguintes:
- Adxudicar un 50% de valoración total ao número de sexenios concedidos nos últimos 8 anos ás persoas integrantes do grupo de investigación .
- A puntuación máxima deste apartado será de 6 puntos. Os 3 primeiros sexenios terán unha valoración dun punto, do cuarto ao sexto 0,5 puntos e 0,25 puntos do sexto en adiante.
- O 50% restante incluirá os seguintes conceptos:
- Patentes, modelos de utilidade e outros resultados da investigación, en especial os que produzan unha transferencia tecnolóxica ao sector produtivo.
- Participación en proxectos de investigación que se obtivesen en convocatorias públicas e competitivas.
- Participación en contratos de investigación de especial relevancia en empresas ou na Administración pública e noutras entidades de recoñecido prestixio.
2.1. Rexistro da propiedade industrial e intelectual. Puntuación máxima: 5 puntos. No caso de que algunha das solicitudes superase o máximo, farase a ponderación correspondente.
2.1.1 Patentes e rexistros da propiedade industrial e intelectual comercializados ou licenciados en explotación: 2 puntos por patente.
2.2. Participación en proxectos de investigación que se obtivesen en convocatorias públicas e competitivas: puntuación máxima 15 puntos. No caso de que algunha das solicitudes superase o máximo, farase a ponderación correspondente. Teranse en conta para a valoración todos os membros do grupo solicitante pertencentes á Universidade da Coruña. A puntuación correspondente aos membros do grupo, en cada proxecto, non pode nunca superar a puntuación correspondente ao investigador principal. As puntuacións reduciranse á metade se o investigador ten dedicación parcial ao proxecto, agás no caso do investigador principal.
2.2.1. Bolseiros de investigación de ámbito estatal adxudicados de forma competitiva ao proxecto de investigación: 5 puntos por bolseiro.
2.2.2. Proxecto europeo: investigador principal (6 puntos), coordinador de grupo (3 puntos), investigador (2 puntos), bolseiro ou contratado (1 puntos)
2.2.3. Proxecto estatal: investigador principal (4 puntos), coordinador de grupo (2 puntos), investigador (1 puntos), bolseiro ou contratado (0,5 punto)
2.2.4. Investigador Comunidade Autónoma: investigador principal (2 puntos), investigador (0,75 puntos), bolseiro ou contratado (0,25 puntos)
2.2.5. Outros proxectos: puntuacións proporcionais aos demais proxectos en función das características da convocatoria e do seu ámbito internacional, provincial ou local.
2.3. Participación en contratos de investigación de especial relevancia en empresas ou na Administración pública e noutras entidades de recoñecido prestixio. Puntuación máxima 5 puntos. No caso de que algunha das solicitudes superase o máximo, farase a ponderación correspondente.
2.3.1 Puntuación segundo o tipo de participación: dirección técnica, asesoría técnica, investigación, xestión.
2.4. Captación de recursos. Puntuación máxima: 7 puntos.
2.4.1. Ingresos totais por proxectos e por contratos de investigación, por actividades de asesoría, por auditorías, por informes técnicos, por informes xurídicos etc. [A puntuación tope é igual para cada ámbito científico e acadaríaa o grupo do ámbito que obteña o resultado total de recursos maior sempre que supere a cantidade de 600.000 euros para os ámbitos tecnolóxico, ciencias experimentais e da saúde, e de 200.000 euros para o ámbito de ciencias sociais e xurídicas e humanidades, e logo ponderarase a puntuación para o resto dos que concorren nese ámbito en relación cos límites anteriores].
Utilizarase a distribución de áreas de coñecemento entre os ámbitos de humanidades, ciencias sociais e xurídicas, ciencias experimentais, ciencias da saúde e tecnoloxía e enxeñaría utilizada pola CNEAI.
A resolución final será adoptada polo Consello de Goberno.
O reitor convocará os concursos de provisión das prazas no prazo máximo dun mes desde a realización do Consello de Goberno.